Cuíña dos Pardais
A cuíña dos Pardais (en ruso: Воробьёвы горы, Vorobiovy Gory), chamada de Lenin entre 1935 e 1999, é un outeiro na marxe dereita do río Moscova e un dos puntos máis altos da capital rusa, cunha altitude de 220 metros por riba do nivel do mar.
Conta cun miradoiro dende o que se contempla unha ampla vista panorámica da cidade, situado nunha chaela sobre un arboredo corgueiro cun desnivel de 85 metros sobre a superficie do río. Baixo a cuíña, e da outra banda do río, atópase o estadio Luzhniki (antigo Estadio Lenin), onde se celebraron as cerimonias de apertura e peche dos Xogos Olímpicos de verán de 1980. Preto del está o mosteiro de Novodevichi, exemplo sobranceiro do barroco Naryshkin.
Non moi lonxe do miradoiro está a ponte de Luzhniki, que atravesa o río para ligar a avenida Komsomolsky e a avenida Vernadsky. É unha ponte de dous niveis, o superior está aberto ao tráfico rodado e o inferior á circulación do metro, cunha pasaxe peonil. Neste nivel está a estación de metro Vorobiovy Gory, construída con paredes de vidro que permiten aos pasaxeiros apreciar a súa localización sobor do río.
Alexandre I de Rusia quixo construír a catedral de Cristo Redentor nesta lomba, mais o seu sucesor Nicolao I paralizou as obras e a catedral foi levantada preto do Kremlin, no seu lugar actual.
Na actualidade, o principal edificio da cuíña dos Pardais é a Universidade Lomonosov, o máis alto dos sete rañaceos mandados construír por Stalin na década de 1940 en Moscova. Cunha altura de 240 metros contando a antena, foi o edificio máis alto de Europa dende a súa inauguración en 1953 ata 1990. A poucos metros do miradoiro pódese visitar a pequena igrexa da Trindade.
Durante o Mundial de fútbol de 2018, a cuíña dos Pardais acolleu o maior fan fest do torneo, un espazo de entremento para os seareiros asistentes á competición.
Teleférico
[editar | editar a fonte]O 27 de novembro de 2018 abriu un teleférico entre o cume e o complexo deportivo Luzhniki[1]. Ata 2016 houbo nesa zona un trampolín de salto de esquí, data na que se desmontou con vistas a construír unha área de lecer con instalacións para deportes de neve, cun novo trampolín, pistas de esquí e snowboard e un escorregadoiro para zorras.
Notas
[editar | editar a fonte]- ↑ "El teleférico sobre el estadio Luzhniki entra en funcionamiento seis meses después del Mundial - RTVE.es" (en castelán). 2018-12-29. Consultado o 2019-07-14.