[go: up one dir, main page]
More Web Proxy on the site http://driver.im/Saltar ao contido

Oso pardo

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
(Redirección desde «Ursus arctos»)
Véxase tamén: Oso pardo europeo.
Oso pardo
Ursus arctos
Estado de conservación
Pouco preocupante (LC)
Pouco preocupante[1]
Clasificación científica
Reino: Animalia
Filo: Chordata
Clase: Mammalia
Orde: Carnivora
Suborde: Caniformia
Familia: Ursidae
Subfamilia: Ursinae
Xénero: Ursus
Especie: U. arctos
Nome binomial
Ursus arctos
Linnaeus, 1758 [2]

Subespecies
Véxase o texto

O oso pardo [3][4] (Ursus arctos) é unha especie de mamífero da orde dos carnívoros (aínda que o seu réxime alimenticio é omnívoro) da familia dos úrsidos propio de Eurasia e Norteamérica.

Distribución

[editar | editar a fonte]

O oso pardo é un habitante característico dos bosques de montaña, praderías e matogueiras de Europa, Asia temperada e Norteamérica.[4]

Neste vasto territorio aparece baixo certo número de subespecies, que se diferencian unhas doutras pola coloración do pelo e o tamaño do animal, e que poden ser moi diferentes, até o punto de que antigamente consideráronse como especies distintas.

Descrición

[editar | editar a fonte]

De gran tamaño, ten unha lonxitude corporal que varía desde 1,50 a 2,95 m, dependendo da subespecie, e unha altura na cruz de até 1,30 m. O seu peso loxicamente tamén varía, desde os 100 até os 675 kg.

A súa estrutura corporal está conformada por ósos curtos e compactos, destacando o úmero, onde se insiren nos poderosos músculos das extremidades anteriores, que fan posíbel que o animal poida voltear pedras de gran tamaño, deitar pólas de árbores e escavar buratos.[4]

A cor é moi variábel dun individuo a outro. Pode oscilar entre a parda moi escura e a dourada clara, pasando por diversas gamas de grises. As crías adoitan presentaren un colar abrancazado máis ou menos amplo ao rededor do pescozo, marca que habitualmente desaparece a partir da primeira muda ao ano de idade, pero pode quedar algún resto nos adultos. A pelaxe renóvase unha vez ao ano, na época estival.

Bioloxía

[editar | editar a fonte]

Pel e órganos dos sentidos

[editar | editar a fonte]
Oso pardo ergueito.

Os osos pardos posúen un eficaz abrigo para manter a temperatura corporal, formado por pelos suaves, finos e ondulados, máis longos polo dorso e, pore debaixo, unha capa de borra que mudan polo verán.
Nesta época resgárdansae en lugares frescos á sombra ou entre a densa vexetación, e poden darse baños de auga ou de lama en ríos e lagos para mitigar a calor, xa que non poden regular a temperatura coa suor; só poden facelo a través dos vasos sanguíneos das planta dos pés ou arfando, como fan os cans.
Invernan desde outubro ou novembro até a primavera (marzo ou abril), dependendo a duración deste período de repouso da climatoloxía do lugar onde viven.[4]

Non teñen unha visión moi desenvolvida, comparada con outros sentidos, aínda que si poden ver as cores durante a noite. A longa distancia recoñecen formas, pero non detalles, e detectan moito mellor animais ou obxectos en movemento que inmóbiles.

Son plantígrados, con cinco dedos en cada pé armados de fortes gadoupas, sendo as anteriores especialmente longas, coas que poden dar fortes gadoupadas mortais, pero tamén amosar actitudes delicadas e habilidosas.[4]

Nalgunhas situacións, como cando se senten ameazados, ou cando queren aumentar o seu campo de visión, poden erguerse sobre as patas traseiras.

O seu oído é extremadamente agudo e desenvolvido, ao igual que o olfacto, que é excelente, finísimo e, sen dúbida, o seu sentido máis desenvolvido e o que máis lle axuda na súa vida cotiá. Grazas a el pode detectar a longa distancia moitas das súas fontes de alimento e tamén o estado sexual doutros exemplares durante a época de celo.

Alimentación

[editar | editar a fonte]
Nadando.
Femia coas súas crías.
Engaiolado en catividade.

