Tango
Este artigo ou sección precisa dunha revisión ortográfica e/ou de gramática (recurso útil: corrector ortográfico en liña de galego). Podes axudarte do revisor ortográfico, activándoo en: Preferencias → Trebellos → Navegación → Ortografía: Activar o revisor ortográfico. Colabora connosco neste artigo e noutros en condicións semellantes para que a Galipedia mellore e medre. |
O tango é un estilo musical e unha danza do Río da Prata, propia das cidades de Buenos Aires e Montevideo, de natureza netamente urbana e renome internacional. Musicalmente ten forma binaria e compás de dous por catro. É clasicamente interpretado mediante orquestra típica ou sexteto e ten o bandoneón como instrumento esencial. A coreografía, deseñada a partir do abrazo da parella, é sumamente sensual e complexa. As letras están compostas con base nun argot local chamado lunfardo e adoitan expresar as tristezas, especialmente «nas cousas do amor»[1], que senten os homes e as mulleres da vila, circunstancia que o emparenta en certo modo co blues. Enrique Santos Discépolo, un dos seus máximos poetas, definiu o tango como «un pensamento triste que se baila».[2]
Concepto
[editar | editar a fonte]Orixes culturais: arte urbana de fusión
[editar | editar a fonte]Se ben o tango recoñece afastados antecedentes africanos, latinoamericanos e europeos, as súas orixes culturais fusionáronse de tal modo que resulta case imposible recoñecelas. En esencia o tango é unha expresión artística de fusión, de natureza netamente urbana e raíz suburbana («arrabaldeiro»), que responde ó proceso histórico concreto da inmigración masiva, maioritariamente europea, que reconstituíu completamente as sociedades do Río da Prata, especialmente as de Buenos Aires, Rosario e Montevideo, a partir das últimas décadas do século XIX.
A Arxentina, que en 1850 contaba con 1,1 millóns de habitantes, recibiu 6,6 millóns de inmigrantes entre 1857 e 1940. O Uruguai sufriu un proceso similar. Trátase dunha experiencia humana «aluvial» case sen comparación na historia contemporánea.
A diferenza doutras zonas do mundo, os inmigrantes que chegaron ó Río da Prata a partir da segunda metade do século XIX superaban en cantidade as poboacións nativas, e foron parte dun intensivo proceso de mestizaxe multicultural e multiétnica, en gran medida inducida polo Estado a través dunha formidable promoción da escola pública laica.
O tango é fillo directo desa intensa mestizaxe. Sábese que os primeiros tangueiros eran afroarxentinos e afrouruguaios[3]; que o bandoneón provén de Alemaña; que a súa sensualidade deriva da súa orixe prostibularia, onde os inmigrantes europeos que chegaban sós a buscar emprego mantiñan relacións sexuais coas nativas, maioritariamente afroarxentinas e indoamericanas denominadas «chinas». Sábese tamén que o argot do tango, o lunfardo, está cheo de expresións italianas e africanas; que o seu ritmo e clima nostálxico están emparentados coa habanera cubana; e que «tango, milonga, malambo e candombe», son parte dunha mesma familia musical de raíces africanas e costumes provenientes dos gauchos que emigraron á cidade.
Porén, o tango non se confunde nin deriva de ningún estilo musical en particular. Ernesto Sabato dixo que sobre tódalas cousas o tango é un híbrido, unha expresión orixinal e nova que deriva dunha mobilización humana xigantesca e excepcional.
Sexo e tristeza
[editar | editar a fonte]
Ya los años se van pasando,
|
O desexo sexual, sublimado en sensualidade, e a tristeza ou melancolía, derivada dun estado permanente de insatisfacción, son os compoñentes centrais do tango. Nas súas orixes eses sentimentos afloraron da dura situación de millóns de traballadores inmigrantes, maioritariamente homes, solitarios nunha terra estraña, que acudían masivamente ós prostíbulos, onde o sexo pago acentuaba «a nostalxia da comuñón e do amor, a saudade da muller» e a evidencia da soidade.[5] O tango emerxeu así dun «resentimento erótico»[5] masivo e popular, que conduciu a unha dura reflexión introspectiva, tamén masiva e popular, sobre o amor, o sexo, a frustración e finalmente o sentido da vida e a morte para o home común.
No curso do século XX e coa importancia que adquiriu a sexualidade e a introspección, así como unha visión existencial e menos optimista da vida, o tango desenvolveu os seus compoñentes básicos como unha expresión artística notablemente relacionada coa problemática do home contemporáneo.
O arrabalde
[editar | editar a fonte]
Arrabal amargo...
|
O tango é unha arte de raíz suburbana, «arrabaldeira», derivado da súa natureza popular. Xorde e desenvólvese nos barrios de traballadores que rodean as cidades do Río da Prata, o arrabalde. Para o tango o arrabalde é a musa inspiradora, o lugar de pertenza que non se debe abandonar, nin traizoar, nin esquecer. Por riba de tódalas cousas, o tangueiro é unha persoa «de barrio». Na linguaxe do tango, o arrabalde e o centro compoñen dous polos opostos: o arrabalde, moitas veces unido indisolublemente ós amigos e ós «vellos» (os pais), expresa o verdadeiro e o auténtico, en tanto que o centro adoita expresar o pasaxeiro, «as luces» que engaiolan, o fracaso.
O sentimento de pertenza ó arrabalde levou o tango a construír culturas de barrio, a darlles personalidade. Sobre todo en Buenos Aires, o tango está indisolublemente ligado á identidade dos «100 barrios porteños». A cidade do tango é unha cidade vivida desde o arrabalde.
