[go: up one dir, main page]
More Web Proxy on the site http://driver.im/Saltar ao contido

Croqueta

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Prato de croquetas con ensalada.
Boliños de peixe.

Unha croqueta é unha porción de masa, xeralmente de forma alongada (forma ovalada ou en boliños), elaborada con anacos moi pequenos de carne, peixe, xamón ou outros ingredientes, ligados cun bechamel mesto, que se reboza e se frite[1].

Adoitan tomarse coma petiscos, tapas ou en pratos combinados en bares e restaurantes de toda Galicia. Tamén é común facelas na casa artesanalmente ou conxeladas.

Preparación

[editar | editar a fonte]

A base das croquetas adoita ser dun bechamel, que sempre se mestura con outros ingredientes en cantidade abundante, tipicamente anaquiños de xamón, polo picado ou peixe (atún, bacallau, pescada, salmón...), e a miúdo ademais con algunhas verduras fervidas e esmagadas cun garfo. Pódense facer croquetas de calquera ingrediente ou calquera mestura deles: espinacas con pasas e piñóns, xamón cocido e queixo, luras, gambas, cogomelos, espárragos, patacas, cenorias etc.

Primeiro hai que cociñar o ingrediente ou ingredientes. A seguir mestúranse co bechamel mesto e a masa resultante déixase arrefriar. Cóllense porcións (dunha culler sopeira, aproximadamente) de pasta e dáselles forma, a miúdo ovalada, coas dúas mans ou coa axuda de dúas culleres.[2]

Ás veces, mais non sempre, enfaríñanse primeiro e sacódese a fariña sobrante. Mergúllanse a seguir en ovo batido e cóbrense sempre xenerosamente con pan relado. Despois póñense a fritir nunha tixola con abundante aceite a ferver, até ficaren douradas. Finalmente escóase o aceite sobrante sobre unha reixa ou sobre papel absorbente.

A croqueta, no orixinal Kroketten en alemán, ou croquette en inglés e francés, disque foi unha invención holandesa, introducida nos Países Baixos no comezo do século XX polo panadeiro Kwekkeboom, holandés que viviu en Francia. En 1909 chegou a receita da croqueta rechea, unha adaptacións duns boliños franceses que xa usaban todo tipo de recheo. Kwekkeboom introduciu a nova croqueta no seu país cun recheo de carne de boa calidade. Co tempo, a croqueta tornouse extremamente popular. Outras fontes apuntan directamente á orixe francesa[3]. Hoxe día é máis popular en España, Sicilia, e nos Países Baixos, ca na propia Francia.

Variantes e alimentos semellantes noutros países

[editar | editar a fonte]
  • Bangladesh: similar ao alu-tikki indiano, o alu-chop é unha croqueta rechea de patacas servida como aperitivo. Alén do recheo de patacas, tamén existe un tipo feito de carne.
  • Brasil: son típicos os croquetes de carne, mais tamén atópanse de polo e gambas.
  • Cuba: normalmente feitas con xamón, porco ou polo (ou mesmo unha mestura dos tres).
  • España: son típicas as croquetas de xamón e polo.
  • Filipinas: chamadas croquetas é un prato herdeiro da colonización española, a receita local da croqueta é con recheo de puré de patacas, carne bovina ou de peixe picado.
  • Hungría: Krokett é un pequeno boliño cilíndrico similar á receita checa.
  • India: pódese encontrar unha croqueta chamada alu-tikki, norte. Algunhas veces chámanlle cutlet e úsase coma alternativa das hamburguesas vexetarianas en cadeas de comida rápida.
  • Indonesia: o kroket é popular, introducido durante a colonización holandesa.
  • Xapón: unha variación da croqueta chámase korokke. É bastante común e pode prepararse coma patacas e outros vexetais (cebola ou cenoura), cunha pequena cantidade de carne porcina ou bovina. A versión cilíndrica do "korokke" adoita ter recheos de caranguexo ou polo.
  • México: tipicamente prepáranse con atún e patacas.
  • Portugal: tipicamente prepáranse con carne bovina esfiada.
  • República Checa: o krokety é un pequeno boliño feito con patacas, ovos, fariña e manteiga, fritido en aceite quente.
  1. Definición en galego en Dicionario de alimentación e restauración, VV. AA. (2012) Santiago de Compostela, Termigal. Xunta de Galicia. Real Academia Galega
  2. "Propiedades nutricionales de las croquetas" (en castelán). Consultado o 1 de setembro de 2015. 
  3. "Vino Y Cocina" (en español). Consultado o 30 de outubro de 2014.