[go: up one dir, main page]
More Web Proxy on the site http://driver.im/

Vipera berus
Estado de conservación
Pouco preocupante (LC)
Pouco preocupante[1]
Clasificación científica
Reino: Animalia
Filo: Chordata
Subfilo: Vertebrata
Clase: Reptilia
Orde: Squamata
Suborde: Serpentes
Familia: Viperidae
Subfamilia: Viperinae
Xénero: Vipera
Especie: V. berus
Nome binomial
Vipera berus
(Linnaeus, 1758)
Sinonimia

Vipera berus,[3][4] a víbora europea común, é unha especie de víbora, serpe velenosa que está moi estendida xeograficamene e pode encontrarse pola maior parte de Europa occidental e desde alí chega ao leste de Asia.[2] Antes considerábase que en Galicia vivía unha subespecie de V. berus, pero posteriormente a esa subespecie se lle deu o status de especie, co nome Vipera seoanei ou víbora de Seoane (antes subespecie Vipera berus seoanei). As víboras comúns V. berus son moi coñecidas e forman parte do folclore de moitos países.[5] Aínda sendo velenosas non se consideran especialmente perigosas;[3] esta víbora non é agresiva e xeralmente só morde cando a asustan ou molestan. As súas trabadas poden ser moi dolorosas, pero raramente mortais.[6] O nome específico, berus, é unha palabra neolatina que foi usada anteriormente para referirse a unha serpe, posiblemente a Natrix natrix (cobra de colar).[7]

A víbora común encóntrase en distintos terreos, e a complexidade de hábitats é esencial en diferentes aspectos do seu comportamento. Aliméntase de pequenos mamíferos, aves, lagartos e anfibios, e nalgúns casos de arañas, vermes e insectos. Esta víbora, como a maioría das outras víboras, é ovovivípara. As femias crían unha vez cada dous ou tres anos, e as crías xeralmente nacen desde o final do verán ao inicio do outono no hemisferio norte. As camadas varían de 3 a 20 crías e os individuos novos permanecen coas súas nais uns poucos días. Os adultos crecen ata unha lonxitude total de 60 a 90 cm (incluíndo a cola) e unha masa de 50 a 180 g. Actualmente recoñécense tres subespecies, incluíndo a subespecie nomeada, Vipera berus berus descrita aquí.[8] A especie non se considera ameazada, aínda que está protexida nalgúns países.

Descrición

editar

Ten un corpo relativamente groso, os adultos xeralmente crecen ata os 60 cm de lonxitude total (incluíndo a cola), cunha media de 55 cm.[3] O tamaño máximo varía por rexión. As máis grandes, de ata uns 90 cm, encóntranse en Escandinavia, pero en dúas ocasións observáronse espécimes de 104 cm. En Francia e Gran Bretaña, o tamaño máximo é de 80 a 87 cm.[3] A masa vai de 50 g a uns 180 g.[9][10]

Parte frontal de dúas víboras comúns europeas, unha de cor normal e outra melánica. 
Patróns de coloración de V. berus: normal e melánico.

A cabeza é bastante grande e aparente e os seus laterais son case planos e verticais. As beiras do fociño están normalmente elevadas nunha crista baixa. Vista desde arriba, a escama rostral non é visible ou só lixeiramente. Inmediatamente detrás da rostral, hai dúas (raramente unha) escamas pequenas. Dorsalmente, adoita haber cinco grandes placas: unha frontal cuadrangular (algo máis longa que larga ou ás veces máis rectangular), dúas parietais (ás veces cunha pequena escama entre a frontal e as parietais) e dúas supraoculares longas e estreitas. Estas últimas son grandes e aparentes, cada unha separada da frontal por dun a catro pequenas escamas. Os orificios nasais están situados nunha depresión pouco fonda dentro dunha gran escama nasal. O ollo é relativamente grande, de igual tamaño ou lixeiramente maior que a escama nasal, pero adoita ser menor nas femias. Baixo as supraoculares hai de 6 a 13 (xeralmente de 8 a 10) pequenas escamas circumorbitais. As escamas temporais son lisas (raramente cunha lixeira quilla ou carena). Hai de 10 a 12 sublabiais e de 6 10 (normalmente 8 ou 9) supralabiais. Destas últimas, as números 3 e 4 son as máis grandes, mentres que as 4 e 5 (raramente as 3 e 4) están separadas do ollo por unha soa ringleira de pequenas escamas (ás veces son dúas ringleiras en espécimes alpinos).[3]