A música
[editar | editar a fonte]Jorge Luis Borges destacaba que a música de tango está tan conectada co mundo do Río da Prata que cando un compositor de calquera outra parte do mundo pretende compoñer un tango «descobre, non sen estupor, que urdiu algo que os nosos oídos non recoñecen, que a nosa memoria non hospeda e que o noso corpo rexeita».[7]
Esta característica fortemente local do tango, imbricada co ritmo e a musicalidade da linguaxe do Río da Prata, foi reiteradamente sinalada.
Unha das primeiras características da música de tango foi a exclusión dos instrumentos de vento-metal e percusión, quitándolle estridencias co fin de construír unha sonoridade intimista e cálida, capaz de transmitir a sensualidade que o definiu desde un principio.
Lastima, bandoneón, mi corazón
|
O bandoneón é o corazón da música de tango, chegando a dicirse que «bandoneón e tango son a mesma cousa»[Cómpre referencia]. De orixe alemá, foi adoptado polos tangueiros ó iniciarse o século XX para substituír a presenza inicial da frauta e completar o son inconfundible do tango. Cátulo Castillo atribúelle «...ao bandoneón a definitiva sonoridade de lamento que ten o tango, a súa inclinación á queixuma, ao rezongo»[9]. O bandoneón impúxolle ó tango a súa definitiva forma complexa, integrando a melodía nunha base simultaneamente rítmica e harmónica.[10]
Esta complexidade melódica-rítmica-harmónica, foi fortalecida máis adiante coa incorporación do piano, en substitución da guitarra, e o desenvolvemento dunha técnica de execución especial para o tango, fundada na percusión rítmica. Deste modo a base instrumental do tango queda definida como trío de bandoneón, piano e violín.
Sobre a base dos seus instrumentos básicos confórmase a orquestra típica de tango, inventada orixinalmente por Julio de Caro nos anos 20 e consolidada principalmente en forma de sexteto coa seguinte integración: piano, dous bandoneóns, dous violíns e contrabaixo. A orquestra de tango, propiamente dita, segue o mesmo esquema, ampliando o grupo de bandoneóns, e agregando violas e violoncellos ó grupo das cordas.
O tango naceu como música instrumental exclusivamente para ser bailado. Co tempo incorporou o canto, case sempre solista, eventualmente a dúo, sen coro, pero mantendo de xeito bastante marcado a separación entre tangos instrumentais e tangos cantados.
Musicalmente o tango ten forma binaria. Orixinalmente escrito en compás de 2/4, terminou escribíndose en compás de 4/8.
As letras
[editar | editar a fonte]As letras están compostas en base a un argot local chamado lunfardo e adoitan expresar as tristezas, especialmente «nas cousas do amor»,[11] que senten o home e a muller do pobo, circunstancia que o emparenta co blues.
A poesía do tango ten a inhabitual característica de ser considerablemente complexa, co uso de metáforas e reflexións filosóficas, e ó mesmo tempo moi popular, sobre todo nos estratos máis humildes da poboación.
Imaxes como «el misterio de adiós que siembra el tren» que utiliza Homero Manzi en "Barrio de tango" (1942), ou «las nieves del tiempo platearon mi sien» de Carlos Gardel en "Volver" (1935), ou «tu mezcla milagrosa de sabihondos y suicidas» creada por Enrique Santos Discépolo en "Cafetín de Buenos Aires" (1948), ou «tinta roja en el gris del ayer» que Cátulo Castillo puxo en "Tinta roja" (1941), reúnen unha alta complexidade poética xunto cunha alta popularidade, que persistiron cos anos.
Os temas principais e máis coñecidos das letras de tango son o desengano amoroso e o paso do tempo, pero tamén a cidade e os seus personaxes, a problemática social e política, o amor, a morte, o fútbol e o propio tango.
Llora, llora corazón,
|
O desengano amoroso como tema central do tango é un lugar común, aínda que só parcialmente certo. Probablemente o que chama a atención na forma na que o tango aborda o desengano amoroso sexa o contraste do home «duro» e orientado ó machismo, emocionalmente restrinxido, que se abre nas letras do tango, amosando a súa interioridade e a profundidade do seu sufrimento. No tango os homes choran e falan das súas emocións, nun mundo no que os homes non deben chorar nin expor os seus sentimentos.
A reflexión sobre o paso do tempo é unha característica moi especial das letras de tango, quizais tanto ou máis que o desengano amoroso. Practicamente tódolos tangos conteñen unha mirada desagarrada sobre o efecto destrutivo do tempo sobre as relacións, as cousas e a vida mesma. Por riba de todo o poeta de tango manifesta a súa impotencia ante esa «fiera venganza la del tiemp'»[12] e expresa «el dolor de ya no ser».[13].
Exemplos de tangos clásicos por tema:
- Desengano amoroso: Mano a mano (Celedonio Flores), Uno (Discépolo), Nostalgia (Discépolo), Esta noche me emborracho (Discépolo), Amargura (Le Pera).
- O paso do tempo: Volver (Le Pera), Caminito (Coria Peñaloza), El corazón al sur (Eladia Blázquez), Tinta roja (Castillo).
- Problemática social: Cambalache (Discépolo), Que vachaché (Discépolo), ¿Dónde hay un mango, viejo Gómez? (Pelay), Chiquilín de Bachín (Ferrer).
- A morte: Sus ojos se cerraron (Le Pera), Adiós muchachos (Veldani), Adiós Nonino (Eladia Blázquez).
- O amor: El día que me quieras (Le Pera), De todo te olvidas (cabeza de novia) de Cadícamo, Amores de estudiante (Le Pera), Los mareados (Cadícamo).
