[go: up one dir, main page]
More Web Proxy on the site http://driver.im/Saltar ao contido

As Burgas

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Modelo:Xeografía físicaAs Burgas
Imaxe
Tipofonte Editar o valor en Wikidata
Localización
División administrativaOurense, España Editar o valor en Wikidata
LocalizaciónOurense Editar o valor en Wikidata
Mapa
 42°20′05″N 7°51′55″O / 42.334611, -7.865308
Características
Ben de interese cultural
IdentificadorRI-54-0000232-00000

As Burgas son uns mananciais de augas termais que se localizan na cidade de Ourense. Deles brotan unhas augas silicatadas, fluoradas, litínicas e hipertermais, a unha temperatura entre 64 e 68 °C cun caudal de 300 litros por minuto. Estas augas son aplicables a diferentes tipos de dermopatías.

Xunto coa catedral e a Ponte Maior, son un dos símbolos da capital ourensá, á que se lle deu en chamar "Cidade das Burgas". Estes mananciais foron declarados Conxunto Histórico-Artístico no ano 1975.

Composición da auga

[editar | editar a fonte]

A composición da auga das Burgas, segundo a análise feita polos doutores Souto e Bermejo en 1990, é a seguinte:

Composición química das augas das Burgas.
  • pH............................ 7,56
  • Residuo seco.......... 649,2 mg/l
  • Litio......................... 1,14 mg/l
  • Sodio...................... 102,2 mg/l
  • Potasio................... 8,15 mg/l
  • Rubidio................... 0,16 mg/l
  • Cesio...................... 0,11 mg/l
  • Calcio..................... 11,2 mg/l
  • Magnesio............... 0,69 mg/l
  • Boro....................... 1,24 mg/l
  • Cloruro................... 25,0 mg/l
  • Fluoruro................. 13,49 mg/l
  • Bicarbonato........... 462 mg/l
  • Nitrato.................... 0,33 mg/l
  • Sílice...................... 71,8 mg/l

Orixe do nome

[editar | editar a fonte]

A orixe do nome das Burgas non está moi clara. Para algúns autores pode proceder de celta "beru" que quere dicir quente, pero a etimoloxía máis aceptada é a que provén do latín "burca" que quere dicir pía, en alusión ós baños utilizados polos romanos como balnearios.

A Burga de Abaixo.

Mananciais

[editar | editar a fonte]

Son tres mananciais: a Burga de Arriba, a máis antiga, de estilo popular e pertencente ó século XVII; a Burga do Medio, pegada ó muro e de estilo moderno; e a Burga de Abaixo, de estilo neoclásico, século XIX, con dous canos laterais e unha pía labrada no centro con outro cano. Tamén se atopa neste conxunto a réplica das catro aras romanas atopadas na cidade, a primeira delas en honor das Ninfas desas augas ofrendada por Calpurnia Abana Aeboso, que é o primeiro nome coñecido dun habitante da cidade de Ourense.

Como dato curioso podemos comentar que antigamente as paisanas usaban a fonte para escaldar os polos e quitarlle así as plumas de forma máis doada.

Tampouco está clara a orixe destes mananciais: unha lenda di que nacen debaixo da capela do Santo Cristo, na Catedral, e outra di son causadas por un volcán en repouso que está na base do Montealegre e que nalgún momento podería chegar a estoupar. Tamén se di que a alta temperatura das augas se debe a que o manancial se atopa xusto por riba do inferno.

A comezos de 2005, por mor dunhas escavacións non autorizadas asociadas á construción dun novo balneario, resultou perforado un dos pozos que alimentan as Burgas, perdéndose un 40% do caudal, e secando un dos canos principais das fontes polas que xorden as augas.

O 28 de xullo do 2010 inaugurouse a nova piscina termal na Burga do Medio, obra do arquitecto galego César Portela[1]. Ó principio, esta piscina termal era de pago, pero en xaneiro do 2013, converteuse nunha piscina termal gratuíta.

Conta a lenda que había un ermitán chamado Pedro en Ribadavia, que era quen traía as augas quentes a esta vila. Un día enfermou e creu morrer, pero un pastor que andaba por alí chamou un médico, quen curou a Pedro. Desde aquela, Pedro e o pastor fixéronse amigos e este leváballe comida ó ermitán. Había tamén unha moza, Aurora, filla dun adegueiro, que estaba namorada do pegureiro. Porén, este rexeitábaa por crer que a moza era unha enviada do demo. Aurora, para vingarse do desprezo do mozo, roubou un cáliz na igrexa e agochouno no zurrón do mozo, acusándoo por ladrón. Este foi perseguido polos veciños de Ribadavia, apedreado e morto.

Cando Pedro o soubo, desviou as augas quentes desde Ribadavia a Ourense, e fixo que xurdiran nas Burgas. El mesmo marchou vivir a esta cidade. [2]

Outra lenda conta que unha muller non gardou o descanso debido dos días festivos e foi lavar a roupa ás Burgas o día de Santo Antón. Asegurab que, xa que o Santo non lle ía lavar a roupa, tería que facelo ela. Pero no momento de meter as mans na auga, sufriu a amputación dun brazo. Disque ese brazo se conservaba no convento de San Francisco da cidade.

Galería de imaxes

[editar | editar a fonte]
  1. "Ourense estrea un novo espazo termal no corazón da cidade". Arquivado dende o orixinal o 21 de febreiro de 2014. Consultado o 03 de xaneiro de 2011. 
  2. Vítor Vaqueiro, 96-97.

Véxase tamén

[editar | editar a fonte]

Bibliografía

[editar | editar a fonte]
  • VAQUEIRO, Vítor: Mitoloxía de Galiza. Lendas, tradicións, maxias, santos e milagres, Galaxia, Vigo 2011.