[go: up one dir, main page]
More Web Proxy on the site http://driver.im/Saltar ao contido

Carádridos

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.

Os carádridos[1] (Charadriidae) son unha familia de aves da orde Charadriiformes que comprende de 64 a 66 especies, das cales en Galicia viven seis especies do xénero Charadrius (píllaras), catro do xénero Pluvialis (píldoras) e unha do xénero Vanellus (avefrías).

Taxonomía

[editar | editar a fonte]

A familia Charadriidae foi introducida polo zoólogo inglés William Elford Leach nunha guía dos contidos do Museo Británico publicada en 1820.[2][3] A familia divídese en dúas subfamilias: os caradrinos (Charadrinae), que inclúen as píllaras e píldoras, e os vanelinos (Vanellinae), que inclúen as avefrías.

Descrición

[editar | editar a fonte]

Son aves pequenas ou de medio tamaño con corpos compactos, curtos, pescozos grosos e ás longas e xeralmente bicudas, pero a maioría das especies de vanelinos adoitan ter ás arredondadas. Os seus peteiros son xeralmente rectos (excepto no caso do Anarhynchus frontalis de Nova Zelandia) e curtos, as dedas curtas, e a deda traseira pode estar reducida ou ausente, dependendo das especies. A maioría dos Charadriidae teñen tamén colas relativamente curtas, pero o Charadrius vociferus é unha excepción. Na maior parte dos xéneros, os sexos son similares, e só hai un pequeno dimorfismo sexual. En tamaño van desde o Charadrius collaris, de 26 g e 14 cm, ao Vanellus miles, de 368 g e 35 cm.

Distribución e hábitat

[editar | editar a fonte]

Viven nois campos abertos de todo o mundo, principalmente en hábitats próximos á auga, aínda que hai algunhas excepcións: o Peltohyas australis, por exemplo, prefire terreos pedregosos dos desertos de Australia central e occidental.[4]

Comportamento e ecoloxía

[editar | editar a fonte]

Cazan utilizando a vista en lugar de sentir a presenza das presas cos peteiros como fan os limícolas de peteiros longos como os escolopácidos. Os alimentos que comen son invertebrados acuáticos e terrestres como insectos, vermes, moluscos e crustáceos dependendo do hábitat, e captúranos normalmente usando unha técnica de correr e parar, en vez de permanecer quedos sondando como fan outros grupos limícolas. Tamén comen materia vexetal.

Reprodución

[editar | editar a fonte]

A gran maioría dos carádridos son monógamos. Algúns, como Vanellus vanellus (avefría), son políxinos, outros, como o Charadrius moontanus ten un sistema de múltiples postas rápidas que pode ir acompañado de poliandria secuencial. En Charadrius morinellus, as femias compiten polos machos e os machos proporcionan todos os coidados parentais ás crías.[5] Cando están reproducíndose, defenden os seus territorios con exhibicións aéreas visibles.[4]

Poñen de dous a catro ovos no niño, que adoita ser unha escavación pouco profunda en campo aberto, e incuban a posta durante de 21 a 30 días.[5] En especies nas que ambos os proxenitores incuban os ovos, as femias e os machos varían na maneira en que comparten as tarefas de incubación, tanto dentro dunha especie coma entre especies. Nalgunhas parellas, os proxenitores intercámbianse no niño pola mañá e ao serán para facer unha incubación ininterrompida durante as 24 horas, noutras as femias e machos intercámbianse facendo quendas unhas 20 veces ao día.[6]

Son aves que protexen moito os seus ovos e crías. Os proxenitores protexen os pitos emitindo unha chamada de alarma, realizando unha exhibición de distración e mesmo poden atacar o predador ou intruso. Os pitos son precoces e non son alimentados polos pais.

  1. Definicións no Dicionario da Real Academia Galega e no Portal das Palabras para carádridos.
  2. Leach, William Elford (1820). "Eleventh Room". Synopsis of the Contents of the British Museum (17th ed.). London: British Museum. pp. 65–70. OCLC 6213801.  Aínda que no documento non se especifica o nome do autor, Leach era daquela o Coidador de Zooloxía.
  3. Bock, Walter J. (1994). History and Nomenclature of Avian Family-Group Names. Bulletin of the American Museum of Natural History. Number 222. New York: American Museum of Natural History. p. 137. 
  4. 4,0 4,1 Harrison, Colin J.O. (1991). Forshaw, Joseph, ed. Encyclopaedia of Animals: Birds. London: Merehurst Press. p. 105. ISBN 1-85391-186-0. 
  5. 5,0 5,1 Piersma, Theunis (1996). "Family Charadriidae (Plovers)". En del Hoyo, Joseph; Elliott, Andrew; Sargatal, Jordi. Handbook of the Birds of the World. Volume 3, Hoatzin to Auks. Barcelona: Lynx Edicions. pp. 400–401. ISBN 84-87334-20-2. 
  6. Bulla, Martin; Valcu, Mihai; Dokter, Adriaan M.; Dondua, Alexei G.; Kosztolányi, András; Rutten, Anne L.; Helm, Barbara; Sandercock, Brett K.; Casler, Bruce. "Unexpected diversity in socially synchronized rhythms of shorebirds". Nature 540 (7631): 109–113. doi:10.1038/nature20563. 

Véxase tamén

[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas

[editar | editar a fonte]