- A cidade: Mi Buenos Aires querido (Le Pera), Cafetín de Buenos Aires (Discépolo), Barrio de tango (Castillo), A media luz (Lenzi), Yo soy la morocha (Villoldo), Balada para un loco (Ferrer), Sur (Manzi).
- O tango: Malena (Manzi), Che, bandoneón (Manzi), El firulete (Taboada), La canción de Buenos Aires (Romero), Así se baila el tango (Marvil), Pa’ que bailen los muchachos (Cadícamo), Siga el baile (Warren), Che, papusa, oí (Cadícamo), La última curda (Castillo).
Existe tamén poesía e prosa tangueira ou lunfarda creada sen ser pensada como parte dunha canción. Entre os autores poden citarse Julián Centeya, Celedonio Flores, Carriego, Evaristo, Atilio Jorge Castelpoggi, Carlos de la Púa, Martina Iñiguez, Orlando Mario Punzi, Juan Carlos Lamadrid ou Luis Luchi. O propio Jorge Luis Borges ten textos que poden ser considerados tangueiros, como o poema "Jacinto Chiclana" e o conto El hombre de la esquina rosada.
A danza
[editar | editar a fonte]A coreografía, deseñada a partir do abrazo da parella, é sumamente sensual e complexa. A complexidade dos pasos non se debe á expresión ou ó que se quere transmitir durante o baile. Trátase de expresar un sentimento cheo de sensualidade (pero non de sexualidade), onde o primordial non son só os pasos ou as figuras que fan os bailaríns cos pés. De nada vale unha técnica perfecta, ou unha sincronización perfecta, se a expresión facial dos bailaríns non transmite sentimentos. Todo na danza do tango está unido, as miradas, os brazos, as mans, cada movemento do corpo acompañando a cadencia do tango e acompañando o que eles están vivindo: un romance de tres minutos, entre dúas persoas que quizais se acaban de coñecer e que probablemente non teñan unha relación amorosa na vida real.
O tango transcende e chega ó corazón dos que contemplan os bailaríns, mercé ós sentimentos que poñen no baile e obviamente á calidade das súas coreografías. Cada estrofa musical, cada pasaxe, cada tango ten distintos momentos. Non se pode bailar un tango completo seguindo un patrón de conduta idéntico para toda a melodía. Hai cadencias tristes, alegres, sensuais ou eufóricas, finais silenciosos ou grandiosos, música in crescendo e música in diminuendo, só expresa sentimentos e estes son os que os bailaríns transportan ós seus pés e a todo o seu corpo.
Historia do tango
[editar | editar a fonte]Orixes
[editar | editar a fonte]O musicólogo e historiador arxentino Carlos Vega explica que no século XVIII, en México existía unha danza chamada «tango». Ese baile executábase individualmente, non en parella. En 1803, nos arquivos da Inquisición, en México, hai referencia á prohibición dun «antiguo tango» (unha canción mexicana).
Porén, o tango propiamente dito ten unha orixe máis recente aínda que non moi clara. Segundo estudos que non contan con numerosa documentación, descende da habanera e interpretábase nos prostíbulos de Buenos Aires, Rosario e Montevideo, nas dúas últimas décadas do século XIX, con violín, frauta e guitarra.
O escritor e polemista arxentino Jorge Luis Borges afirmou que polas súas características o tango só puido nacer en Montevideo, Rosario ou Buenos Aires, todos portos fluviais. O bandoneón, que actualmente caracteriza o tango, chegou ata a rexión do Río da Prata cara a 1900, entre as bagaxes de inmigrantes alemáns. Non existen moitas partituras da época, porque os músicos de tango non sabían escribir a música e probablemente interpretaban sobre a base de melodías existentes, tanto de habaneras como de polcas.
O tango é coñecido como música de «dous por catro», en compás de dous cuartos (2/4). Pero na realidade a maioría dos tangos —tanto os da garda vella (de antes de 1935) como os posteriores— están en compás de catro cuartos (4/4). A este xénero, música e danza prostibularios aplicóuselles (aproximadamente na segunda metade do século XIX) o nome despectivo «tangó» quizais porque no seu carácter reservado e secreto se parecía ás reunións onde os negros (que por entón formaban unha boa porcentaxe da poboación de Buenos Aires, e que representan unha influencia fundacional da cultura montevideana) se xuntaban a tocar e bailar a súa música. Tangó: golpe de tambor no candombe uruguaio, principal corrente musical xunto co tango.
No Museo da Partitura Histórica, de Rosario gárdase o primeiro tango rexistrado como tal: La canguela, de 1889.
A Garda Vella
[editar | editar a fonte]Os máis antigos compositores e intérpretes de tango que se coñecen apareceron nas dúas primeiras décadas do século XX. No Museo da Partitura Histórica de Rosario) encóntrase o primeiro tango rexistrado como tal, La Canguela, de 1889. O primeiro tango con autor coñecido é El entrerriano, de Rosendo Mendizábal, publicado en 1898. Ángel Villoldo, Roberto Firpo e Francisco Canaro foron famosos e populares autores e intérpretes de tango.
Naqueles anos, nos que os fillos de familias ricas levan a París o tango que aprenderan na frecuentación dos lupanares, comeza unha nova era para o xénero, co aporte de músicos mellor preparados e a incorporación de letras evocativas da paisaxe do suburbio, da infancia e de amores contrariados.
