[go: up one dir, main page]
More Web Proxy on the site http://driver.im/

Contos de así foi

(Redirección desde «Just So Stories»)

Contos de así foi, cuxo título orixinal é Just So Stories for Little Children, é un libro que consta dunha colección de contos obra do escritor inglés Rudyard Kipling publicado en 1902, que foi publicado en galego en 2021 por Rinoceronte Editora traducido por Estela Villar Nogueira. Os contos teñen un carácter fantástico e son unha das obras máis famosas do autor.

Contos de así foi
Título orixinalJust So Stories
Autor/aRudyard Kipling
OrixeReino Unido
Lingualingua inglesa
Xénero(s)Literatura infantil
EditorialMacmillan Publishers
Data de pub.1902
editar datos en Wikidata ]

Teñen a súa orixe no conto "Como empezou o medo" do libro The Second Jungle Book (1895), no cal Mowgli escoita o conto de como o tigre obtivo as súas raias, e os primeiros contos foron escritos orixinalmente para súa filla, Josephine, que morreu de pulmonía á idade de seis anos.[1]

A edición orixinal de Just So Stories contiña ilustracións realizadas polo propio Kipling.

Os biólogos evolutivos sinalaron que Kipling nas obras de ficción daba ás veces explicacións que se poden considerar lamarckistas sobre a a adquisición das características dos animais,[2] pero que teñen coñecidas explicacións darwinistas.[3][4]

O libro foi descrito como un clásico da literatura infantil.[5] Sue Walsh sinalou en 2007 que os críticos de libros falan del sobre todo como un tipo de lectura que é boa para os nenos e que eles son capaces de comprender e élles pracenteira (nos aspectos sensuais separados da comprensión intelectual).[6]

Descrición

editar

Os contos son relatos fantásticos sobre como se produciron distintos fenómenos, por exemplo como o elefante obtivo a súa trompa ou como se explican as mareas.

Os Contos de así foi empezaron como historias para ser contadas na cama por Kipling a súa primeira filla Josephine ("Effie", como lle chamaba). Cando os primeiros tres contos foron publicados nunha revista para nenos, un ano antes da morte de súa filla, Kipling explicou que: "no serán había historias que pretendían facer durmir a Effie, e non se che permitía alteralas nin nunha soa pequena palabra. Tiñan que ser contadas tal como eran; ou Effie espertaría e engadiría a frase que faltaba. Así que ao final acabaron sendo como feitizos, os tres: o conto da balea, o conto do camelo e o conto do rinoceronte."[7]

O tema típico destes contos é que un animal foi modificado desde a súa forma orixinal á actual polas accións do home ou dun ser máxico. Por exemplo, a balea ten unha gorxa moi pequena porque un mariñeiro que ela tragou colocou unha balsa alí para evitar que tragase outras persoas. O dromedario obtivo a súa xiba por culpa dun xenio que o castigou por negarse a traballar (xa que a xiba permite que o dromedario traballe máis tempo sen ter que comer). As manchas do leopardo pintoullas un etíope (que se pintou a si mesmo de negro). O canguro ten patas moi poderosas, un rabo moi longo e móvese choutando porque foi perseguido por un dingo durante todo un día; o dingo enviárao un deus menor co cal o canguro falara para pedirlle que o fixera diferente a todos os outros animais.

A versión orixinal do libro contaba con ilustracións feitas polo propio Kipling, consistentes en gravados de xilografía.

Lista completa dos Contos de así foi

editar
 
Así foi como ao rinoceronte se lle formou a pel, xilografía de Kipling
  1. Así foi como á balea se lle formou a gorxa — explica por que a balena, malia ser tan grande, se alimenta de seres tan pequenos.
  2. Así foi como ao dromedario lle saíu a xiba — explica como foi castigada a lacazanaría do dromedario.
  3. Así foi como ao rinoceronte se lle formou a pel — explica por que os rinocerontes teñen mal xenio e engurras na pel.
  4. Así foi como ao leopardo lle saíron as manchas
  5. O fillo do elefante — é a historia de como se volveu longa a trompa do elefante.
  6. A cantinela do vello canguro — é a historia de como o canguro cambiou de ser un animal gris e laúdo con pernas curtas e gordas a ser o animal atlético que é hoxe.
  7. O principio dos armadillos — conta como o ourizo cacho e a tartaruga se transformaron no primeiro armadillo.
  8. Como se escribiu a primeira carta — introduce aos únicos personaxes que aparecen en máis dunha historia: unha familia de cavernícolas chamados Tegumai Bopsulai (o pai), Teshumai Tewindrow (a nai), e Taffimai Metallumai, ou Taffy (a filla). Explica como Taffimai lle entrega un debuxo a súa nai.
  9. Así foi como se fixo o alfabeto — Taffy e seu pai inventan a primeira forma do alfabeto.
  10. O cangrexo que xogou co mar — explica as mareas.
  11. O gato que ía ao seu — é a historia máis longa. Explica como todos os animais salvaxes foron domesticados polo home, agás o máis salvaxe de todos, o gato.
  12. A bolboreta que pateou — é a historia de como Salomón se librou das súas esposas problemáticas e salvou o orgullo dunha bolboreta.
  13. O conto tabú (non se encontra na maior parte das edicións británicas; apareceu por primeira vez na edición de Scribner en 1903 nos Estados Unidos)

Ademais de apareceren nunha colección, as historias tamén se publicaron por separado, a miúdo en formatos grandes e con ilustracións, para nenos pequenos.

Adaptacións

editar

Os Cuentos de así foi foron adaptados a un musical chamado, en inglés, Just So, en 1984.[8] Tamén se fixeron obras de cine de animación, incluíndo algunhas na Unión Soviética da década de 1930, época en que por directrices políticas se favorecían as explicacións evolutivas lamarckistas (ver lysenkismo).[9][10][11]

  1. (en inglés) Ficha biográfica en BBC Historic Figures BBC. Consultado o 1 de novembro de 2012.
  2. Fitch, Walter M. (2012). The Three Failures of Creationism: Logic, Rhetoric, and Science. University of California Press. pp. 157–158. ISBN 978-0-520-95166-2. 
  3. Held, Lewis I. (2014). How the Snake Lost its Legs. Curious Tales from the Frontier of Evo-Devo. Cambridge University Press. pp. ix–xi. ISBN 978-1-107-62139-8. 
  4. Mabee, Paula M. (2005). "The New "Just So" Stories". BioScience 55 (10): 898–899. doi:10.1641/0006-3568(2005)055[0898:tnjss]2.0.co;2. 
  5. Lee, John (xullo de 2013). "Rudyard Kipling". Oxford Bibliographies. Consultado o 27 de outubro de 2016. 
  6. Walsh, Sue (setembro de 2007). "Kipling's Children and the Category of 'Children's Literature'". The Kipling Society. Consultado o 27 de outubro de 2016. 
  7. Karlin, Daniel (23 de decembro de 2015). "How the Stories Got Their Name: Kipling and the Origins of the 'Just-So' Stories". Oxford University Press. Consultado o 27 de outubro de 2016. 
  8. "Stiles and Drewe - Just So - History". Stiles and Drewe. Consultado o 11 de abril de 2018. 
  9. Smirnov, Victor (director) (1936). "A Brave Sailor (How the Whale Got His Throat)". Animator.ru. 
  10. Suteyev, Vladimir (director) (1938). "Why Rhinoceros Has Skin With Wrinkles". Animator.ru. 
  11. Shchekalin, V. (director) (1936). "A Little Elephant (How the Elephant Got His Trunk))". Animator.ru. 

Véxase tamén

editar

Ligazóns externas

editar