Na parte media do corpo hai 21 ringleiras de escamas dorsais (raramente 19, 20, 22 ou 23). Estas son escamas fortemente carenadas, agás as que beirean as escamas ventrais. Estas escamas parecen unidas debilmente á pel e as ringleiras inferiores fanse cada vez máis anchas; as que están máis próximas ás escamas ventrais son dúas veces máis anchas que as que están ao longo da liña media. As escamas ventrais son de 132 a 150 nos machos e de 132 a 158 nas femias. A placa anal é única. As subcaudais están pareadas, e son de 32 a 46 nos machos e de 23 a 38 nas femias.[3]

O patrón de coloración varía desde espécimes con cores moi claras con barras cruzadas dorsais escuras incompletas e pequenas ata espécimes completamente marróns con marcas marróns máis escuras difuminadas, e pode haber individuos melánicos que son totalmente escuros e carecen dun patrón dorsal aparente. Porén, a maioría teñen algún tipo de patrón en zigzag dorsal en toda a lonxitude do corpo e cola. A cabeza xeralmente ten unha distintiva figura con forma de V ou X escuros no dorso. Unha banda escura corre desde o ollo ao pescozo e continúa como unha serie lonxitudinal de puntos ao longo dos flancos.[3] Algo pouco usual nas serpes, pero que se dá en V. berus, é que os sexos poden diferenciarse pola cor. As femias son xeralmente de tons marróns con marcas marrón escuras, e os machos son grises con marcas negras. A cor basal dos machos a miúdo é lixeiramente máis clara que a das femias, o que resalta o patrón en zigzag negro. Os individuos melánicos adoitan ser femias.

Distribución xeográfica

editar
 
Distribución en Europa.

Vipera berus ten unha ampla área de distribución. Pode encontrarse ao longo de Eurasia, desde o noroeste de Europa (Gran Bretaña, Escandinavia, Alemaña, Francia) a través de parte do sur de Europa (norte de Italia, Serbia, Albania, Croacia, Montenegro, Bosnia e Hercegovina, Macedonia do Norte, Bulgaria e norte de Grecia) e do leste de Europa ata o norte do círculo polar ártico e Rusia seguindo ata o océano Pacífico, illa de Sakhalin, Corea do Norte, norte de Mongolia e norte e a China. Tense atopado moi ao norte, onde outras serpes non poden vivir. A localidade tipo (onde se atopou e describiu a especie) estaba orixinalmente sinalada como "Europa". Mertens e Müller (1940) propuxeron restrinxir a localidade tipo a "Upsala, Schweden" (Uppsala, Suecia)[2], pero foi finalmente restrinxida a Berthåga, Uppsala ao designaren un neotipo Krecsák & Wahlgren (2008).[11]

En varios países europeos é a única serpe velenosa nativa.[12]

Status de conservación

editar

Esta especie está na lista de especies protexidas (Apéndice III) baixo a Convención de Berna e está protexida en moitos países.[1][13][14][15]

A Lista vermella de Especies Ameazadas da International Union for the Conservation of Nature (IUCN) describe o seu status de conservación como "menos preocupante" en vista da súa ampla distribución, as amplas poboacións que se cre ten, ampla variedade de hábitats nos que vive e a probablemente lenta velocidade de declive, aínda que se sabe que as súas poboaciós están minguando.[16] A redución dos seus hábitats, a fragmentaión das poboacións en Europa debido a unha intensa práctica agrícola e a recolección para o comercio de mascotas ou para a extracción de veleno son os principais factores que contribúen ao seu declive.[1]

Hábitat

editar
V. berus tomando o sol sobre un leito de musgos. 
V. berus co corpo inchado por ter comido algunha presa.