Carlos Gardel é o mellor e máis recordado cantante de tango dos anos vinte e trinta. Moitos dos temas que interpretaba eran compostos por el mesmo, e encargou as letras ó seu inseparable compañeiro Alfredo Le Pera. Gardel, que comezou a súa carreira en comités políticos dos suburbios fabrís de Buenos Aires, cantou en París e en Nova York, filmou varias películas nos Estados Unidos e morreu nun accidente de aviación en Medellín, Colombia. Desde entón é un mito para os riopratenses.
A Nova Garda
[editar | editar a fonte]Músicos como Pascual Contursi, Juan Carlos Cobián, Julio De Caro, Osvaldo Fresedo, e cantantes como Ignacio Corsini, Sofía Bozán, Rosa Quiroga, Agustín Magaldi, integraron o que se coñeceu como a «nova garda» do tango naquela época.
A dos anos cuarenta foi unha década dourada para o xénero, que se interpretaba xa en locais nocturnos de luxo, cuns ambientes que á súa vez inspiraban ós letristas, que nos seus versos contrapuñan os luxuriosos cabarés e os desbordes da vida nocturna fronte á infancia no arrabalde, paisaxe esta que adquire entón reberetes míticos de paraíso perdido.
Grandes orquestras como as de Osvaldo Pugliese, Aníbal Troilo, Carlos Di Sarli ou Horacio Salgán, actuaban á vez nos cabarés do centro e en salóns de barrio e con eles creceu enormemente a industria discográfica na Arxentina. Letristas de gran voo —Enrique Santos Discépolo, Homero Manzi, Enrique Cadícamo, Cátulo Castillo— deron ó tango composicións inesquecibles, marcadas pola amarga crítica de costumes (Discépolo), o matiz elexíaco e as metáforas inspiradas en grandes poetas (Manzi, Castillo), a recorrente pintura de ambientes sofisticados con resonancias do poeta modernista Rubén Darío (Cadícamo). Notables cantantes da época foron o Polaco Goyeneche, Ángel Vargas e Edmundo Rivero.
O tango de vangarda
[editar | editar a fonte]A partir dos anos cincuenta e sesenta nace un tango «de vangarda». En 1948 Mariano Mores forma o seu propio grupo, debutando na sala do Teatro Presidente Alvear, á fronte dunha gran orquestra.
Outra figura moi notable é Astor Piazzolla. Influído por músicos como Igor Stravinskii ou Béla Bártok, Piazzolla introduce harmonías disonantes e bases rítmicas intensas e nerviosas, abroquelándose os cultores tradicionais do tango para criticar esas innovacións, finalmente aceptadas. Moitos dos músicos de tango posteriores seguen a senda piazzolliana, sen esquecer a grandes músicos anteriores, principalmente Troilo e Pugliese, e a un virtuoso incomparable, Salgán.
O presente do tango
[editar | editar a fonte]Desde hai algúns anos (comezando precisamente a partir de determinados períodos da obra de Piazzolla) obsérvase que o fenómeno de aculturación mundial que deriva en fusións musicais entre linguaxes, se ben de orixe xeográfica certa, considerados como universalmente difundidos (jazz, rock, música electrónica) e músicas étnicas ou locais, tamén chegou ó tango. Trátase de fusións do tango co jazz, o rock e a electrónica, sendo esta última a máis difundida, con exemplos como Bajofondo Tango Club, Tanghetto ou Gotan Project. Entre aqueles que fusionan co jazz pódese encontrar a Adrián Iaies, o contrabaixista Pablo Aslan ou o saxofonista Miguel De Caro. Ademais, existen diversas orquestras na súa maioría conformadas por músicos novos que pretenden rescatar e reinterpretar con novos códigos o tango. Destacan entre elas 34 Puñaladas, Altertango, Alfredo Piro, ou Astillero.
O lunfardo
[editar | editar a fonte]
Recordaba aquellas horas de garufa
|
O lunfardo é inseparable do tango. Se ben o tango pode cantarse cunha maior ou menor presenza do lunfardo nas súas letras, son a pose e a sonoridade do lunfardo riopratense as que o caracterizan. O lunfardo non é só un argot integrado por centos de palabras propias, senón que tamén é —e quizais máis esencialmente— unha pose lingüística, unha forma de falar algo esaxerada (na que se inclúe a omisión dos eses), pola que adoitan ser recoñecidos en todo o mundo os porteños (aínda que o lunfardo abarca toda a zona riopratense, incluído o Uruguai). O tango «es reo»[15] porque o lunfardo «es reo», trátase dun estilo musical construído sobre a fala popular. O lunfardo é a fala do suburbio, a voz do arrabalde.
Como en ningún outro lugar o lunfardo expresa a fusión migratoria que orixinou as sociedades riopratenses, expresada polo tango. Palabras africanas, italianas, aimaras, mapuches, xudías, xitano-españolas, galegas, quechuas, guaranís, polacas, portuguesas ou inglesas, mestúranse no uso cotián sen conciencia da súa orixe.
O lunfardo foi nos seus inicios e segue sendo hoxe unha linguaxe oculta-metafórica construída a partir dunha notable dinámica entre a sociedade carceraria, a mocidade e o ambiente laboral. Dalgún xeito, segundo José Gobello, o lunfardo é «una travesura léxica, algo así como un guiño travieso que el habla le hace al idioma»[16].
