[go: up one dir, main page]
More Web Proxy on the site http://driver.im/

Unha varva é unha capa anual de sedimento ou rocha sedimentaria. As varvas clásicas eran capas sedimentarias depositadas en lagos de zonas glaciares, pero posteriormente a definición fíxose menos restritiva.

Varvas do Plistoceno nos acantilados de Scarboro (Toronto, Ontario, Canadá). As máis grosas teñen preto de 1,50 cm de grosor.

A palabra varva deriva do vocábulo sueco varv entre cuxos significados e connotacións inclúense: "revolución", "en capas" e "círculo". A primeira aparición do termo foi como Hvarfig lera (varva de arxila) no primeiro mapa realizado polo Servizo Xeolóxico de Suecia en 1862.[1] Inicialmente, varva utilizárase para describir cada un dos compoñentes dunha capa anual nos sedimentos de lagos glaciares, pero no Congreso Xeolóxico de 1910, o xeólogo sueco Gerard De Geer (1858-1943) propuxo unha nova definición formal que describía unha varva como o conxunto de calquera capa anual de orixe sedimentario.[2] Outros termos, introducidos máis recentemente, como "laminado anual", son sinónimos de varva.

Entre os moitos acontecementos periódicos que podemos atopar no rexistro xeolóxico, as varvas son un dos máis importantes e esclarecedores para estudar os cambios climáticos do pasado. As varvas encóntranse entre os acontecementos a pequena escala recoñecidos pola estratigrafía.

Unha capa anual de sedimentos pode ser moi visible cando as partículas arrastradas polas augas á capa en primavera, cando hai maior forza da corrente, son moito máis grosas que as depositadas ao resto do ano. Isto forma un par de capas, unha de sedimentos grosos e outra de finos, en cada ciclo anual. O arquetipo clásico de varva é unha parella de capas sedimentarias clara/escura depositada nun lago glacial. A capa clara xeralmente contén limos grosos e areas finas depositados en condicións de alta enerxía cando a auga do desxeo arrastra unha carga de sedimentos ao lago. Durante os meses de inverno, cando se reduce a cantidade de sedimentos que chegan ao lago, ou cando o lago se conxela, deposítase unha fina capa de arxilas, que forma a capa escura. Ademais da variación estacional no proceso de sedimentación e deposición, a formación das varvas require a ausencia de bioturbación. En consecuencia, as varvas fórmanse comunmente en condicións anóxicas.

Ademais de en depósitos lacustres, as variacións na sedimentación estacional nos procesos clásticos, biolóxicos e químicos poden orixinar en certos casos varvas en ambientes mariños. Por exemplo atopáronse sedimentos de tipo varva na conca de Santa Barbara na costa de California.[3]

Historia

editar

Aínda que o termo varva non foi introducido ata finais do século XIX, o concepto de depósito anual periódico conta con, polo menos, douscentos anos de antigüidade. Na década de 1840, Edward Hitchcock sospeitou que os sedimentos laminados encontrados en norteamérica poderían ser estacionais, e en 1884 Warren Upham propuxo que as parellas de capas clara-escura de sedimentos representaban un único depósito anual. Malia estas contribucións iniciais ao concepto de varva, o verdadeiro pioneiro e quen popularizou a investigación das varvas foi Gerard De Geer. Mentres traballaba para o Servizo Xeolóxico de Suecia, advertiu unha certa similitude visual entre os sedimentos laminados e os aneis das árbores. Isto fíxolle suxerir que as parellas de sedimentos groso-fino encontrados con frecuencia nos lagos glaciares eran en realidade capas anuais.

A primeira cronoloxía construína De Geer en Estocolmo a finais do século XIX. O seu traballo continuou e axiña estableceu toda unha rede de lugares ao longo da costa leste de Suecia. As varvas expostas nestes lugares formáronse na conca do Báltico en condicións glaciolacustres ou glaciomariñas mentres que os xeos se retiraban cara ao norte. En 1914, De Geer descubrira que era posible comparar secuencias de varvas situadas a gran distancia emparellando as variacións no espesor das varvas. Porén, este descubrimento fixo que De Geer, e moitos dos seus colegas, fixeran correlacións incorrectas, como o que chamou "teleconexión" entre continentes, proceso criticado por outros estudosos das varvas como Ernst Antevs.

En 1924 fundouse o Instituto Xeocronolóxico, un laboratorio dedicado especialmente ao estudo das varvas. De Geer, os seus colegas e estudantes realizaron viaxes a outros países e continentes para investigaren as varvas sedimentarias. Ernst Antevs estudou lugares desde Long Island nos Estados Unidos ata o lago Timiskaming e a Baía de Hudson no Canadá, creando unha cronoloxía das varvas de Norteamérica. Carl Caldenius visitou a Patagonia e Tierra del Fuego e Erik Norin viaxou a Asia central. Nesta etapa, outros xeólogos estudaron as secuencias de varvas, como Matti Sauramo, que construíu unha cronoloxía da última deglaciación en Finlandia.

En 1940, De Geer publica Geochronologia Suecica, un documento científico que hoxe é considerado un clásico. Nel preséntase a Escala Sueca do Tempo, unha cronoloxía flotante de varvas da retirada dos xeos desde Escania ata Indalsšlven Lidén, que constitúe o primeiro intento de unir esta escala temporal co momento presente. Desde entón, houbo revisións, descubríronse novos lugares e outros antigos foron valorados de novo. Como consecuencia, hoxe, a cronoloxía das varvas en Suecia baséase en miles de lugares e cobre un período de 13.200 anos.

  1. Zolitschka, B. (2007). "Varved lake sediments" (PDF). Encyclopedia of quaternary science. Elsevier, Amsterdam: 3105–3114. Arquivado dende o orixinal (PDF) o 22 de setembro de 2015. Consultado o 07 de maio de 2015. 
  2. De Geer, G. (1912). A geochronology of the last 12,000 years. Proceedings of the International Geological Congress Stockholm (1910),1, 241–257.
  3. Thunell, R.C.; Tappa, E.; Anderson, D.M. (1995-12-01). "Sediment fluxes and varve formation in Santa Barbara Basin, offshore California". Geology 23 (12): 1083–1086. Bibcode:1995Geo....23.1083T. doi:10.1130/0091-7613(1995)023<1083:SFAVFI>2.3.CO;2. Consultado o 07-05-2015. 

Véxase tamén

editar

Outros artigos

editar

Bibliografía

editar
  • De Geer, G. (1940), Geochronologia Sueccia Principles. Kungl. Svenska Vetenskapsademiens Handlingar, Tredje Serien. Band 18 No.6.
  • Lowe, J.J. e Walker, M.J.C. (1984), Reconstructing Quaternary Environments. Longman Scientific and Technical.
  • Sauramo, M. (1923), Studies on the Quaternary varve sediments in southern Finland. Comm. Geol. Finlande Bulletin 60.
  • Wohlfarth, B. (1996), The chronology of the Last Termination: A review of radiocarbon-dated, high-resolution terestrial stratigraphies. Quaternary Science Reviews 15 pp. 267–284.