Phacochoerus
Phacochoerus | |||||||||||||||
---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|
Clasificación científica | |||||||||||||||
| |||||||||||||||
Especie tipo | |||||||||||||||
Aper aethiopicus Pallas, 1766[1] | |||||||||||||||
especies | |||||||||||||||
Véxase o texto. |
Phacochoerus é un xénero de mamíferos artiodáctilos da familia Suidae propio de África, xeralmente chamados xabarís verrugosos ou facóqueros, cuxas especies se caracterizan por ter cabeza grande, corpo en forma de barril e características verrugas na face, o que lles deu o apelativo do seu nome común de "verrugoso" que teñen en diversos idiomas.
Taxonomía
editarÉ o único xénero da subfamilia Phacochoerinae. Recoñécense dúas especies:[1]
Estas dúas especies antes eran consideradas unha soa co nome Phacochoerus aethiopicus, pero hoxe este nome resérvase para a especie que hoxe ten unha distribución máis oriental e reducida (só en parte do corno de África), mentres que a especie máis esendida (de leste a oeste da África subsahariana) é Phacochoerus africanus.
Distribución xeográfica
editarAs especies Phacochoerus africanus e Phacochoerus aethiopicus habitan en África, ao sur do Sáhara. Prefiren as sabanas áridas e húmidas, evitando as zonas máis desérticas, bosques e montañas. Ao contrario que os demais súidos, os Phacochoerus toleran ben a aridez e as temperaturas elevadas. P. aethiopicus habita no norte de Kenya, Etiopía e Somalia (a subespecie que vivía en Suráfrica está extinguida). P. africanus ten unha área moito maior que abrangue a maior parte das zonas da África subsahariana nun cadro que tería como esquinas Senegal, Etiopía, Angola e Mozambique, excluíndo partes de África central e do corno de África e da costa occidental.
Status
editarÁmbas as especies son bastante comúns, aínda que a distribución xeográfica de P. aethiopicus é menor, e a IUCN aígnalles o status "Pouco preocupante". Porén, unha das subespecies que se nominaran da especie P. aethiopicus, que vivía no sur de África, chamada Phacochoerus aethiopicus aethiopicus considérase extinta desde o século XIX.[2]
Características e comportamento
editarPosúen unha cabeza grande con verrugas características, distribuídas por pares. Os ollos están situados no alto da cabeza para vixiar mellor os posibles depredadores, como o león ou o leopardo. O fociño é longo e del sobresaen dous pares de cairos, que se usan para escavar e para defenderse. Os cairos miden de 25,5 a 63,5 cm de longo nos machos e son menores nas femias.[3] O corpo é grande e as patas curtas. A pesar diso, é un bo corredor. Posúe un rabo razoablemente longo, que mantén en posición ergueita mentres corre. O adulto pesa entre 50 e 100 kg. A altura na cruz é duns 75 cm. Aínda que o corpo está cuberto de sedas, visto a distancia o seu corpo e cabeza parecen espidos, e só destaca unha crista de pelos no dorso e penachos na face e rabo.
Aliméntanse esencialmente de herba ou raíces, bulbos e tubérculos que escavan co fociño. Ocasionalmente tamén comen pequenos animais.[4]
Os machos loitan polas femias en combates violentos. A xestación dura 175 días, tralos cales nacen normalmente catro crías, que son destetadas aos dous meses. As crías permanecen a carón da nai ata o parto seguinte.
Como todos os porcos, usa o barro para refrescarse e protexerse de parasitos e insectos. Viven en pequenos núcleos familiares compostos por unha femia e as súas crías. Os machos viven sós. Malia que son bos cavadores, non constrúen as súas propias toqueiras: prefiren vivir nas que son abandonadas por outros animais, como o porco formigueiro.
Notas
editar- ↑ 1,0 1,1 Wilson, D.E.; Reeder, D.M., eds. (2005). Mammal Species of the World: A Taxonomic and Geographic Reference (3rd ed.). Johns Hopkins University Press. ISBN 978-0-8018-8221-0. OCLC 62265494.
- ↑ d'Huart, J.P.; Butynski, T.M.M. & De Jong, Y. (2008). "Phacochoerus aethiopicus". IUCN Red List of Threatened Species. Version 2010.1. International Union for Conservation of Nature. Retrieved 20 April 2010.
- ↑ Novak, R. M. (editor) (1999). Walker's Mammals of the World. Vol. 2. 6th edition. Johns Hopkins University Press, Baltimore. ISBN 0-8018-5789-9
- ↑ Kingdon, J. (1997). The Kingdon Guide to African Mammals. Academic Press Limited, London. ISBN 0-12-408355-2
Véxase tamén
editarWikispecies posúe unha páxina sobre: Phacochoerus |
Wikimedia Commons ten máis contidos multimedia na categoría: Phacochoerus |
Ligazóns externas
editar- d'Huart, J.P. & Grubb, P. (2005). Guía fotográfica das diferenzas entre P. africanus e P. aethiopicus.[Ligazón morta] Suiform Soundings 5(2): 4-8.