O lunfardo foi perseguido na Arxentina (ó igual que o entroido). Durante a ditadura instalada en 1943 sancionouse unha circular censurando os tangos que contivesen letras en lunfardo. Por esa razón moitos foron reescritos. Durante a ditadura de Onganía (1966-1970) o lunfardo desapareceu virtualmente do tango e a música popular. En 1969 Alejandro Dolina incluíu o termo «bulín» no seu tema Fantasmas de Belgrano e Horacio Ferrer iniciaba a súa famosa Balada para un loco cunha exclamación esencialmente lunfarda: «Ya sé que estoy piantao, piantao, piantao...». Desde entón, e malia algúns intentos durante a ditadura establecida en 1976 por amañar a cultura popular, o lunfardo rexistrou un notable rexurdimento[16].
Na primeira década do século XXI o lunfardo goza dunha gran vitalidade, sendo adoptado e reformulado polas novas xeracións. En gran parte por esa razón, o tango insertouse nos ritmos modernos (rock, hip hop, ska etc.) a través das letras e a fala lunfarda.[16]
Termos como afano, boludo, bardo, bondi, cana, chabón, che, chorro, escabiar, junar, mina, morfi, pibe, rajar, yuta e moitos outros da fala lunfarda, constitúen o corazón da fala riopratense actual.
Algúns termos lunfardos usados no tango
[editar | editar a fonte]Expresión | Significado | Orixe | Verso | Tango | Autor |
---|---|---|---|---|---|
Tamangos Mango Morfar |
Zapatos Cartos Comer |
Africano Italiano Francés |
Cuando rajés los tamangos, buscando ese mango que te haga morfar |
Yira yira[17] | Enrique S. Discépolo |
Milonga | 1. Danza e música cadenciosa próxima ó tango 2. Lugar para bailar tango |
Africano | Con la milonga la voy de igual a igual porque también soy milonga... |
La milonga y yo[18] | Leopoldo Díaz Vélez e Tito Ribero |
Candombe | Estilo musical afro-riopratense con uso intenso da percusión próximo ó tango | Africano | ¡Candombe! ¡Candombe negro! ¡Nostalgia de Buenos Aires por las calles de San Telmo viene moviendo la calle! |
Candombe candombe negro[19] | Enrique Francini e Homero Expósito |
Quilombo | Prostíbulo | Africano | ¿Qué destino tendrás, viejo Juan Tango iluso? Hijo de nadie y todos en un quilombo oscuro. |
Viejo Juan Tango[20] | Juan Navarro |
Laburar Mina |
Trabajar Muller "fácil"/ Moza sedutora |
Italiano Varios |
Es lo mismo el que labura noche y día como un buey que el que vive de las minas el que mata, el que cura o está fuera de la ley. |
Cambalache[21] | Enrique Santos Discépolo |
Piantao | Loco | Italiano | Ya se que estoy piantao, piantao... | Balada para un loco[22] | Astor Piazzolla e Horacio Ferrer |
Chorro Gil |
Ladrón Tonto |
Carcerario Italiano |
Chorra, vos tu vieja y tu papá. Lo que más bronca me da es haber sido tan gil. |
Chorra[23] | Enrique Santos Discépolo |
Junar | Mirar | Xitano-español (caló) | Como con bronca y junando... | El ciruja[24] | Alfredo Marino e Ernesto de la Cruz |
Araca Chamuyo |
¡Atención! Falar sedutor |
Carcerario Xitano-español (caló) |
Araca corazón, callate un poco y escuchá por favor este chamuyo. |
Araca corazón[25] | Alfredo Marino e Ernesto de la Cruz |
Pibe | Neno | Incerto | "Mamita, mamita" se acercó gritando la madre extrañada dejo el piletón y el pibe le dijo riendo y llorando "el club me ha mandado hoy la citación". |
El sueño del pibe[26] | Reinaldo Yiso e Juan Puey |
Pilcha | Roupa | Quechua | Metele a la vida, sacale partido, cambiando de nido, de pilcha y gavión,... |
¿Por qué me das dique?[27] | Alberto Alonso e Rodolfo Sciammarella |
Papirusa | Muller fermosa | Polaco | En tu esquina, un día, Milonguita, aquella papirusa criolla que Linnig mentó, |
Corrientes y Esmeralda[28] | Celedonio Flores |
Pucho | Pito de fumar | Mapudungun Quechua |
Tango querido que ya pa' siempre pasó, como pucho consumió las delicias de mi vida que hoy cenizas sólo son. |
Sobre un pucho[29] | Sebastián Piana e José González Castillo |
A danza
[editar | editar a fonte]Nas dúas primeiras décadas do século XX o tango triunfou en clubs nocturnos de París (Francia), outros países latinoamericanos (especialmente Colombia e Centroamérica) e despois en Nova York, onde foi introducido por bailaríns das clases altas que por snobismo adoitaban frecuentar os sitios onde se practicaba en Buenos Aires. O tango comezou a bailarse entón en locais nocturnos das súas cidades de nacemento e axiña pasou a salóns populares.
Ata mediados do século XX era bailado indistintamente en cabarés de luxo e nas chamadas «milongas», pistas habilitadas en clubs de barrio e suburbanos de Buenos Aires, Rosario e Montevideo.
En Medellín, Colombia, onde morreu en 1935 o máximo representante do xénero, Carlos Gardel, o tango converteuse en eixo cultural do barrio de Guayaquil. Os bos bailaríns eran amplamente coñecidos e celebrados nas milongas que frecuentaban, e os seus nomes adoitaban transcender incluso noutras, máis afastadas, e en todo o chamado «ambiente de tango».
