[go: up one dir, main page]
More Web Proxy on the site http://driver.im/

Director de orquestra

persoa que dirixe un grupo musical durante unha actuación

Un director de orquestra, ou unha directora de orquestra, é a persoa encargada de conducir a música que interpreta unha orquestra. O seu labor é moi arduo. A partir do estudo profundo e intensivo dunha partitura, deberá encargarse de unificar a interpretación dunha obra que interpretará un grupo amplo de músicos. Mentres conduce a música, debe estar atento a que a versión que construíu na súa cabeza de determinada obra (produto da análise) estea a soar no momento do ensaio e/ou concerto. Ao mesmo tempo, debe potenciar a cada músico para lograr o maior rendemento da agrupación musical.

Leonard Bernstein durante un concerto.

Durante os ensaios, debe dar as indicacións que considere importantes aos músicos que integran unha agrupación orquestral. As súas indicacións poden abarcar desde un matiz, unha maneira de vibrar os sons ou sobre a maneira de unificar a interpretación de determinada sección dunha obra. Tamén está atento á afinación, ao empaste, ao ensamble e ao balance que a orquestra desenvolve.

Aínda que a figura do director é relativamente nova en termos históricos, nalgún punto a súa función estivo sempre presente. Existen agrupacións que non teñen director fixo pero que contan cun director musical que, basicamente, decide varios puntos esenciais para a interpretación correcta da obra.

Historia

editar

A dirección orquestral ten orixe na tarefa de condución vocal que se realizaba durante a Idade Media. Coa incorporación dos instrumentos e a utilización de diversos elementos compositivos máis complexos, a posición do mestre de capela adquire maior protagonismo. Para lidar con estas novas dificultades estendeuse o uso dun bastón, co que se moitas veces se marcaba o tempo golpeando o chan. É coñecida a historia do compositor da corte de Francia Jean-Baptiste Lully, quen esmagou o seu pé co bastón mentres dirixía unha agrupación. A ferida infectouse debido a que naqueles tempos non había tanta hixiene. Debido a isto o director terminou falecendo. Estes foron os primeiros intentos e as primeiras experiencias de dirección, que denotaron a necesidade dunha figura que poida conducir a música nun grupo.

Nos séculos XVII e XVIII era moi común que os compositores fosen os encargados de dirixir a música que escribían. Cando isto non era posible, recorríase a un músico da orquestra, que case sempre era o concertino ou o realizador do baixo continuo. Co transcurso do tempo, a dirección de orquestra foi desenvolvéndose tecnicamente e volvéndose máis precisa, de maneira que no século XIX atopamos xa a músicos que unicamente se dedican a dirixir orquestras e agrupacións musicais. É así que, no século XIX, considérase imprescindible a formación específica na dirección orquestral da persoa que exercese ese rol.

Con todo, grandes compositores subsistiron principalmente do seu labor como directores de orquestra. As súas figuras eran respectadas polas orquestras pola autoridade que lles daba ser os compositores das obras que se interpretaban. Algúns deles foron: Hector Berlioz, Felix Mendelssohn, Ludwig Spohr, Carl Maria von Weber, Richard Wagner, Gustav Mahler e Richard Strauss.

Funcións

editar

Entre os deberes do director de orquestra están: levar o tempo, indicar a entrada de grupos instrumentais individuais, marcar os cambios de dinámicas e fixar calquera outra instrución relevante deixada na partitura polo compositor. Tamén son deberes do director coordinar os ensaios e resolver disputas e desacordos de índole interpretativa entre os músicos. Moitos directores tamén son os encargados de definir as programacións que a orquestra leva adiante en cada actuación.

Cabe notar que, aínda que as funcións de cada director son as mesmas, a forma nas que as executan é o que os distingue. Normalmente, cada partitura usa termos que se prestan a distintos graos de ambigüidade, e por onde están suxeitas á interpretación do director. Algúns exemplos son o rubato, allegro ou forte.

Por isto dise que ningunha versión dunha peza é exactamente igual a outra, nin sequera cando son feitas por un mesmo director en dúas ocasións distintas. Por exemplo, Ígor Stravinskii, quen dirixiu polo menos seis gravacións da súa obra Le Sacre du printemps, notou que cada unha delas era marcadamente diferente das outras.

Ás veces, se o compositor está presente nos ensaios da súa obra, pode cambiar de opinión acerca do que escribiu na partitura e informarllo ao director. En ocasións, algúns directores interésanse por coñecer ben non só a obra que dirixirán, senón tamén ao mesmo compositor: os seus gustos, coñecementos musicais e mestría, pois consideran que é esencial para unha execución de calidade. Este é normalmente o caso ante a estrea mundial da obra.

Características

editar

Un director de orquestra debe ter a maior cantidade de coñecementos musicais posibles. Isto permitiralle ter unha visión máis ampla da música que está a dirixir. Ademais, debe ter coñecementos sobre a orquestración e, por tanto, saber como producen son os instrumentos da orquestra (sen necesariamente poder executalos). Saber os rexistros óptimos e non óptimos de cada instrumento, permitiralle un traballo máis sutil na construción da versión musical da obra que está a dirixir. Debe ter profundos coñecementos de harmonía.

