Ortigueira
Ortigueira é un concello da provincia da Coruña, pertencente á comarca de Ortegal. Segundo o IGE en 2017 tiña 5.966 habitantes (6.871 no 2010, 7.376 no 2006, 7.697 no 2005, 7.830 no 2004, 8.022 en 2003). O seu xentilicio (véxase no Galizionario) é «ortigueirés» ou «urticariense».[1]
Localización | |||||
---|---|---|---|---|---|
| |||||
Estado | España | ||||
Comunidade autónoma | Galicia | ||||
Provincia | Provincia da Coruña | ||||
Capital de | |||||
Capital | Ortigueira | ||||
Poboación | |||||
Poboación | 5.477 (2023) (26,13 hab./km²) | ||||
Xeografía | |||||
Parte de | |||||
Superficie | 209,6 km² | ||||
Bañado por | Océano Atlántico | ||||
Altitude | 58 m | ||||
Comparte fronteira con | |||||
Organización política | |||||
• Alcalde | Rafael Girón Martínez | ||||
Eleccións municipais en Ortigueira | |||||
Identificador descritivo | |||||
Código postal | 15330 | ||||
Fuso horario | |||||
Código INE | 15061 | ||||
Sitio web | concellodeortigueira.gal |
Xeografía
editarO concello de Ortigueira ten 214,9 km², cunha densidade de case 40 hab./km². Ten 22 parroquias. Ortigueira sitúase entre a serra da Capelada ao oeste e a serra da Coriscada e a serra da Faladoira[2] ao leste. O relevo, consistente en materiais de lousa, vai baixando cara á ría de Ortigueira. Estas aliñacións actúan como divisoria de augas entre os afluentes do río Sor e os que verten directamente na ría de Ortigueira (Mera, Baleo, Maior etc.), que son curtos e teñen unha pendente forte.
A vía principal de comunicación é a estrada AC-862 (antiga C-642), que provén de Ferrol e atravesa o concello polo norte, a partir da cal se organizan o resto das estradas. Tamén pasa o camiño de ferro de vía estreita (FEVE) de Ferrol a Xixón.
A temperatura media é de 12,9 °C, con mínima en febreiro e máxima en agosto; a amplitude térmica é escasa, non chegando aos 9 °C. A choiva é de arredor de 1.000 mm. O relevo produce un efecto de barreira á entrada dos ventos dominantes, o que aumenta a pluviosidade, mentres que na parte central do concello apenas se superan os 850 mm, ben que o número de días despexados sexa reducido.
Demografía
editarCenso total 2015 | 6.136 habitantes |
---|---|
Menores de 15 anos | 396 (6.45 %) |
Entre 15 e 64 anos | 3.536 (57.63 %) |
Maiores de 65 anos | 2.204 (35.92 %) |
Evolución da poboación de Ortigueira Fontes: INE e IGE. | ||||||||||||||||||
1900 | 1930 | 1950 | 1981 | 2004 | 2009 | 2011 | 2012 | 2013 | 2014 | 2015 | 2016 | 2017 | 2018 | 2019 | 2020 | 2021 | 2022 | 2023 |
18.426 | 20.614 | 21.801 | 16.443 | 7.830 | 6.550 | |||||||||||||
(Os criterios de rexistro censual variaron entre 1900 e 2004, e os datos do INE e do IGE poden non coincidir.) |
Historia
editarConsérvanse restos do Megalítico. Segundo o historiador romano Plinio o Vello (século I), nesta zona habitaban os arroni, que chamaban ao seu territorio Arrós (este topónimo utilizábase no século XII para designar unha demarcación eclesiástica). Tolomeo (século II) denominou este territorio como Lapatiancorum ou Trileuco, "tres brancos", en posíbel referencia aos Aguillóns de cabo Ortegal, lugar no que residían os lapatiancos.