A fama internacional desta danza e a posibilidade de ser presentada en espectáculos por todo o mundo deron pé á creación de coreografías máis audaces, con esixencias maiores e figuras ximnásticas e da danza clásica que os bailaríns das milongas adoitaban desdeñar. O tango deixou case de bailarse a partir dos anos 60 en Buenos Aires. Só perviviron algunhas milongas. Porén, nos 80 recibiu un novo pulo mercé ó éxito do espectáculo Tango Argentino de Claudio Segovia e Héctor Orezzoli, primeiro en París e logo en Broadway, xerando unha tangomanía en todo o globo. Floreceron academias en moitos sitios e xente de todo o mundo comezou a peregrinar en busca de lugares para bailalo, especialmente Buenos Aires, promovida turisticamente como a Capital do Tango.
Distínguese actualmente entre o «tango de escenario» e o «tango de salón», ou de pista. Este último é o que bailan os tangueiros non profesionais. En Buenos Aires realízase anualmente un torneo internacional de tango, que se divide entre esas dúas categorías e ó que asisten entre outros participantes dos países europeos centrais e nórdicos, dos Estados Unidos, Corea e Xapón. Unha das parellas de tango máis eloxiadas, que practicaba o tango de salón aínda que profesionalmente, foi a integrada por Juan Carlos Copes e María Nieves, que actuou en moitos escenarios internacionais. Outros célebres bailaríns de tango que transcenderon as pistas das milongas foron Benito Bianquet (alcumado El Cachafaz) e Jorge Orcaizaguirre, coñecido como Virulazo.
En 1990 os bailaríns Miguel Angel Zotto e Milena Plebs fundan a compañía Tango X 2, xerando novidosos espectáculos e provocando que unha gran corrente de xente nova se interese polo baile do tango, algo inédito ata ese momento. Crean un estilo que recupera o tango tradicional da milonga, renovándoo e colocándoo como elemento central nas súas creacións, facendo unha procura case arquelóxica dos diversos estilos do tango. A finais de 1998 Milena Plebs deslígase de dita compañía para iniciar un camiño de investigación persoal de diversas facetas do baile do tango.
Contra finais dos noventa e entrado o novo século bailaríns como Gustavo Naveira e logo Chicho Frumbolli afiánzanse e reinvindican o baile da improvisación, algo esquecido durante os 80 e parte dos 90. Xorde toda unha corrente de «investigadores» do tango, como Leeliana Tomaszewska, que se mantén á marxe dos escenarios.
Logo de mediados de 2005 comezan a aflorar os traballos de investigación que amosan lugares referentes fortes como a práctica X ou Villa Malcolm como puntos de encontro e exposición. Xorden coreógrafos e directores dun tango que nunca ocupou un lugar importante no tango como Moira Castellano, Gonzalo Orihuela e Solange Chapperon, Raul e Karina, Cisa ou Silvana Grill entre outros. O tango hoxe en día está recibindo moitas novas influencias que poden devir en moitas cosas. E aínda queda moito por dicir.
Algúns pasos (combinacións) do tango
[editar | editar a fonte]- cadea invertida
- cambios de dirección
- caminata sincopada
- contratempos básicos con oitos
- cunita e sacada
- gancho e camiñada sincopada
- ganchos con resposta
- xiro con barrida e boleo
- xiro con quebrada ou gancho
- xiro con sacada e parada
- xiro con sacada, agulla e oito cortado
- xiro con traspé e boleo
- xiro de esquerda con barrida e boleo
- xiro de esquerda e dereita
- xiro en oitos
- xiro simple
- xiro e saída á esquerda
- «la cajita»
- «la cunita»
- «la mordida»
- media cadea con boleo
- molinete quebrado
- oitos adornados
- oitos cortados
- paso básico sincopado
- pasos básicos con sacada e boleo
- ponte e calesita
- sacada con xiro
- sacada con traspé
- sacada cruzada, xiro e oito cortado
- sacada do cruzamento con variantes
- sacada e ponte nun xiro
- sacadas con boleos
- saída con adornos
- saída con barrida
- saída con traspé
- toque e enrosque
- traspé cruzado con xiros
- vaivén.
Convén destacar que hoxe en día queda comprobado que os «pasos» de tango como foron cualificados noutros tempos están perdendo vixencia. Quedan a modo de «paso» ou movemento só 4 opcións: pivote, cruzamento atrás, cruzamento adiante e apertura (calquera destas cara a dereita ou esquerda) Así, as anteriormente citadas ocupan a denominación de combinacións, que moitos docentes actuais non ensinan como pasos.
Antigos títulos procaces
[editar | editar a fonte]A proximidade dos bailaríns e a sensualidade da súa insinuante coreografía di moito sobre a súa orixe prostibularia nos suburbios de Buenos Aires. Esta orixe tamén é recordada polos nomes dos primeiros tangos que se coñecen:
- Aféitate el 7 que el 8 es fiesta (de Antonio Lagomarsino). Na primeira época os tangos publicábanse como partituras para piano (daquela, na Arxentina, moitas casas de clase media tiñan un piano); na carátula podía verse un almanaque no que caía a folla do día sete e se deixaba ver a do 8. Pero en lunfardo «siete» era o nome do ano; e «hacerle el siete» a alguén era penetralo analmente.
- ¡Al palo! (de Eduardo Bolter Bulterini). «Estar al palo» significa experimentar unha erección.
- Bartolo (milonga): «Bartolo tenía una flauta/con un aujerito solo,/y su mamá le decía:/«Dejá la flauta, Bartolo!»//Bartolo quería casarse/para gozar de mil placeres./Y entre quinientas mujeres/ninguna buena encontró.//Pues siendo muy exigente/no halló mujer a su gusto,/ y por evitar disgustos/solterito se quedó».
- Cambalache, Unha canción que alude ós problemas xerais do mundo, facendo queixa de xente nociva para a sociedade.
- Colgate del aeroplano.