Un requirimento esencial para a presenza desta especie é que haxa unha suficiente complexidade do hábitat, que facilite os seus diversos comportamentos (tomar o sol, alimentación e hibernación) e que ofreza protección dos predadores e do acoso humano.[3] Encóntrase en diversos hábitats, como os seguintes: terras baixas calcarias, ladeiras rochosas, páramos, matos areentos, praderías, terreos baldíos, beiras dos bosques, claros soleados e desmontes, ladeiras de arbustos e setos, vertedoiros de lixo, dunas costeiras, e canteiras pedregosas. Aventúrase ás veces en zonas húmidas se hai chan seco próximo, polo que pode atoparse en beiras de regatos, lagos e pozas.[17]

Femia tomando o sol en Escocia. 
Femia de V. berus.

En boa parte do sur de Europa, como no sur de Francia e norte de Italia, encóntrase en zonas húmidas a baixa altitude ou en altitudes elevadas. Nos Alpes suízos, pode ascender ata os 3 000 m de altura. En Hungría e Rusia evita as estepas abertas; un hábitat no cal é máis doado atopar a especie V. ursinii. Porén, en Rusia aparece nas zonas esteparias boscosas.[17]

Comportamento

editar

Esta especie é principalmente diúrna, especialmente no norte da súa área de distribución. Máis ao sur dise[18] que é activa ao serán e mesmo pode selo pola noite durante os meses de verán. É unha especie predominantemente terrestre, aínda que se sabe que pode subir ribeiras e a arbustos baixos para tomar o sol ou vixiar o paso de posibles presas.[17]

Macho de V. berus. 
Macho de V. berus.

As víboras non son normalmente agresivas e adoitan ser bastante tímidas e morden só cando se ven acurraladas ou alarmadas. Xeralmente as persoas que sofren unha mordedura é porque as pisaron ou intentaron collelas. Normalmente desaparecen entre a vexetación en canto detectan calquera posible perigo, pero regresan unha vez que todo volve a estar en calma, a miúdo ao mesmo lugar. Ocasionalmente, algúns individuos revelan a súa presenza cun bufido grave e sostido para disuadir a potenciais agresores. Con frecuencia, eses individuos son femias preñadas. Cando a víbora é ameazada, a parte frontal do seu corpo adopta forma de S para prepararse para lanzar un ataque.[17]

A especie está adaptada ao frío e hiberna en inverno. En Gran Bretaña, machos e femias hibernan durante uns 150 e 180 días respectivamente. No norte de Suecia a hibernación dura 8 ou 9 meses. Nos días suaves de inverno, poden emerxer ao exterior para tomar o sol en sitios onde se derreteu a neve e a miúdo atravesan zonas con neve. Un 15% dos adultos e de 30 a 40% dos individuos novos morren durante a hibernación.[3]

Alimentación

editar

A súa dieta consiste principalmente en pequenos animais, como ratos, outros roedores cricétidos, e musarañas, e tamén lagartos. Ás veces, captiuran vermes lentos e mesmo denosiñas e toupas. Aliméntanse igualmente de anfibios, como ras, tritóns e píntegas. Tamén se informou de que poden comer aves,[19] especialmente crías recentemente eclosionadas ou mesmo ovos, para o cal soben a arbustos. Xeralmente, a dieta varía dependendo da localidade.[17] As víboras novas comen crías de mamíferos, pequenos lagartos e ras e vermes e arañas. Unha vez que chegan a unha lonxitude duns 30 cm, as súas dietas empezan a lembrar as dos adultos.[3]

Reprodución

editar

En Hungría, o apareamento ten lugar na última semana de abril, mentres que no norte de Europa ocorre despois na segunda semana de maio. Os apareamentos observáronse tamén en xuño e mesmo en outubro, pero non se sabe se os apareamentos no outono resultan no nacemento de crías.[3] As femias a miúdo reprodúcense só unha vez cada dous anos,[17] ou incluso unha vez cada tres anos se as estacións son curtas e o clima é duro.[3]

Serpe enroscada mostrando as súas escamas carenadas. 
V. berus motrando as escamas fortemente carenadas na súa área dorsal.