Ferramentas

editar

A maioría dos directores utilizan para dar as súas indicacións, ademais de xestos, unha pequena vara chamada batuta. A función deste elemento é ampliar o rango de visión para que todos os integrantes dunha orquestra poidan velo. Os que non utilizan batuta, dirixen con xestos dos brazos e mans.

O director utiliza todo o seu corpo para dirixir. A maneira de estar parado, de ver aos músicos e de respirar condicionan o son resultante da orquestra. Algúns directores utilizan tamén unha tarima sobre a que se paran para que a orquestra os poida ver con maior facilidade. Esta tarima adoita ter o nome de "podio".

Técnica xeral

editar

Esquemas

editar

Unha das funcións máis importantes nos inicios dun director é a marcación dos esquemas. Con estes movementos, quen dirixe dá dúas das informacións máis importantes da música: o pulso e o compás. En xeral, realízanse coa man dereita. A técnica universal da dirección orquestral comeza co ensino e mellora continua deste elemento. É de suma importancia que os esquemas sexan moi claros para que a agrupación que estea a tocar poida comprendelos facilmente.

A continuación, preséntanse os 3 esquemas básicos que marca un director durante unha obra musical.

Esquema de catro pulsos

editar
 
Esquema de catro pulsos

Neste gráfico móstrase o percorrido que realiza a man dereita. O pulso un está cara a abaixo, o pulso dous cara a dentro, o tres cara a fóra e o cuarto cara a arriba. Como se pode observar, todos os pulsos están case nun mesmo lugar, o que vai cambiando é o percorrido de levare ou anacrusa que realiza a man (ou a batuta).

Esquema de tres pulsos

editar
 
Esquema de tres pulsos

Neste gráfico móstrase o percorrido que realiza a man dereita. O pulso un está cara a abaixo, o pulso dous cara a fóra e o tres arriba. Como se pode observar, todos os pulsos están case nun mesmo lugar, o que vai cambiando é o percorrido de levare ou anacrusa que realiza a man (ou a batuta).

 
Esquema de dous pulsos

Esquema de dous pulsos

editar

Neste gráfico móstrase o percorrido que realiza a man dereita. O pulso un está cara a abaixo, o pulso dous cara a fóra e o tres arriba. Como se pode observar, todos os pulsos están case nun mesmo lugar, o que vai cambiando é o percorrido de levare ou anacrusa que realiza a man (ou a batuta).

A man esquerda

editar

A man esquerda ten moitas funcións posibles. Na formación inicial do director, utilízase para marcar as dinámicas, as entradas dos músicos e para reforzar determinados movementos da man dereita. A medida que avanza a formación dun director e na medida en que crece o nivel da agrupación, a man esquerda toma un rol netamente expresivo. A súa función é marcar conducións de frases e aspectos estruturais (procesos de tensión e distensión) dentro dunha obra.

Relacións (ou proporcións): Técnica de Sergiu Celibidache

editar
 
Sergiu Celibidache, director que deixou un gran legado técnico.

Unha das técnicas de dirección máis sólidas que existen é a que desenvolveu Sergiu Celibidache. Unha das súas maiores achegas foi o concepto de relacións (ou proporcións). Coas relacións, Celibidache estuda os movementos e os tempos internos que hai na marca que realiza un director. Explica que segundo o tempo que hai no movemento ascendente e descendente dentro da marca do director, pódense conducir tempos binarios ou ternarios. Tamén se pode diferenciar a música con carácter legato e staccato.

Diferenza entón 6 tipos de relacións:

- Relación 1/1: Tárdase a metade do tempo en subir e a metade do tempo en baixar ao pulso. Utilízase para dirixir ritmos binarios en legato.

- Relación 1/2: Tárdase dúas partes do pulso en subir e unha en baixar. Utilízase para dirixir ritmos ternarios en legato.

- Relación 1/3: Tárdase 3 partes do pulso en subir e unha en baixar. Utilízase para dirixir ritmos binarios en staccato.

- Relación 1/4: Tárdase 4 partes do pulso en subir e unha en baixar.

- Relación 1/5: Tárdase a quinta parte do pulso en subir e unha parte en baixar.

Este concepto foi innovador e permitiu un gran desenvolvemento na técnica xeral da dirección orquestral. Sergiu Celibidache tamén desenvolveu a filosofía da dirección orquestral. A súa escola de dirección marcou un antes e un despois na historia da dirección orquestral.

Día internacional

editar

Desde 2013 celébrase cada 13 de xullo o día internacional do Director de Orquestra, por iniciativa dos alumnos da Escola de Dirección de Orquestra e Banda Mestre Navarro Lara, aniversario do falecemento do recoñecido director Carlos Kleiber.[1]

  1. "Día Internacional del Director de Orquesta". Revista Mito. Arquivado dende o orixinal o 17 de febreiro de 2021. Consultado o 07 de febreiro de 2021. 

Véxase tamén

editar

Bibliografía

editar