- Dame la lata, que fai referencia ás fichas de latón co número de quenda que daban ós clientes en espera nos antigos kekos ou quilombos (bordeis situados xunto os cuarteis).
- Date vuelta (de Emilio Sassenus).
- Dejalo morir adentro (de José Di Clemente).
- ¿De quién es eso? (Ernesto Ponzio).
- Dos sin sacarla (dous orgasmos masculinos consecutivos).
- ¿Dónde topa que no dentra? (de Alfredo Gobbi, padre): Con qué tropeza que non entra?.
- El fierrazo (de Carlos Hernani Macchi), referíndose ó acto sexual: «Por salir con una piba/que era muy dicharachera,/me han quedado las orejas/como flor de regadera» (as cursivas indican palabras censuradas).
- El choclo (de Ángel Villoldo): nome da mazaroca de millo, pero que en lunfardo significa 'pene', pola súa forma fálica). *El matambre (J. B. Massa. Podería tratarse de Juan Bautista Massa, compositor rosarino de música clásica, pero non hai probas).
- El movimiento continuo (de Oscar Barabino).
- El 69. O 69 é a postura en que o home e a muller practican o sexo oral ó mesmo tempo. É fácil ver a relación entre tal posición e o grafismo do número 69.
- El tercero (A. L. Fistolera Mallié).
- Empujá que se va a abrir (Vicente La Salvia).
- Hacele el rulo a la vieja (de Ernesto Zóboli, 1905), hacer el culo a una persona é penetrala analmente.
- La c...ara de la l...una (de Manuel Campoamor). Na portada aparecía un debuxo da Lúa. Sobreentendíase que se refería á concha de la lora (unha interxeción vulgar moi usada de anoxo ou contrariedade, baseada nunha etimoloxía completamente esquecida na Arxentina: as prostitutas europeas eran coñecidas como loras). Este foi un tango moi coñecido nesa época.
- Lavalle y Ombú (de Héctor G. Ventramile).
- Metele bomba al primus (José Arturo Severino). O "primus" era a marca rexistrada dun quentador a gas de queroseno, que requería ser bombeado.
- Papas calientes (de Eduardo Arolas).
- Pan dulce (de Oscar J. Rossi).
- ¡Qué polvo con tanto viento! (de Pedro M. Quijano, c. 1890). Echarse un polvo en lunfardo significa ter unha relación sexual. Deste tango, o Pibe Ernesto (Ernesto Ponzio (violinista e compositor rosarino, Gardel cantou un dos seus tangos, (Culpas ajenas); Borges e Bioy Casares o mencionan en Seis problemas para Isidro Parodi) tomou a primeira parte para escribir Don Juan.
- Se te paró el motor (de Rómulo Pane).
- Siete pulgadas (referíndose ó orgullo de posuír un pene de 17,8 cm).
- Sacudime la persiana (de Vicente Loduca); un modo de pedir á empregada doméstica que limpase as fiestras, pero «sacudir» ten tamén unha insinuación erótica.
- Tocame «La Carolina» (de Bernardino Terés): o debuxo representa unha parella sentada nunha cadeira de brazos. Ó lado, un piano. No atril unha partitura titulada La Carolina. O home dille algo á dama. A dúbida é se lle está dicindo: «Tocámela, Carolina».
- Tocámelo que me gusta (de Prudencio Muñoz): «Con tus malas purgaciones/me llenastes [sic] un barril./Y me tuviste en la cama/febrero, marzo y abril».
- Tocalo que me gusta (de Alberto Mazzoni).
- Tocalo más fuerte (de Pancho Nicolín).
- Tomame el pulso (de Pedro Festa).
- Va Celina en la punta: na portada da partitura hai unha egua (de nome Celina), gañando unha carreira no hipódromo. Pero «Va Celina» pódese ler como vaselina (un antigo e popular lubricante sexual).
- Viejo, encendé el calentador (de J. L. Bandami).
- Concha sucia («Concha sucia, te viniste con la concha sin lavar»), do Negro Casimiro, violinista de raza negra, un músico esquecido, que morreu na miseria. Este tango e El choclo son os únicos que seguiron sendo recordados posteriormente.
Os nomes e as letras destes tangos tiviron que ser cambiados logo do golpe de estado do xeneral Uriburu (a primeira interrupción da vida constitucional na Arxentina, en 1930, que iniciou a Década Infame, de corte represivo). Por exemplo, Concha sucia converteuse en Cara sucia. Francisco Canaro ocupouse de cambiarlle a letra:
- Cara sucia, cara sucia, cara sucia,
- te has venido con la cara sin lavar
- esa cara y tu sonrisa picarona,
- que refleja una pasión angelical.
- Cara sucia, cara sucia, cara sucia,
- te has venido con la cara sin lavar
- melenuda, melenuda, melenuda,
- te has venido con el pelo sin peinar.
A finais do século XX os historiadores porteños recuperaron algúns destes tangos (aínda que só os títulos)
Orixe do nome: tango e tango canyengue
[editar | editar a fonte]O termo parece provir do idioma ibibio (de Níxer e Congo) tamgú: ‘tambor’ e ‘bailar (ó son do tambor)’. En Bos Aires críase incorrectamente que os negros chamaban ó seu instrumento «tangor» porque tiñan dificultades para pronunciar «tambor».
No século XIX, na Illa de El Hierro (das illas Canarias) e noutros lugares de América, a palabra «tango» significaba ‘reunión de negros para bailar ó son do tambor’.
- Gotán: tango en vesre.