O nome "Ortigaria" aparece na Idade Media, nunha relación de terras incluídas no condado de Montenegro, un dos once que constituían a diocese de Lugo, no reino de Galiza. No 929, o rei galaico Afonso IV puxo as terras de "Orticaria" baixo o mando dun dos seus sobriños, Gutiérrez (pai de San Rosendo).
A vila de Ortigueira constitúese como tal no século XIII, cando Afonso X lle concede o Foro de Benavente. Nel disponse a construción dun porto e concédeselle unha feira anual. O 15 de novembro de 1442, Ortigueira convértese en condado baixo Diogo Pérez de Sarmiento. En 1833 pasou a formar parte da provincia da Coruña e desde 1845 conta con xulgado comarcal.
En 1988 cinco parroquias da beira occidental da ría (Cariño, Feás, Landoi, A Pedra e Sismundi) escindíronse para constituír o concello de Cariño.
Cultura
editarToponimia
editarOrtigueira orixínase no latín urticariam, de urtica 'ortiga' + ariam, sufixo abundancial, 'lugar onde hai ortigas'[3]).
Patrimonio
editarPatrimonio arqueolóxico
editarDa prehistoria resaltan o dolmen de Forno dos Mouros (Couzadoiro) e os castros próximos ao mar.
Patrimonio arquitectónico
editarO edificio do que foi convento de San Domingos de Ortigueira é orixinariamente do século XIV, se ben o edificio actual é do século XVIII. Nel está a igrexa, reconstruída en 1776 e, desde 1849, igrexa parroquial, e a sede e oficinas do concello. O Teatro da Beneficencia situado no mesmo edificio do ex-convento, conta con frescos realizados en 1892 por Vicente Martínez.
De entre os pazos destacan o de Brandariz, que pertenceu aos Ponce de León, o de Riomaior (Senra), Rasamonde (Espasante), O Souto (Mera) e Couzadoiro (Couzadoiro).
O antigo hospital de San Roque, reedificado en 1885 acolle hoxe a sede de diversas asociacións. O antigo Grupo Escolar, deseñado por Julio Galán e construído en 1909 acolle hoxe a Biblioteca Municipal Juan Fernández Latorre[4] e o arquivo municipal, ambos os dous con instalacións recentemente renovadas, así como as oficinas comarcais do INSS.
Patrimonio cultural
editarEscola de Gaitas de Ortigueira
- Artigo principal: Escola de gaitas de Ortigueira.
É unha das Asociacións Culturais máis importantes deste municipio. A Escola de Gaitas de Ortigueira é decana no seu labor de difundir e ensinar a música tradicional galega. Fundada en novembro de 1979 polo mestre de escola, Xabier Garrote Cobelo, xurdiu en resposta ás inquietudes dun grupo numeroso de persoas. A sinxela idea de ensinar a tocar a gaita a todos aqueles que o desexasen de forma gratuíta marcou o inicio na súa actividade. Está composta por 27 gaiteiros, 6 caixas e tamborís, 3 cuncheiras, 9 pandeireteiras, un bombeiro e un grupo de baile que xorde de entre as súas filas; a formación cobre de sobra as súas necesidades artístico-musicais.
Asociación Cultural Amigos da Arte de Ortigueira
Foi outra das asociacións do concello. Desde 1984 conta con escolas de pintura para nenos e adultos, gañando varios certames e premios importantes. Esta asociación convocou o 1º Certame de Artes Plásticas de Ortigueira no ano 1985 no que participaron artistas noveles e consagrados de toda Galiza. Na actualidade [cando?] non ten actividade pública coñecida.