As mandíbulas teñen 4 dentes caninos puntiagudos e robustos, como os doutros carnívoros. Porén, non presenta moas carniceiras, e a presenza de incisivos aptos para cortar herba e caules, e de moas amplas e aplanadas capaces de triturar alimentos de orixe vegetal, fan que a dentadura deste carnívoro estea perfectamente adaptada a un réxime omnívoro. Aliméntase de diversas herbas, tubérculos, rizomas, castañas, landras, mel, roedores, anfibios e mesmo preas, podendo deprazarse moitos quilómetros en busca de alimento. A súa actividade comeza e remata cos crepúsculos.[4]

Reprodución

[editar | editar a fonte]

Os osos pardos non parecen seren territoriais, sendo porén frecuente ver que varios individuos marcan unha mesma árbore, trabándoa, rabuñándoa ou fregando o lombo contrta ela; esta actividade pode, por tanto, interpretarse como un xeito de comunicación intraespecífica. Presentan dimorfismo sexual bastante acentuado, sendo os machos claramente máis grandes e corpulentos que as femias (estas son dun 20 a un 25% máis pequenas, e teñen a cabeza algo máis afiada). Alcanzan a madurez sexual entre os 3,5 e os 5,5 anos de idade. A época de celo acontece na primavera e pode estenderse até principios do verán. As femias, que paren cada dous ou tres anos, son detectadas polos machos, cando son receptivas, a moitos quilómetros de distancia. Poden congregarse varios machos para conquistar unha femia e, nese momento, é normal que se produzan enfrontamentos entre os rivais; o vencedor cortexa á parella durante varios días e, se a femia deixa de estar receptiva, o macho desiste do cortexo, abadoándoa. Os osos son promiscuos, para conseguir o maior número de cópulas posíbel e así asegurar a descencencia.[4]

A implantación do óvulo fecundado aprázase até outubro ou novembro, facéndoo coincidir co repouso invernal (implantación diferida). Na cova ou burato que a femia escolle para invernar (a oseira), nun lugar pouco accesíbel a agochado tras unha maraña de xestas ou piornos, e agrandado até facelo confortábel, pare entre unha e tres crías, moi pequenas e pouco desenvolvidas, cas sen pelo e cos ollos mpechados. En abril ou maio, nai e fillos abandonan a oseira e mantéñense xuntos durante uns 18 meses, momento en que a osa entra de novo en celo.[4]

A súa esperanza de vida é de 25 a 30 anos (máximoa coñecidos: 34 anos en estado silvestre e 47 en catividade).

Subespecies

[editar | editar a fonte]

A especie Ursus arctos comprende numerosas subespecies, en número variábel segundo os autores. De acordo co SIIT serían as seguintes:[2]

"Grizzly" (Ursus arctos horribilis).
  • Ursus arctos Linnaeus, 17548
    • Ursus arctos alascensis Merriam, 1896
    • Ursus arctos arctos Linnaeus, 1758 – oso pardo europeo
    • Ursus arctos beringianus Middendorff, 1851 – oso pardo de Siberia
    • Ursus arctos californicus Merriam, 1896
    • Ursus arctos collaris F. G. Cuvier, 1824
    • Ursus arctos crowtheri Schinz, 1844
    • Ursus arctos dalli Merriam, 1896
    • Ursus arctos gyas Merriam, 1902
    • Ursus arctos horribilis Ord, 1815oso grizzly
    • Ursus arctos isabellinus Horsfield, 1826
    • Ursus arctos lasiotus Gray, 1867
    • Ursus arctos middendorffi Merriam, 1896 – oso das Kodiak
    • Ursus arctos pruinosus Blyth, 1854
    • Ursus arctos sitkensis Merriam, 1896
    • Ursus arctos stikeenensis Merriam, 1914
    • Ursus arctos syriacus Hemprich & Ehrenberg, 1828

Estado de conservación

[editar | editar a fonte]
Ursus arctos syriacus.

Segundo a UICN a área de dispersión do oso pardo reduciuse progresivamente nos últimos tempos en Norteamérica (en México a especie extinguiuse en época histórica), Europa (extinguido en Alemaña, Suíza, Liechtenstein, Hungría, Moldova e Portugal), e desaparecida xa en todo o norte de África e Oriente Medio (Marrocos, Alxeria, Exipto, Palestina, Israel, Líbano e Siria).[5]

Porén, segue a ser unha especie presente de forma xeneralizada en tres continentes e un dos mamíferos terrestres máis amplamente distribuídos do mundo. Globalmente, a poboación segue sendo grande e na actualidade non está diminuíndo significativamente. E aínda que hai moitas poboacións pequenas e illadas que se encontran en perigo de extinción, outras, pola contra, e grazas a medidas de protección, estanse expandindo. Por estas razóns, cualificou en 2008 o estado de conservación da especie como "LC" (pouco preocupante), cualificación que mantén a día de hoxe (2013).[5]

En Galicia

[editar | editar a fonte]
Distribución do oso pardo no Cantábrico.

