Arapaima
Arapaima | |||||||||||||
---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|
Clasificación científica | |||||||||||||
| |||||||||||||
Especie tipo | |||||||||||||
'Sudis gigas' Schinz, 1822 | |||||||||||||
Especies | |||||||||||||
ver texto | |||||||||||||
Sinonimia | |||||||||||||
|
O Arapaima é un xénero de peixes de río suramericanos das cuncas do río Amazonas e o Essequibo que na súa área de distribución recibe o nome de arapaima, pirarucú e paiche. Son peixes de gran tamaño de lingua ósea (Osteoglossiformes). O xénero Arapaima é o xénero tipo da familia Arapaimidae.[1][2] Son uns dos peixes de augas doces de maior tamaño do mundo, xa que poden chegar aos 3 m ou máis de lonxitude, aínda que normalmente son menores.[1] Son un importante alimento para as poboacións do Amazonas, ata o punto que a súa sobrepesca (xunto coa perda de hábitats) fixo descender o seu número na súa área nativa. Porén, o arapaima foi introducido en varias rexións tropicais fóra da súa área natural, tanto de Suramérica coma doutras partes, onde ás veces chegou a converterse nunha especie invasora.[3]
Arapaima era tradicionalmente considerado un xénero monotípico coa única especie A. gigas, pero posteriormente distinguíronse dentro del varias especies (algunhas nomeadas de antigo e despois redescritas).[2][4][5] Como consecuencia desta confusión taxonómica, os estudos iniciais sobre o animal fixéronse dándolle o nome de A. gigas como se todos eles fosen iguais, pero esta especie concreta (tal como se define agora) só se coñece por vellos espécimes de museo e a súa área nativa exacta non está moi clara. A especie que normalmente se ve e estuda é A. arapaima,[4][5][6] aínda que tamén se rexistra un pequeno número de A. leptosoma no comercio de especies de acuario.[7] As restantes especies son practicamente descoñecidas hoxe: A. agassizii coñécese por debuxos detallados que se fixeron dela (o espécime tipo que se conservaba perdeuse durante os bombardeos da Segunda Guerra Mundial) e A. mapae coñécese polo seu espécime tipo.[2][4][5] A especie A. arapaima é relativamente repoluda comparada co resto das especies.[4][5]
Taxonomía
editarFishBase recoñece as seguintes catro especies no xénero.[1] Ademais, hai evidencias que suxiren que existe unha quinta especie, A. arapaima que debería recoñecerse (e que é a máis estendida e mellor coñecida, outras veces incluída en A. gigas).[4][5][6][8]
- Arapaima arapaima Valenciennes, 1847
- Arapaima agassizii Valenciennes, 1847
- Arapaima gigas Schinz, 1822
- Arapaima leptosoma D. J. Stewart, 2013
- Arapaima mapae Valenciennes, 1847
Estes peixes están moi dispersos e non migran, o que fixo supoñer aos científicos que hai aínda máis especies deste xénero esperando a ser descubertas nas profundidades dos ríos da cunca do Amazonas. Os hábitats onde vive ofrecen unha gran probabilidade para a diversidade.[9]
Morfoloxía
editarOs arapaimas poden alcanzar lonxitudes de máis e 2 m, e actualmente son excepcionais os de 2,5 m e máis de 100 kg e peso. Porén, O peso máximo rexistrado nesta especie foi de 200 kg, e a lonxitude máxima rexistrada foi de 4,52 m. Como resultado da sobrepesca os arapaimas grandes de máis de 2 m rara vez se encontran na natureza hoxe en día.
Os arapaimas teñen forma de torpedo e grandes escamas verdes con tons negros e marcas vermellas. É hidrodinámico e liso coas aletas dorsal e anal preto da cola.