Os machos encontran as femias seguindo o seu rastro de olor, ás veces rastreándoas durante centos de metros ao día. Se encontra unha femia e esta lisca dalí, o macho perséguea. O cortexo implica un comportamento "fluído" colocándose en paralelo lado a lado, a lingua entra e sae e móvese rapidamente ao longo do dorso e dan golpes excitados coa cola. As parellas permanecen xuntas durante un ou dous días despois do apareamento. Os machos perseguen os seus rivais e establan combate. Con frecuencia, isto tamén empeza cun comportamento similar ao do apareamento antes de culminar na dramática "danza da víbora".[3] Nesta danza os machos enfróntanse entre si, elevan a parte anterior do corpo verticalmente, facendo movementos balanceantes e tratan de empurrarse contra ao chan. Isto repítese ata que un dos dous queda exhausto e marcha arrastrándose para intentar atopar outra parella. Appleby (1971) indica que nunca viu que un intruso gañase estes combates, polo que parece que o defensor está tan excitado polo cortexo que que non renuncia a perder as súas posibilidades de apareamento.[20] Non hai rexistros de que as víboras se mordan durante estes encontros.[17]

As femias xeralmente dan a luz en agosto ou setembro, pero ás veces xa en xullo, ou moito máis tarde en outubro. O número de crías é de 3 a 20. As crías nacen xeralmente encapsuladas nun saco transparente do cal se liberan por si mesmas. Ás veces, conseguen saír desta membrana xa dentro da femia. Os neonatos miden de 14 a 23 cm de lonxitude total (incluíndo a cola), cunha lonxitude media total de 17 cm. Nacen cun aparato do veleno completamente funcional e un depósito de reserva de xema dentro dos seus corpos. Mudan a súa pel por primeira vez nun día ou dous. As femias non parecen ter moito interese nos seus descendentes, pero observouse que as crías permanecen coas súas nais durante varios días despois de naceren.[17]

Veleno

editar
 
Aparato da inxección do veleno de Vipera berus.

Debido á rapidez con que a poboación humana se expande pola área de distribución das súas especies, as mordeduras de víbora son relativamente comúns. Os animais domésticos e especialmente o gando son vítimas frecuentes. En Gran Bretaña a maioría dos casos ocorren entre marzo e outubro. En Suecia, hai unhas 1 300 mordeduras ao ano, das cales se estima que un 12% require hospitalización.[3] Disponse polo menos de oito antivelenos distintos contra a mordedura desa especie.[21]

Mallow et al. (2003) describen a toxicidade do veleno como relativamente baixa comparada con outras especies de víboras. Citan a Minton (1974), que informou dos valores de LD50 para ratos que eran de 0,55 mg/kg intravenosa, 0,80 mg/kg intraperitoneal e 6,45 mg/kg subcutánea. Como comparación, nunha proba de dose letal mínima para cobaias era de 40–67 mg, pero só eran necesarios 1,7 mg cando se usaba veleno da especie Daboia russelii.[3] Brown (1973) dá valores maiores de LD50 subcutáneo que van de 1,0 a 4,0 mg/kg.[22] Todos concordan que o veleno que inxectan é pouco abundante: Minton (1974) menciona de 10 a 18 mg por espécime de 48 a 62 cm de lonxitude,[3] mentres que Brown (1973) indica só 6 mg.[22]

Cabeza de víbora mordendo unha luva de coio. 
Vipera berus cun cairo erecto que deixou unha pequena mancha de veleno nunha luva.

