[go: up one dir, main page]
More Web Proxy on the site http://driver.im/Saltar ao contido

Viño de Casaquistán

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.

O viño de Casaquistán é o viño feito en Casaquistán. As orixes da industria vinícola casaca remóntanse ao século VII, cando chegaron á rexión as primeiras cepas de vide procedentes dos países veciños China e Uzbekistán. Aínda que só un 4% da superficie de Casaquistán é ideal para a viticultura, a produción anual de viño alcanza os 236.000 hectolitros a partir dun terreo cultivado de 13.000 hectáreas.[1] Impulsado pola súa riqueza mineral, o país converteuse nun entusiasta consumidor de viño, pero aínda debe importar o 80% do seu consumo de 30 millóns de botellas ao ano.

Primitiva botella de viño casaco.

A evidencia máis antiga da viticultura en Casaquistán data do século VII da nosa era e foi atopada nos arredores de Shymkent e ao pé dos outeiros de Tian Shan, na provincia de Almaty preto da fronteira con Kirguizistán. Crese que os viños foron introducidos na zona por comerciantes procedentes da provincia chinesa de Xinjiang e das provincias de Fergana e Samarcanda, en Uzbekistán.

Ao longo da historia casaca, a produción do viño mantívose en pequena escala e para o consumo doméstico. A comezos do século XX as adegas de Almaty, Shymkent e Taraz, de propiedade e control gobernamental eran as maiores produtoras. Tras a disolución da Unión Soviética, aumentou de novo o interese polo viño casaco e Rusia converteuse nun dos principais socios comerciais de Casaquistán no comercio do viño.

En xeral, prodúcese un viño de mesa alcanzábel, aínda que a ONU considera que o clima continental podería ser apropiada para a produción dun viño de xeo de alto valor.[2]

Tipos de uva

[editar | editar a fonte]

Ata o momento, a industria casaca do viño estivo enfocada á produción de viños doces. Cultívanse máis de 40 variedades de uva aínda que máis da metade están destinadas a uva de mesa antes que á produción de viño. As máis populares variedades de uva de viño inclúen Aligoté, Aleatico, Cabernet Franc, Cabernet Sauvignon, Pinot noir, Riesling, Rkatsiteli, Saperavi, Muscat Ottonel, Bayan Shirey, Kuljinski, Maiski Cherny e Rubinovy Magaracha. Ultimamente aumentou o interese na plantación de variedades internacionais como Sauvignon Blanc.

  1. J. Robinson (ed) "The Oxford Companion to Wine" Third Edition pg 380-381 Oxford University Press 2006 ISBN 0-19-860990-6
  2. United Nations Development Programme; Government of the Republic of Kazakhstan (23-02-2005). "In situ Conservation of Kazakhstan’s Mountain Agro-biodiversity" (PDF). Global Environment Facility. Arquivado dende o orixinal (PDF) o 09-06-2007. Consultado o 21-06-2007.