As escamas dos arapaimas están mineralizadas, son duras, e a capa externa ten a superficie ondulada, baixo a cal hai varias capas de fibras de coláxeno dispostas formando unha estrutura similar ao da madeira contrachapada, na que as fibras de cada sucesiva capa están orientadas en ángulo con respecto ás da capa anterior, o que incrementa a robustez.[10][11] A superficie dura e ondulada da capa exterior e as capas rexas de coláxeno internas funcionan sinerxicamente para contribuír á súa capacidade de flexionarse e deformarse mentres proporcionan forza e protección, unha solución que permite que o peixe sexa moi móbil e á vez estea fortemente acoirazado.[12] Como vive en augas pouco oxixenadas, o arapaima ten unha gran dependencia do aire para respirar, polo que ten que ir periodicamente á superficie. Ademais das branquias, ten un órgano do labirinto con tecido similar ao dos pulmóns que conecta coa boca, que pode extraer o oxíxeno do aire.[13]
Ecoloxía
editarA dieta do arapaima consta de peixes, crustáceos e pequenos animais terrestres. O peixe respira aire usando o seu órgano do labirinto, que está moi irrigado por vasos sanguíneos e ábrese na boca do animal,[14] o que é unha vantaxe en augas moitas veces escasas en oxíxeno como as do río Amazonas. Este peixe pode sobrevivir en lagos formados por brazos mortos dos ríos con só 0,5 ppm de oxíxeno disolto. Nas zonas húmidas do río Araguaia, un dos refuxios máis importantes para esta especie, é o superdepredador no cume da pirámide alimenticia durante a estación con baixo nivel de auga, cando se forman lagos que quedan illados dos ríos e cae o nivel de oxíxeno nas augas, facendo que as presas estean aletargadas e vulnerables.
Os arapaimas poden saltar fóra da auga se están presionados polas condicións ambientais ou perseguidos ou para comer.
Historia natural e comportamento
editarReprodución
editarDebido á súa distribución xeográfica, o ciclo de vida do arapaima está moi afectado polas cheas estacionais dos ríos. Na época reprodutora sofre lixeiros cambios de cor.[15] Pon os ovos anualmente durante os meses nos que o nivel das augas é baixo ou empeza a subir. Constrúe un niño duns 50 cm de diámetro e 15 cm de profundidade, xeralmente en áreas de fondo barroso. A medida que ascende o nivel da auga os ovos eclosionan e as crías teñen a estación das cheas de maio a agosto para prosperar.
O arapaima macho cría os fillos na boca, igual que o seu parente Osteoglossum, o que significa que as crías se protexen dentro da boca do pai ata que se fan maiores. A femia axuda á protección do macho e as crías nadando en círculo arredor deles e escorrentando os predadores potenciais.
No seu libro The Whispering Land (A terra dos murmurios), o naturalista Gerald Durrell informou que na Arxentina, as femias de arapaima foran vistas segregando unha substancia branca dunha glándula da cabeza e que as crías parecían alimentarse desa substancia.
Evolución
editarAtopáronse fósiles de arapaima ou dunha especie moi similar na Formación Villavieja do Mioceno de Colombia[16] Hai espécimes de museo en Francia, Inglaterra, Estados Unidos, Brasil, Güiana, Ecuador e Perú.[17]
Relación cos humanos
editarO arapaima utilízase de moitas maneiras pola poboación humana local.
Considérase un peixe de acuario, pero necesita un espazo substancial e bastante comida.
A súa lingua considérase en Suramérica que ten propiedades medicinais. Utilízase, por exemplo, para tratar a infestación por vermes intestinais. A súa lingua ósea é utilizada tmé para rascar cilindros de guaraná seco, un ingrediente dalgunhas beberaxes, e as súas escamas óseas úsanse como limas de uñas.
Da carne do arapaima obtéñense bistés sen espiñas considerados unha delicadeza culinaria. Na rexión do Amazonas os habitantes locais salgan e secan a súa carne, enrólana facendo que tome forma de cigarro, e despois átase e pode almacenarse sen que apodreza, o cal é importante nunha rexión con poucas posibilidades de utilizar refrixeración. Denomínase o "bacallau do Amazonas", e pode prepararse de maneira parecida ao bacallau salgado.
Pesca
editarA pesca só está permitida en certas áreas remotas da cunca do Amazonas, e debe ser unha pesca deportiva de capturar e liberar ou unha pesca de subsistencia dos pobos nativos.