Falando comparativamente, as mordeduras desta especie non son moi perigosas.[3][6][6][23] Aínda así, debe procurarse sempre axuda médica tan axiña como sexa posible cando se sofre unha mordedura. Moi ocasionalmente as mordeduras poden ser mortais, especialmente en nenos pequenos, mentres que os adultos poden experimentar molestias e incapacidade que se poden prolongar moito despois da mordedura.[6] O tempo que se tarda en recuperarse é moi variable, pero pode tardar ata un ano.[3]

Os síntomas locais inclúen unha dor intensa inmediata, á que segue uns minutos despois (pero ás veces tarda 30 minutos) a inchazón da zona e unha sensación de formigo. Non é común que se formen vinchas que conteñan sangue. A dor pode continuar durante algunhas horas, xunto con sensibilidade e inflamación. Poden aparecer liñas vermellas linfanxíticas (seguindo os vasos linfáticos inflamados) e negróns, e o membro completo pode incharse e ennegrecer en 24 horas. O inchamento pode estenderse ao tronco e nos nenos por todo o corpo. Son moi raras a necrose e as síndromes intracompartimentais (dentro dos tecidos musculares e nerviosos dentro dunha fascia das extremidades).[6]

Os síntomas sistémicos resultantes da anafilaxe poden ser drásticos. Poden aparecer en 5 minutos despois da mordedura ou poden tardar moitas horas. Entre eses síntomas están as náuseas, arcadas e vómitos, cólicos abdominais e diarrea, incontinencia de urina e de feces, suor, febre, vasoconstrición, taquicardia, mareos, perda de consciencia, cegueira,[24] shock, anxioedema de face, beizos, enxivas, lingua, garganta e epiglote, urticaria e broncoespasmo. Se non se tratan, estes síntomas poden persistir ou flutuar durante 48 horas.[6] En casos graves, pode haber fallo cardiovascular.[3]

Taxonomía

editar

Historicamente estivo dividida en máis subespecies, pero actualmente (2016) a especie ten tres subespecies recoñecidas:

Subespecies[8] Autor do taxon[8] Nome común Distribución xeográfica
V. b. berus (Linnaeus, 1758) Víbora europea común[3] Noruega, Suecia, Finlandia, Letonia, Estonia, Lituania, Francia, Dinamarca, Alemaña, Austria, Suíza, Italia (norte), Bélxica, Países Baixos, Gran Bretaña, Polonia, República Checa, Eslovaquia, Hungría, Romanía, Rusia, Mongolia, China (noroeste, ao norte de Xinjiang)
V. b. bosniensis Boettger, 1889 Víbora balcánica[25] Balcáns
V. b. sachalinensis Zarevskij, 1917 Víbora da illa de Sakhalin[26] Oriente de Rusia (Amur Oblast, Primorskye Kray, Khabarovsk Kray, illa de Sakhalin), Corea do Norte, China (nordeste, Jilin)

Cómpre sinalar que as subespecies V. b. bosniensis e V. b. sachalinensis foron consideradas co status de especies nalgunhas publicacións recentes.[3]

