Crebinsky
Crebinsky | |
---|---|
Ficha técnica | |
Título orixinal | Crebinsky |
Director | Enrique Otero |
Produtor | Farruco Castromán Miguel de Lira Enrique Otero |
Guión | Miguel de Lira Enrique Otero |
Intérpretes | Miguel de Lira Sergio Zearreta Luís Tosar Celso Bugallo |
Música | Pablo Pérez |
Fotografía | Sergio Franco |
Montaxe | J. R. Lorenzo Enrique Otero |
Estudio | ZircoZine Control Z Chévere Visión |
Estrea | 8 de abril de 2011 |
Duración | 90 minutos |
Orixe | Galicia |
Xénero | Comedia, realismo máxico, road movie |
Orzamento | 1 365 455 €[1] |
Recadación | 48.198,90 €[2] |
Na rede | |
Crebinsky é un filme galego de ficción dirixido por Enrique Otero e estreado en abril de 2011.
Sinopse
[editar | editar a fonte]A historia está ambientada na costa galega en xuño de 1944, no contexto da segunda guerra mundial. Feodor e Mijail Crebinsky son dous irmáns, fillos de María Cribeiro e Vladimir Crebinsky, un piloto ruso que sofrera un accidente aéreo anos antes. Noutro accidente os nenos quedan orfos, e logo dunhas choivas torrenciais o río crece e asolaga a aldea na que viven. Levados pola corrente, os irmáns e a súa vaca Mucha aparecen na costa. Fan unha cabana non lonxe dun faro, sobrevivindo grazas ás crebas, os obxectos que deixa o mar. Os irmáns Crebinsky criáronse sós dende novos, polo que teñen unha particular relación (comunícanse cun frases simples e directas) e un peculiar modo de existencia (ao descoñeceren o uso real dos obxectos que atopan, recíclanos segundo mellor lles conveña en cada momento cun grande enxeño artesanal).
Sen sabelo, vense implicados no conflito bélico. Un piloto alemán da Luftwaffe ten un accidente na praia, e un submarino estadounidense decide desembarcar alí. Soldados alemáns que traballan preto de alí, nunha mina de volframio, van xunto cun falanxista na procura do piloto accidentado, pois levaba un radiotransmisor. Os irmáns comezan unha viaxe pola zona na procura da súa vaca, e chegan a unha verbena na que actúa un grupo musical. Finalmente atopan a vaca, xunto á tumba dos seus pais. Nese momento a vaca morre, e os irmáns regresan á aldea natal.
Personaxes
[editar | editar a fonte]- Miguel de Lira como Feodor Crebinsky
- Sergio Zearreta como Mijail Crebinsky
- Luís Tosar como Comandante americano
- Celso Bugallo como fareiro
- Yolanda Muíños como María Cribeiro
- Farruco Castromán como falanxista
- Oliver Schultz como Xeneral nazi
- Patricia de Lorenzo Loli
- Iván Marcos como soldado americano
- Jorge Taboada como Feodor Crebinsky de neno
- Antía Baget como Loli de nena
- Óscar Pombo como Mijail Crebinsky de neno
- Manuel Cortés como socio de Loli
- Oliver Bigalke como técnico de comunicacións alemán
- Roberto Sánchez como Vladimir Crebinsky
- Pepe Soto como construtor da avioneta
- Danny Raatzke como Kowalsky, soldado alemán
Rodaxe
[editar | editar a fonte]Foi rodada entre o 15 de setembro e o 30 de outubro de 2008 en Espasante (Ortigueira), Portomarín, Mañón, e Santiago de Compostela.
Banda sonora
[editar | editar a fonte]A música do filme foi composta por Pablo Pérez. A banda sonora inclúe dous boleros interpretados por Patricia de Lorenzo. A música foi levada ao directo pola banda Universo Crebinsky, formada por Vadim Yukhnevich (voz e acordeón), Pablo Pérez (contrabaixo), Fernando Abreu (clarinete), Carlos Castro (vibráfono e percusión), Xacobe Lamas (violín), Miguel Queixas (batería), Pablo Rega (guitarra) e Enrique Otero (teclados).
Galardóns e nomeamentos
[editar | editar a fonte]No Festival de Cine Español de Málaga de 2011 recibiu dous premios: mellor guión novel e o premio Signis. Foi seleccionada no Festival Internacional de Pusan (PIFF) de 2010, en Corea do Sur.
Recibiu o Premio Agave 2011 á mellor película na segunda edición do FilmFest de Oaxaca de Juárez.
Nos premios Mestre Mateo 2010, Crebinsky tiña 12 candidaturas, levando finalmente catro galardóns: actor protagonista (Miguel de Lira), dirección artística (Ángel Amaro e Nanda Cuíña), dirección de fotografía (Sergio Franco) e maquillaxe e peiteado (Susana Veira).
Ano | Categoría | Receptor | Resultado |
---|---|---|---|
9ª edición | Mellor filme | Enrique Otero | Nomeado |
Mellor director | Enrique Otero | Nomeado | |
Mellor actor | Miguel de Lira | Gañador | |
Mellor guión | Miguel de Lira e Enrique Otero | Nomeados | |
Mellor dirección de produción | Sergio Gil e Pilar Pérez Solano | Nomeados | |
Mellor dirección artística | Ángel Amaro e Nanda Cuíña | Gañadores | |
Mellor montaxe | J. R. Lorenzo e Enrique Otero | Nomeados | |
Mellor música orixinal | Pablo Pérez | Nomeado | |
Mellor son | Diego S. Staub e Xavier Souto | Nomeado | |
Mellor fotografía | Sergio Franco | Gañador | |
Mellor maquillaxe e peiteado | Susana Veira | Gañadora | |
Mellor deseño de vestiario | Carlos Alonso e Eva Camino | Nomeados |
Notas
[editar | editar a fonte]- ↑ BoxOfficeMojo.com
- ↑ Catálogo ICAA (ed.). "Ficha da ICAA de Crebinsky". Consultado o 2 de novembro de 2019.