Desde 1918 a 1924 pescáronse unhas 7000 toneladas ao ano, no que foi a época da súa maior pesca comercial. A demanda fixo que as xentes do río (ribeirinhos) criasen ese peixe.[18]
Pode ser arponeado ou capturado con redes. Como o peixe necesita respirar aire na superficie, os cazadores de arapaima con arpón tradicionais esperaban a que subise e arponeábano e golpeábano cun pau ata matalo. Un só peixe medio pode dar 70 kg de carne ou máis.
O arapaima foi introducido para a pesca en Tailandia e Malaisia. Pode pescarse agora en Tailandia en certos lagos, dos que se teñen collido peixes de 150 kg}.
Durante a pesca deportiva de captura e liberación o peixe debe sacarse da auga durante poucos minutos e manipularse con coidado para facerse unha foto-trofeo con el, xa que se lle pode romper o longo vaso sanguíneo que percorre a súa espiña dorsal e morrer.
Acuicultura
editarEn 2013 empezouse a comercializar arapima criado en instalacións de acuicultura nos Estados Unidos como unha alternativa máis barata ao fletán ou á merluza negra.[19]
Conservación
editarO status das poboacións de arapaima na cunca do río Amazonas non se coñece, polo que está clasificado na lista vermella da IUCN como con Datos insuficientes. É difícil realizar un censo da poboación nunha área tan grande, e é problemático monitorizar as capturas nun comercio que é en gran medida ilegal. A pesca comercial do arapaima está prohibida no Brasil. Colombia prohibe a pesca e o consumo establecendo unha veda entre o 1 de outubro e o 15 de marzo, que é o período reprodutor.[20]
Un estudo de 2014 atopou que as poboacións do peixe estaban moi diminuídas ou sobreexplotadas nun 93% dos sitios examinados e só estaban ben xestionadas ou non pescadas no 7%; e o peixe parece que foi exterminado no 19% deses sitios.[21][22] Os arapaimas son especialmente vulnerables á sobrepesca debido ao seu tamaño e porque teñen que saír á superficie a respirar, o que facilita a súa localización ecaptura.
Galería
editar-
Arapaima no Shedd Aquarium
-
Arapaima no Manila Ocean Park
-
Arapaima no Aktiengesellschaft (Xardín Zoolóxico de Colonia)
-
Arapaima leptosoma no zoo (acuario mariño) de Sebastopol
Notas
editar- ↑ 1,0 1,1 1,2 Modelo:FishBase genus
- ↑ 2,0 2,1 2,2 Castello, L.; and Stewart, D.J (2008). Assessing CITES non-detriment findings procedures for Arapaima in Brazil. NDF Workshop case studies (México 2008), WG 8 – Fishes, Case study 1
- ↑ Miranda-Chumacero, G.; Wallace, R.; Calderón, H.; Calderón, G.; Willink, P.; Guerrero, M.; Siles, T.M.; Lara, K.; and Chuqui, D. (2012). Distribution of arapaima (Arapaima gigas) (Pisces: Arapaimatidae) in Bolivia: implications in the control and management of a non-native population. BioInvasions Records 1(2): 129–138
- ↑ 4,0 4,1 4,2 4,3 4,4 Stewart, D.J. (2013). A New Species of Arapaima (Osteoglossomorpha: Osteoglossidae) from the Solimões River, Amazonas State, Brazil. Copeia, 2013 (3): 470-476.
- ↑ 5,0 5,1 5,2 5,3 5,4 Stewart, D. J. (2013). Re-description of Arapaima agassizii (Valenciennes), a rare fish from Brazil (Osteoglossomorpha, Osteoglossidae). Copeia, 2013: 38-51
- ↑ 6,0 6,1 Dawes, J: Arapaima Re-classification and the Trade. Arquivado 22 de decembro de 2014 en Wayback Machine. Acceso 24 de maio de 2014
- ↑ Howard, B.C. (13 de outubro de 2013). New Species of Giant Air-Breathing Fish: Freshwater Species of the Week. Arquivado 14 de outubro de 2013 en Wayback Machine. National Geographic. Consultado o 24 de maio de 2014
- ↑ Clarke, M. (15 de xaneiro de 2010).Five Arapaima species, not one. Arquivado 29 de novembro de 2014 en Wayback Machine. Practicalfishkeeping. Consultado o 24 de maio de 2014.
