[go: up one dir, main page]
More Web Proxy on the site http://driver.im/Saltar ao contido

Castelo de Monterreal

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Castelo de Monterreal
ConcelloBaiona
ProvinciaPontevedra
Comunidade
autónoma
Galicia
Coordenadas42°07′32″N 8°51′00″O / 42.12555556, -8.85
Estilo arquitectónico
Estilo orixinalséculo XII (románico)
Estilo actualséculo XVI (restaurado)
Estado actualVisitable. Parador Nacional
Véxase tamén
Castelos de Galicia
editar datos en Wikidata ]

O castelo de Monterreal é un castelo da vila de Baiona, configurado por elementos construtivos do século XII ao XVI, tamén coñecido como Fortaleza de Monte do Boi. Dende 1966, é o Parador de turismo Conde de Gondomar. Atópase na península de Monterreal.

O lugar de Monte Real foi o punto estratéxico sobre o que se conformou ao longo dos séculos a defensa do territorio marítimo das Rías Baixas.

A transformación da fortaleza de Monte Real en vila debeuse aos Reis Católicos que lle deron a correspondente carta de poboamento para que duascentas familias pasasen a vivir dentro das murallas cos mesmos privilexios da veciña Baiona.

O seu período de maior esplendor chegou durante os séculos XV e XVI, converténdose nun próspero enclave comercial, en virtude do privilexio que Xoán II de Castela lle concedera a Baiona e A Coruña de selos únicos portos de Galicia que podían comerciar co estranxeiro.

A súa aparencia actual ven da reconstrución do século XVI feita por Diego Sarmiento de Acuña, Conde de Gondomar, que o renomeou como Castelo de Monterreal na honra dos Reis Católicos.

Torre do Príncipe.

Entre os seus muros leváronse a cabo acontecementos históricos de grande importancia para o país. Na estrutura quedan patentes dúas épocas: a medieval e a renacentista aínda que as primeiras noticias fixan a súa existencia (como castro ou castellum) no século II a.c..

No ano 60 Xulio César conquistou Baiona tendo que perseguir os rebeldes ata os seus refuxios das illas Cíes. Os romanos, os visigodos e os musulmáns tamén deixaron as súas pegadas neste castelo.

No ano 1331 foi atacada pola frota portuguesa do almirante Peñaza.

Soportou os ataques de piratas encabezados por Francis Drake e veu a chegada o 1 de marzo de 1493, da carabela Pinta.

No ano 1474 Pedro Madruga, tras atacar Baiona, construíu no Monte Boi unha torre da que aínda se conservan vestixios.

Porta principal.

Filipe II tamén se interesou por este enclave polo que a finais do século XVI o estado de semirruína das fortificacións foi corrixido co abaluartamento que proxectaron e levaron a cabo os enxeñeiros italianos irmáns Fratín, por encargo do capitán xeneral do Reino de Galicia o marqués de Cerralbo.

Co tempo o enclave perdeu a súa importancia militar en favor do por aquel entón porto da modesta vila de Vigo. O enxeñeiro real Tiburcio Spanochi xa indicaba nun informe a Filipe III que pese á opinión xeneralizada sobre o valor militar do enclave, o gran porto daquela ría sería no futuro o de Vigo.

No século XVIII foi visitada por dous famosos ilustrados frei Martín Sarmiento e Xosé Cornide.

Monte Real foi perdendo pouco a pouco poboación ata que no século XIX quedou practicamente deshabitada.

En 1877 José Elduayen mercou o Castelo,[1] onde levantou un palacete. O castelo sería vendido polos herdeiros, en 1924, ao asturiano Ángel Bedriñana Meana e posteriormente derrubado o palacete de Elduayen para construír o parador de turismo actual.[2]

Descrición

[editar | editar a fonte]
Escudo imperial coas aguias bicéfalas e as columnas de Hércules.
Porta de Filipe IV.

O actual conxunto distribúese nunha superficie de 18 hectáreas, con catro portas de acceso: a do Sol, a máis antiga e a segunda barreira a flanquear desde terra, foi construída polo gobernador Pedro Bermúdez en 1586; a do Príncipe coroada por un brasón; a Real do século XVI con arco de medio punto e os escudos dos Sarmiento, de España e o dos Austrias e a Principal ou de Filipe IV, do século XVII na que destacan as súas columnas acaroadas que sosteñen dous alfís de pedra de grandes dimensións, tamén serve de aceso á praia de Barbeira.

Do antigo castelo quedan tres quilómetros das súas antigas murallas e camiños de ronda.

O rei de León Afonso IX mandou realizar importantes obras entre os séculos XII e XIII, e máis tarde Filipe IV promoveu novas reformas nas murallas.

O castelo está defendido pola Torre da Porta do Sol, onde se sitúa unha rampla cunha ponte levadiza, e tres grandes torres:

  • A Torre do Príncipe, de estrutura cadrada que conta cun torreón circular e pilastras cilíndricas sitúase ao oeste das murallas. O interior é abovedado. Unha escaleira de caracol interior leva á plataforma superior. Sobre a porta loce tres escudos: o de Baiona á dereita, un con cabeza de fera posiblemente das reformas de 1663 e no centro un escudo de España- Nun principio foi utilizada como faro de guía para navegantes e posto de vixía, dominando coa mirada a entrada do porto. Foi prisión do rei portugués Afonso Henriques no ano 1173.[Cómpre referencia] Dende ela pódense ver as illas Estelas e as Cíes. Esta torre foi nun principio un faro destruído por Almanzor no ano 997, e que reconstruíu Afonso VI no ano 1027. Sufriu moitas modificacións no ano 1564 a mans do arquitecto Juan Zurita, por orde do rei Filipe II.
  • A Torre da Tenaza, situada ao leste da fortaleza é de planta heptagonal dominando a baía coas súas baterías defendendo o porto. Serviu de polvoreira e como prisión do Bispo de Tui Diego de Muros por parte de Pedro Madruga.
  • E a Torre do Reloxo que conta con ameas e defende a terra firme. De planta cadrada foi reedificada no século XVII. Conta con seis pezas de artillaría. Desde ela faise soar a campá de 1510 para dar sinal de alarma avisando dos perigos.

A pesar das torres, o recinto rodéase de grosos e altos muros.

A Batería e Porta de Santo Antón conforman a cuarta batería e defenden o interior do porto e parte da entrada. Ten oito troneiras.

O palacio actual é obra de estilo neogótico do século XIX.

Correspondentes as actuacións dos irmáns Fratín son o reduto da porta do Sol, a porta da ponte levadiza, a fortificación do Cangrexo e as dúas medias lúas[3] do Condestable, construcións que envolveron o vello amurallamento dándolle a imaxe que conserva na actualidade o conxunto. A media lúa do Cangrexo configúrase como un hornabeque que se cimenta na auga e os seus canóns defenden parte do interior do porto e parte terra firme.

Galería de imaxes

[editar | editar a fonte]
  1. Historia de Baiona. Concello de Baiona
  2. López Otero, Beatriz e Soraluce Blond, José Ramón (2013). Monterreal de Baiona. Transformaciones de un monumento Arquivado 04 de marzo de 2016 en Wayback Machine. 55,63 MB ISBN 9788497495790.
  3. A media lúa é un muro defensivo en forma de frecha adiantado das murallas dunha fortificación moderna e usado pola vangarda de fusileiros.

Véxase tamén

[editar | editar a fonte]

Bibliografía

[editar | editar a fonte]

Outros artigos

[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas

[editar | editar a fonte]