Cisne negro
Cisne negro Cygnus atratus | |||||||||||||||||||
---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|
Estado de conservación | |||||||||||||||||||
Pouco preocupante | |||||||||||||||||||
Clasificación científica | |||||||||||||||||||
| |||||||||||||||||||
Nome binomial | |||||||||||||||||||
Cygnus atratus Latham, 1790 | |||||||||||||||||||
Distribución do cisne negro
| |||||||||||||||||||
Subespecies | |||||||||||||||||||
|
O cisne negro, ou cisne negro australiano (Cygnus atratus Latham, 1790) é unha especie de ave anseriforme da familia dos anátidos (Anatidae) endémica de Australia.
Descuberto en 1697, a principios do século XVIII, colonos ingleses que volveron de Australia trouxeron consigo, nos seus barcos, cargamentos de cisnes negros.
Os cisnes negros son orixinarios tan só da grande illa austral de Tasmania e, ata entón, pensábase que todos os cisnes eran brancos, porque eran brancos todos os que se coñecían. A súa introdución na Gran Bretaña causou unha gran conmoción na sociedade inglesa. Aínda que hoxe poida parecernos algo inxenuo, o certo é que a aparición dunha especie de cisnes dunha cor distinta á que estaban afeitos a ver, supuxo para os homes da época unha fonte de debate e de polémica.
O cisne negro australiano foi descrito cientificamente polo naturalista inglés John Latham en 1790.
Esta ave é unha das favoritas dos estanques ornamentais de Europa e de América. Pero non se asilvestrou nestes continentes. Aínda así, existen en Gran Bretaña, Islandia, Polonia e nos Países Baixos poboacións introducidas que son autosuficientes, e crían localmente sen axuda do home.[1] E en Cataluña hai constancia de que intentaron criar no delta do río Llobregat.[2]
Características
[editar | editar a fonte]Non hai dimorfismo sexual na plumaxe dos individuos. A plumaxe é negra, pero as plumas remeiras son brancas; o peteiro é vermello. Os inmaturos teñen penuxe agrisado e o peteiro gris escuro.[3] Os machos son máis grandes que as femias; teñen unha lonxitude total de 1,2 a 1,4 m, unha envergadura alar de 1,6 a 2 m, e un peso de 6,3 a 8,7 kg. As femias teñen un peso medio de 5,1 kg.[3][4]
Distribución
[editar | editar a fonte]O cisne negro é común no leste e no oeste de Australia, e non está presente na parte árida central nin na húmida tropical do norte. É residente en Tasmania, criando nesta illa.
Poboacións introducidas
[editar | editar a fonte]En 1864, o cisne negro australiano foi introducido en Nova Zelandia como ave acuática ornamental, formándose poboacións moi grandes nos lagos costeiros e nos interiores das dúas illas, especialmente nos lagos Rotura, no lago Wairarapa e no lago Ellesmere, e nas illas Chatham.[4][5]
Tamén se introduciu, con fins ornamentais, en parques de Europa e América, como quedou dito.
Poboación actual
[editar | editar a fonte]Actualmente estímase que existen entre 300.000 e 500.000 individuos.[6]
Hábitat e alimentación
[editar | editar a fonte]Os cisnes negros viven en lagos e lagoas, aínda que poden observarse con certa frecuencia en costas mariñas e, ocasionalmente, en mar aberto.
Mostran preferencia polos lagos pouco profundos (aproximadamente dun metro de profundidade) onde pode alcanzar a vexetación acuática do fondo mergullando case todo o corpo e estirando o pescozo.
Exclusivamente herbívoros, dependendo da zona na que viven e das variacións estacionais, varía a súa dieta, que está dominada fundamentalmente por plantas acuáticas e das marismas. Por exemplo, en Nova Gales do Sur predominan as plantas do xénero Typha e de Vallisneria. En Queensland predomina Potamogeton.
Tamén comen algas, plantas de ribeira e filtran partículas alimenticias co bico na superficie das augas. A composición da dieta varía co nivel da auga.[7]
Reprodución
[editar | editar a fonte]Os cisnes negros son fundamentalmente monógamos, como os outros cisnes, emparellándose de por vida (cunha taxa do 6 % de divorcios).[8] e ambos os proxenitores ocúpanse do coidado das crías.
Nidifican na temporada de chuvias, aniñando en colonias compostas por de entre unhas poucas e varios milleiros de parellas, cos niños cerca os uns dos outros.[3]
O niño constrúeno en pequenas illas ou illotes, sobre vexetación acuática, e consiste nunha plataforma de herbas que pode medir dous metros de diámetro por un metro de alto.
As femias poñen de media de catro a sete ovos de cor verde pálida, pero poden chegar até os dez. A incubación dura de 35 a 45 días. Os polos nacen coa plumaxe branca e, cando son pequenos, soben sobre as costas dos pais. Aos 6 meses xa poden voar e aos dous anos son adultos.
Comportamento
[editar | editar a fonte]O cisne negro é bastante sociábel. Pasada a temporada de cría reúnense formando grandes grupos. En Nova Zelandia, no lago Ellesmere, estimáronse concentracións de até 70.000 individuos.
Non é unha ave migratoria, pero desprázase a grandes distancias, de centos de quilómetros, en busca de alimento.
Galería de imaxes
[editar | editar a fonte]-
Adulto amosando o seu característico pescozo en "S".
-
Familia
-
En voo.
-
Ovo da especie da colección do Museo de Historia Natural de Toulouse
Notas
[editar | editar a fonte]- ↑ Mullarney, K.; Svensson, L., Zetterström, S. & Grant, P. J. (2001): Guía de aves. La guía de campo de aves de España y de Europa más completa. Barcelona: Omega, páx. 389.
- ↑ Estrada, Joan; Jutglar, Francesc & Llobet, Toni (2010): Ocells de Catalunya, País Valencià i Balears. Barcelona: Lynx, páxs. 18-19. ISBN 978-84-96553-54-5.
- ↑ 3,0 3,1 3,2 Pizzey, G. (1984). A Field Guide to the Birds of Australia. Collins (Sydney). p. 66. ISBN 0002192012.
- ↑ 4,0 4,1 Falla, R. A., Sibson, R. B., & Turbott, E. G. (1981). The New Guide to the Birds of New Zealand and Outlying Islands. Collins (Auckland). p. 80. ISBN 0002175630.
- ↑ Black Swan (New Zealand birds)
- ↑ BirdLife International 2008. Cygnus atratus Arquivado 18 de outubro de 2019 en Wayback Machine.. En: IUCN 2009. Lista Vermella da IUCN, 2009 (2009 IUCN Red List of Threatened Species)
- ↑ Scott, Sir Peter, ed. (1982). The World Atlas of Birds. Colporteur Press (Balmain).
- ↑ Royal Society journal.[Ligazón morta permanente]
Véxase tamén
[editar | editar a fonte]Commons ten máis contidos multimedia sobre: Cisne negro |
Ligazóns externas
[editar | editar a fonte]- Vídeos, fotos e voces do cisne negro Arquivado 28 de decembro de 2015 en Wayback Machine. en Internet Bird Collection. Vídeos (en inglés)