- ↑ Arantes, Caroline C., Leandro Castello, Mauricio Cetra, and Ana Schilling. "Environmental Influences on the Distribution of Arapaima in Amazon Floodplains." Environmental Biology of Fishes (2011): 1257-267. Print.
- ↑ Sherman, Vincent R. (2016). "A comparative study of piscine defense: The scales of Arapaima gigas, Latimeria chalumnae and Atractosteus spatula". Journal of the Mechanical Behavior of Biomedical Materials. doi:10.1016/j.jmbbm.2016.10.001.
- ↑ "Engineers Find Inspiration for New Materials in Piranha-proof Armor". Jacobs School of Engineering, UC San Diego. Consultado o 8 de febreiro de 2012.
- ↑ Sherman, Vincent R. (2015). "The materials science of collagen". Journal of the Mechanical Behavior of Biomedical Materials 52: 22–50. PMID 26144973. doi:10.1016/j.jmbbm.2015.05.023.
- ↑ "Arapaima videos, photos and facts - Arapaima gigas - ARKive". arkive.org. Arquivado dende o orixinal o 03 de novembro de 2012. Consultado o 04 de xaneiro de 2017.
|archiveurl=
e|urlarquivo=
redundantes (Axuda);|archivedate=
e|dataarquivo=
redundantes (Axuda);|deadurl=
e|urlmorta=
redundantes (Axuda) - ↑ Ferraris, C.J. (2003). "Family Arapaimatidae". En Reis, R.E.; Kullander, S.O.; Ferraris, C.J. Check List of the Freshwater Fishes of South and Central America. Porto Alegre, Brazil: EDIPUCRS. pp. 582–588.
- ↑ "Fish Warrior: Amazon Giant." http://natgeotv.com/. National Geographic. Web. <http://natgeotv.com/ca/fish-warrior/facts>.
- ↑ Lundberg, J.G. & B. Chernoff (1992). "A Miocene fossil of the Amazonian fish Arapaima (Teleostei, Arapaimidae) from the Magdalena River region of Colombia--Biogeographic and evolutionary implications". Biotropica 24 (1): 2–14. JSTOR 2388468. doi:10.2307/2388468.
- ↑ Arantes, Caroline C., Leandro Castello, Mauricio Cetra, and Ana Schilling. "Environmental Influences on the Distribution of Arapaima in Amazon Floodplains." Environmental Biology of Fishes (2011): 1257-267. Print.
- ↑ River Monsters episode name: "Unhooked", Animal Planet, 16 de xullo de 2010 10AM PDT.
- ↑ "Saving an Endangered Fish by Eating More of It - BusinessWeek Education Resource Center". resourcecenter.businessweek.com. Arquivado dende o orixinal o 06 de xaneiro de 2017. Consultado o 2015-08-20.
|archiveurl=
e|urlarquivo=
redundantes (Axuda);|archivedate=
e|dataarquivo=
redundantes (Axuda);|deadurl=
e|urlmorta=
redundantes (Axuda) - ↑ "Copia arquivada". Arquivado dende o orixinal o 05 de marzo de 2016. Consultado o 04 de xaneiro de 2017.
- ↑ Castello, L.; Arantes, C. C.; Mcgrath, D. G.; Stewart, D. J.; De Sousa, F. S. (2014-08-13). "Understanding fishing-induced extinctions in the Amazon". Aquatic Conservation: Marine and Freshwater Ecosystems. doi:10.1002/aqc.2491.
- ↑ Gough, Z. (2014-08-13). "Giant Amazon fish 'locally extinct' due to overfishing". BC Nature. BBC. Arquivado dende o orixinal o 14 de agosto de 2014. Consultado o 2014-08-15.
Véxase tamén
editarBibliografía
editar- Froese, Rainer; Pauly, Daniel, eds. (01 de 2009). "Arapaima gigas". FishBase (en inglés).
- Gourmet Magazine (maio de 2007 Volume LXVII No. 5) Artigo: "The Quarter Ton Fish" px. 106; Condé Nast Publications
- National Geographic News "Search Is on for World's Biggest Freshwater Fish"