Asociación Terras do Ortegal
Asociación fundada en 2014 co obxectivo de promover traballos e difundir a historia e a cultura da comarca do Ortegal. Publica a revista Terras do Ortegal, revista de estudios locais[5], unha publicación de carácter anual e formato libro que sae no mes de xullo de cada ano. Os autores dos artigos son historiadores, xornalistas e investigadores, maioritariamente nacidos na zona ou que viven nela. A edición da revista é sufragada polos socios da entidade e coa venda dos exemplares nas librarías da bisbarra, pois non conta con subvencións oficias. Na actualidade están publicados 7 números, cuns 15 artigos de media e un número de páxinas crecentes des o 1ª número (de 2014), con 180, ata as 400 do número 7. Desde o segundo número, cada edición ten un carácter semimonográfico, pois conta cun informe específico; así, o nº 2 (2015) estivo dedicado ao concello de Cariño; o 3 (2016) á Idade Media no Ortegal; o 4 (2017) ao concello de Mañón; o 5 (2018) á educación no Ortegal,o 6 (2019) ao concello de Cedeira, e o 7 (2020) ao concello de Cerdido, totalizando máis de 100 artigos e 2.000 páxinas sobre a cultura e o patrimonio do Ortegal[6].
Museo Etnográfico de Meixido
É un museo privado, fundado en 1995 por Narciso Luaces Pardo (1929-2020) e a súa muller Herminia Covelo Veiga, matrimonio de labregos de Freires interesados na cultura popular da comarca do Ortegal. Está situado no lugar de Meixido, na parroquia ortigueiresa de San Paio dos Freires, na propia casa dos fundadores, que con pezas compradas, outras doadas e outras cedidas, foi acumulando progresivamente unha colección meritoria que acada case as 5.000 pezas, catalogadas e colocadas agrupadas de forma temática na exposición. En decembro de 2017 a SIR A Devesana promoveu unha homenaxe a Narciso Luaces, e ao ano seguinte, a asociación Terras do Ortegal publicou o libro "Homenaxe a Narciso Luaces Pardo", coa colaboración de destacados historiadores, etnógrafos e académicos da zona[7], talvez a último acto público no que estivo presente Narciso. Na actualidade o museo está pechado, existindo unha reclamación popular polo mantemento deste museo por parte das administracións públicas, incapaces nin siquera ata agora de publicar o Catálogo do Museo, que Narciso deixou elaborado hai varios anos[8].
Etnografía
editarFestas e celebracións
editarFestival do Mundo Celta de Ortigueira
- Artigo principal: Festival Internacional do Mundo Celta.
Na segunda fin de semana de xullo celébrase en Ortigueira o Festival Internacional do Mundo Celta, anualmente desde 1978 (con algunha interrupción nos primeiros anos). O festival cambiou o seu nome oficial polo de Festival de Ortigueira, acollendo músicas de tipo folk alleas aos límites iniciais dos países celtas.
Festas Patronais de Santa Marta
Celébranse en honra a Santa Marta, cuxa festa é o 29 de xullo. Nestas festas acostuma haber interpretacións corais, actuacións das súas bandas e escolas municipais, organización procesións en coordinación coa parroquia local, entre as que destacan as da propia Santa Marta cada 29 de xullo, a de Santa María Magdalena uns días antes e a tradicional procesión da Virxe da Caridade do Cobre, Patroa de Cuba, que se trouxo desde A Habana no 1955 por emigrantes locais e que se converteu, localmente, na "Patroa dos Emigrantes".
Economía
editarNa montaña atópase unha economía agraria tradicional en retroceso acompañada de despoboamento. A poboación estase a concentrar na costa. No ano 1940 o concello chegou a contar con 22.152 habitantes pero desde entón a emigración e o crecemento vexetativo negativo fixeron reducir o censo.
En 1988 produciuse un descenso estatístico da poboación pola escisión citada anteriormente; debido a isto, a poboación pasou de 15.053 en 1986 a 9.925 en 1991.
Case o 40 % da poboación dedícase ao sector primario e algo menos aos servizos. Naquel destaca o aproveitamento do bosque (que ocupa máis do 62% do territorio), a pesca (fundamentalmente en Ladrido e Ortigueira), a agricultura de autoconsumo e a gandería (leite nas zonas baixas e carne nas altas). Pouco máis do 10% da poboación traballa na construción e algo máis na industria (lousa e materiais de construción; desapareceron as conserveiras).
Política e goberno
editar- Artigo principal: Eleccións municipais en Ortigueira.