  1. 1,0 1,1 1,2 Isailovic, Jelka Crnobrnja, et al. (2009). Vipera berus Arquivado 31 de xullo de 2015 en Wayback Machine.. In: IUCN 2012. IUCN Red List of Threatened Species. Version 2012.2.
  2. 2,0 2,1 2,2 McDiarmid RW, Campbell JA, Touré T. (1999). Snake Species of the World: A Taxonomic and Geographic Reference, Volume 1. Washington, District of Columbia: Herpetologists' League. ISBN 1-893777-00-6 (series). ISBN 1-893777-01-4 (volume).
  3. 3,00 3,01 3,02 3,03 3,04 3,05 3,06 3,07 3,08 3,09 3,10 3,11 3,12 3,13 3,14 3,15 3,16 3,17 3,18 3,19 3,20 Mallow D, Ludwig D, Nilson G. (2003). True Vipers: Natural History and Toxinology of Old World Vipers. Malabar, Florida: Krieger Publishing Company. ISBN 0-89464-877-2.
  4. Stidworthy J. (1974). Snakes of the World. New York: Grosset & Dunlap Inc. 160 pp. ISBN 0-448-11856-4.
  5. "Everyday Adders – the Adder in Folklore". The Herpetological Conservation Trust. Arquivado dende o orixinal o 03 de outubro de 2009. Consultado o 7 February 2010. 
  6. 6,0 6,1 6,2 6,3 6,4 6,5 Warrell DA (2005). "Treatment of bites by adders and exotic venomous snakes". British Medical Journal 331 (7527): 1244–1247. PMC 1289323. PMID 16308385. doi:10.1136/bmj.331.7527.1244. 
  7. Gotch AF. (1986). Reptiles: Their Latin Names Explained. Poole, UK: Blandford Press. 176 pp. ISBN 0-7137-1704-1.
  8. 8,0 8,1 8,2 Sistema Integrado de Información Taxonómica. "'Vipera berus' (TSN 634988)" (en inglés). 
  9. Olsson, M.; Madsen, T.; Shine, R. (1997). "Is sperm really so cheap? Costs of reproduction in male adders,Vipera berus". Proceedings of the Royal Society B: Biological Sciences 264 (1380): 455–459. JSTOR 50437. PMC 1688262. doi:10.1098/rspb.1997.0065.  (inclúe unha t´boa cos rangos da masa dos machos dunha poboación)
  10. Strugariu, Alexandru; Zamfirescu, Ştefan R.; Gherghel, Iulian (2009). "First record of the adder (Vipera berus berus) in Argeş County (Southern Romania)". Biharean Biologist 3 (2): 164. Arquivado dende o orixinal o 23 de outubro de 2013. Consultado o 30 de novembro de 2016.  (dá exemplos de masas de femias).
  11. Krecsák L, Wahlgren R (2008). "A survey of the Linnaean type material of Coluber berus, Coluber chersea and Coluber prester (Serpentes, Viperidae)". Journal of Natural History 42 (35–36): 2343–2377. doi:10.1080/00222930802126888. 
  12. "Adder (Vipera berus)". Wildscreen Archive. Arquivado dende o orixinal o 26 de decembro de 2016. Consultado o 2 October 2015. 
  13. Convention on the Conservation of European Wildlife and Natural Habitats, Appendix III at Consello de Europa. Acceso o 7 de febreiro de 2010.
  14. "Adder (Vipera berus)". Arkive (Images of life on Earth). www.wildscreen.org.uk. Arquivado dende o orixinal o 20 de xuño de 2010. Consultado o 7 February 2010. . Esta referencia cita como fonte Beebee, Trevor J. C & Griffiths, Richard (2000). Amphibians and reptiles: a natural history of the British herpetofauna (en inglés). London: HarperCollins. ISBN 978-0-00-220084-4. OCLC 44735858. 
  15. Monney JC, Meyer A. (2005). Rote Liste der gefährdeten Reptilien der Schweiz. Hrsg. Bundesamt für Umwelt, Wald und Landschaft BUWAL, Bern und Koordinationsstelle für Amphibien- und Reptilienschutz der Schweiz, Bern. BUWAL-Reihe.
  16. "IV: The Categories". 2001 IUCN Red List Categories and Criteria version 3.1. www.iucnredlist.org. Consultado o 14 February 2010. 
  17. 17,0 17,1 17,2 17,3 17,4 17,5 17,6 17,7 Street D. (1979). The Reptiles of Northern and Central Europe. London: B.T. Batsford Ltd. 272 pp. ISBN 0-7134-1374-3.
  18. Boulenger GA. (1913). Snakes of Europe. London: Methuen & Co. xi + 269 pp. (Vipera berus, pp. 230-239, Figure 35).
  19. Leighton, Gerald R. (1901). The Life-History of British Serpents and Their Local Distribution in the British Isles. Edinburgh & London: Blackwood & Sons. p. 84. ISBN 1-4446-3091-1. Consultado o 8 February 2010. 
  20. Appleby LG. (1971). British Snakes. London: J. Baker. 150 pp. ISBN 0-212-98393-8.
  21. Vipera berus antivenoms at Munich Antivenom Index. Accessed 15 September 2006.
  22. 22,0 22,1 Brown JH. (1973). Toxicology and Pharmacology of Venoms from Poisonous Snakes. Springfield, Illinois: Charles C. Thomas. 184 pp. LCCCN 73-229. ISBN 0-398-02808-7.
  23. Tod durch Kreuzotterbiss? at Gemeinsames Giftinformationszentrum.
  24. Macrae, Fiona (21 July 2010) Adder bite leaves father blinded, choking and just minutes from death on walk with family. The Daily Mail, acceso 21 de xullo de 2010.
  25. Steward JW. (1971). The Snakes of Europe. Cranbury, New Jersey: Associated University Press (Fairleigh Dickinson University Press). 238 pp. LCCCN 77-163307. ISBN 0-8386-1023-4.
  26. Mehrtens JM. (1987). Living Snakes of the World in Color. New York: Sterling Publishers. 480 pp. ISBN 0-8069-6460-X.