Aínda que na antigüidade o oso pardo se estendía por boa parte de Galicia, e de que no século XIX era relativamente frecuente na serra dos Ancares e no Courel (como o testemuñan as numerosas alvarizas abandonadas, e topónimos como "Oseira") a súa presenza hoxe en Galicia é esporádica nesas rexións montañosas orientais,[4] a onde pasan individuos procedentes de Asturias e León. Cada vez a súa presenza é máis frecuente, con avistamentos e probas de presenza permante no Parque Natural do Invernadeiro[6], Serra do Courel[7][8][9][10]ou na comarca da Fonsagrada[11][12][13].

Pero estas visitas son cada vez máis frecuentes como consecuencia das accións proteccionistas. A Fundación Oso Pardo (FOP) informa que, desde o 2007, o límite xeográfico entre Lugo e León considérase xa un espazo reprodutor para a especie, e están rexistradas xa dúas femias paridas nun mesmo ano, o que constata o importante crecemento que está experimentando a poboación de osos no alto Sil e no alto Narcea. Non se descarta que, de seguir coa política de restauración dos seus hábitas naturais, cheguen a reproducirse outra vez en Galicia.[14] No censo de 2023, constatouse a existencia de 11 exemplares de oso en Galicia.[15]

  1. McLellan, B.N., Servheen, C. & Huber, D. 2008. Ursus arctos Arquivado 13 de xullo de 2012 en Wayback Machine.. IUCN 2010. Lista Roja de Especies Amenazadas IUCN. Version 2010.1. <www.iucnredlist.org>. Consultado el 22 de abril de 2010.
  2. 2,0 2,1 Ursus arctos Linnaeus, 1758 no SIIT.
  3. oso pardo Arquivado 22 de xullo de 2013 en Wayback Machine. no dicionario da RAG.
  4. 4,0 4,1 4,2 4,3 4,4 4,5 4,6 4,7 4,8 Díaz d'a Silva e Cartelle (2007), p. 90.
  5. 5,0 5,1 McLellan, B. N., Servheen, C. & Huber, D. (2008): Ursus arctos Arquivado 13 de xullo de 2012 en Wayback Machine.. Lista vermella de especies ameazadas da IUCN.
  6. Diario, Nós. "Filmado por primeira vez un oso pardo no parque natural do Invernadeiro". Nós Diario. Consultado o 2020-06-22. 
  7. Lugo, El Progreso de (2016-05-22). "Detectan más destrozos en colmenas de O Courel provocados por el oso". El Progreso de Lugo (en castelán). Consultado o 2020-06-22. 
  8. "Graban en vídeo a un oso pardo en los límites de la sierra de O Courel". La Voz de Galicia (en castelán). 2016-11-03. Consultado o 2020-06-22. 
  9. "Reaparecen os osos na serra do Courel | CRTVG". www.crtvg.es. Consultado o 2020-06-22. 
  10. "Los osos pardos ya hibernan en la sierra de O Courel". La Voz de Galicia (en castelán). 2019-12-06. Consultado o 2020-06-22. 
  11. "El oso vuelve para quedarse". www.farodevigo.es. Consultado o 2020-06-22. 
  12. "Un pescador lucense relata cómo se le cruzó un oso pardo en un río de A Fonsagrada". La Voz de Galicia (en castelán). 2017-06-06. Consultado o 2020-06-22. 
  13. Pontevedra, Silvia R. (2014-10-15). "Oso joven explora A Fonsagrada". El País (en castelán). ISSN 1134-6582. Consultado o 2020-06-22. 
  14. El oso pardo trota por Los Ancares. Diario La Voz de Galicia, 19 de abril de 2013.
  15. "Galicia acolle 11 dos 370 osos pardos detectados no último censo, que confirma a conexión entre Ancares e Courel". Praza Pública. 7 de febreiro de 2023. Consultado o 14 de abril de 2023. 

Véxase tamén

[editar | editar a fonte]

Bibliografía

[editar | editar a fonte]
  • Díaz d'a Silva e Carrtelle, Y. (2007): Guía dos mamíferos de Galicia. A Coruña: Baía Edicións. ISBN 978-84-96883-20-7.
  • Kowalski, K. (1981): Mamíferos. Manual de teriología, pp. 464–472. Madrid: H. Blume Ediciones. ISBN 84-7214-229-9.

Outros artigos

[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas

[editar | editar a fonte]