Nas eleccións municipais de 2007 o PPdG acadou de novo a maioría absoluta, con 8 concelleiros, manténdose coma alcalde Antonio Campo. O PSdeG acadou 3 concelleiros, o BNG 2 e o Partido Independente ningún. Porén, poucos meses despois, en outubro de 2007, Campo optou por abandonar a Alcaldía e adicarse por completo aos seus negocios persoais, que nunca deixara totalmente durante a súa traxectoria política. Rafael Girón pasou a ser o novo alcalde.
Nas eleccións municipais do 2011, o PP, liderado por Rafael Girón acadaría 7 concelleiros, o PSOE, con Juan Penabad Muras, conseguiu 6 concelleiros, o BNG quedaría sen representación por escasamente 11 votos, e o Partido Independente (formado por maioría de persoas do PSOE e do BNG) tamén quedaría sen representación.
Nos comicios municipais de 2015, o PSdeG-PSOE logrou a maioría absoluta con 7 concelleiros e o 50,29% dos votos, con Juan Penabad Muras á fronte. O PPdeG con Rafael Girón baixou a 5, e o BNG recuperou a súa representación con 1 edil. Pola súa parte, presentouse unha candidatura da FE de las JONS que logrou un resultado testimonial con só 25 votos (0,59%). Desta forma, o socialista Juan Penabad Muras converteuse no primeiro alcalde de esquerda do municipio en toda a democracia.
Ortigueira na literatura popular
editar- Santa Marta de Ortigueira,/ a muller que come a nata/ non pode ter a manteiga [9].
Galería de imaxes
editar- Artigo principal: Galería de imaxes de Ortigueira.
-
Zona de acampada no piñeiral da praia de Ortigueira
-
Zancudos na vila os días do festival
-
Acampada no Festival de Ortigueira 2008
-
Escenario principal do Festival de Ortigueira 2008
-
Monumento ó porco Antón en Espasante
-
Casa do concello.
-
Placa altimétrica na casa do concello.
Parroquias
editarLugares de Ortigueira
editarPara unha lista completa de todos os lugares do concello de Ortigueira vexa: Lugares de Ortigueira.
Notas
editar- ↑ Costas González, Xosé-Henrique (2016). Os xentilicios de Galicia e dos outros territorios de lingua galega (PDF). Vigo: Universidade de Vigo. p. 92. ISBN 978-84-8158-706-7.
- ↑ Dávila Díaz, Julio (1931). Geografía Descriptiva de la Comarca de Ortigueira. A Coruña: Establec. Gráficos Zincke Hermanos.
- ↑ Cabeza Quiles, F: Toponimia de Galicia. Vigo. Editorial Galaxia. 2008, 703 páxs. ISBN 978-84-9865-892-1. Páx. 447.
- ↑ "Biblioteca Municiapl". Concello de Ortigueira. Consultado o 14.02.19.
- ↑ "Presentación". TERRAS DO ORTEGAL, revista de estudios locais (5): 5–6. 2018. ISBN 978-92-0-515146-5.
- ↑ Asociación Terras do Ortegal (2020). "Presentación". Revista TERRAS DO ORTEGAL nº 7 (Ortigueira-A Coruña).
- ↑ Castro Fustes, Emilio (Coordinador) (2018). Homenaxe a Narciso Luaces Pardo. O Infatigable compromiso coa terra. O libro dos amigos. Ortigueira-A Coruña: Asociación Terras do Ortegal. ISBN 978-84-86728-89-2.
- ↑ Ana F. Cuba (20.07.2020). "Pesar en Ortigueira pola morte de Narciso Luaces, fundador do Museo Etnográfico de Meixido e autor de varios libros". La Voz de Galicia.
- ↑ Xaquín Lorenzo Fernández, 267.
Véxase tamén
editarWikimedia Commons ten máis contidos multimedia na categoría: Ortigueira |
Bibliografía
editar- Lorenzo Fernández, Xaquín: Cantigueiro popular da Limia Baixa, Galaxia, Vigo 1973.