Véxase tamén

editar

Outros artigos

editar

Bibliografía

editar
  • Ananjeva NB, Borkin LJ, Darevsky IS, Orlov NL. 1998. [Amphibians and Reptiles. Encyclopedia of Nature of Russia]. Moscow: ABF. (en ruso).
  • Arnold EN, Burton JA. 1978. A Field Guide to the Reptiles and Amphibians of Britain and Europe. Londres: Collins. 272 pp. ISBN 0-00-219318-3. (Vipera berus, pp. 217–218 + Plate 39 + Map 122).
  • Boulenger GA. 1896. Catalogue of the Snakes in the British Museum (Natural History). Volume III., Containing the...Viperidæ. Londres: Trustees of the British Museum (Natural History). (Taylor and Francis, printers). xiv + 727 pp. + Plates I.- XXV. (Vipera berus, pp. 476–481).
  • Goin CJ, Goin OB, Zug GR. 1978. Introduction to Herpetology: Third Edition. San Francisco: W.H. Freeman. xi + 378 pp. ISBN 0-7167-0020-4. (Vipera berus, pp. 122, 188, 334).
  • Jan G, Sordelli F. 1874. Iconographie générale des Ophidiens: Quarante-cinquième Livraison. París: Baillière. Index + Plates I.- VI. (Vipera berus, Plate II, Figure 1; var. prester, Plate II, Figures 2-4; var. concolor, Plate II, Figure 5; var. lymnaea, Plate II, Figure 6).
  • Joger U, Lenk P, Baran I, Böhme W, Ziegler T, Heidrich P, Wink M. 1997. The phylogenetic position of Vipera barani and of Vipera nikolskii within the Vipera berus complex. Herpetologica Bonnensis 185-194.
  • Linnaeus C. 1758. Systema naturæ per regna tria naturæ, secundum classes, ordines, genera, species, cum characteribus, diferentiis, synonymis, locis. Tomus I. Editio Decima, Reformata. Stockholm: L. Salvius. 824 pp. (Coluber berus, p. 217).
  • Minton SA Jr. 1974. Venom Diseases. Springfield, Illinois: CC Thomas Publ. 256 pp. ISBN 978-0-398-03051-3.
  • Morris PA. 1948. Boy's Book of Snakes: How to Recognize and Understand Them. A volume of the Humanizing Science Series, edited by Jacques Cattell. Nova York: Ronald Press. viii + 185 pp. (The common viper, Vipera berus, pp. 154–155, 182).
  • Wüster, Wolfgang; Allum, Christopher S. E.; Bjargardóttir, I. Birta; Bailey, Kimberley L.; Dawson, Karen J.; Guenioui, Jamel; Lewis, John; McGurk, Joe; Moore, Alix G. (2004-12-07). "Do aposematism and Batesian mimicry require bright colours? A test, using European viper markings". Proceedings of the Royal Society of London. Series B: Biological Sciences (en inglés) 271 (1556): 2495–2499. ISSN 1471-2954. PMC 1691880. PMID 15590601. doi:10.1098/rspb.2004.2894. 

Ligazóns externas

editar