O filólogo Ricardo Rodríguez investigou as linguaxes dos escravos traídos á Arxentina. A maioría proviña de etnias de Congo, o golfo de Guinea e o sur de Sudán. Para eles, tangó significaba ‘espazo pechado’, ‘círculo’ e calquera espazo privado ó que para entrar hai que pedir permiso. Os traficantes de escravos españois chamaban «tangó» ós lugares onde tiñan pechados os escravos, tanto en África como en América. O sitio onde os vendían tamén recibía ese nome.
Antes de 1900 este xénero era coñecido como «tango canyengue». A palabra é de orixe africana. Os negros porteños pronunciábana caniengue e desde 1900 os brancos escribírono e pronunciaron canyengue (co "ye" porteño).
O «caminar canyengue» é un modo de camiñar de cadenciosos movementos de cadeira. Tamén se lle chama «caminar arrabalero» (sendo «arrabal» os suburbios ou barrios baixos das cidades vellas de Bos Aires e Montevideo). Como o representa Tita Merello na película Arrabalera.
Etimoloxías erróneas
[editar | editar a fonte]O Diccionario da Lingua Española, na súa edición de 1899, definía o tango como unha ‘fiesta y danza de negros o de gente del pueblo, en América’ e tamén, como segunda acepción, ‘la música de esa danza’. É interesante notar que o dicionario lle dá ó termo unha falsa orixe latina: dise que provén do latín, que é tanxir (máis ben sería tangere, de onde provén ‘tañir’) e de aí ego tango: ‘eu taño’.
A edición de 1914 trae a etimoloxía tangir e tangere: ‘tañir o tocar (un instrumento)’. As seguintes edicións eliminaron o erro.
O Diccionario da Real Academia Española, na súa edición de 1925, define o tango como antes (aínda que xa sen a etimoloxía latina errónea), e agrega: ‘Danza de alta sociedad importada de América al principio de este siglo’. Isto evidencia que o tango pasara de ser de clase baixa á clase alta. Tamén se agregan máis acepcións: ‘música de esta danza’ e ‘tambor de Honduras’. No criollo que se fala nos «morenales» da costa caribeña de Honduras (de poboación maioritariamente negra) consérvanse moitas palabras orixinais africanas.
A vixésimo segunda edición do dicionario da RAE define o tango como un ‘baile rioplatense, difundido internacionalmente, de pareja enlazada, forma musical binaria y compás de dos por cuatro’.
Importancia do tango
[editar | editar a fonte]A importancia deste xénero pode verse na mención que algúns escritores latinoamericanos fixeron do mesmo, como Jorge Luis Borges ou Manuel Mejía Vallejo que incluso lle dedica un libro (Aires de tango).
Compositores de tango
[editar | editar a fonte]Algúns compositores tradicionais de música de tango:
- Gerardo Matos Rodríguez
- Carlos Gardel
- Julio Sosa
- Ángel Villoldo
- Eduardo Arolas
- Juan de Dios Filiberto
- Edgardo Donato
- Osvaldo Fresedo
- Francisco Canaro
- Carlos di Sarli
- Aníbal Troilo (1914-1975)
- Enrique Santos Discépolo (1901-1951)
- Osvaldo Pugliese
- Horacio Salgán
- Julio de Caro
- Juan D’Arienzo (1900-1976)
- Roberto Firpo
- Astor Piazzolla (1921-1992)
- Mariano Mores
- Roberto Goyeneche
- Pedro Maffia
- Atilio Stampone
- Osvaldo Piro
- Sebastián Piana
Desde os anos oitenta, a xeración «post-Piazzolla» inclúe músicos como Dino Saluzzi e Rodolfo Mederos. Un dos distintivos desta xeración é que executan tango paralelamente a algunha forma de música clásica contemporánea, experimental.
Cine
[editar | editar a fonte]- Consejo de tango (1932), dirixida por Luis J. Moglia Barth; con María Esther Gamas e Carlos Viván.
- ¡Tango! (27 de abril de 1933), dirixida por Luis J. Moglia Barth. Foi o arranque do cine sonoro comercial arxentino e do nacemento de Argentina Sono Film.
- Tango (1988) dirixida por Carlos Saura; nomeada ó Oscar á Mellor Película Estranxeira e Premio á Fotografía no Festival de Cannes, entre outros galardóns.
- Milena baila el tango... con Ezequiel Farfaro (2005). Film documental interpretado por Milena Plebs e Ezequiel Farfaro, dirixido por Rodrigo Peiretti, que amosa o proceso creativo da parella de tango.
Notas
[editar | editar a fonte]- ↑ Do tango Que me van a hablar de amor, de Héctor Stamponi e Homero Expósito (1946)
- ↑ Ernesto Sabato: Tango: discusión y clave (páx. 11). Bos Aires: Losada, 1963.
- ↑ A presenza negroafricana na Arxentina; Pasado e permanencia
- ↑ "Patotero sentimental, tango de Jovés e Romero". Arquivado dende o orixinal o 12 de novembro de 2007. Consultado o 03 de novembro de 2007.
- ↑ 5,0 5,1 Sabato, 14
- ↑ "Arrabal amargo, tango de Gardel e Le Pera". Arquivado dende o orixinal o 28 de outubro de 2007. Consultado o 03 de novembro de 2007.
- ↑ Citado por Sabato, 94.
- ↑ "La última curda, tango de Troilo e Castillo". Arquivado dende o orixinal o 31 de outubro de 2007. Consultado o 03 de novembro de 2007.
- ↑ Citado por Sabato, 101
- ↑ Zucchi, Oscar (1998): El tango, el bandoneón y sus intérpretes. Buenos Aires: Correxidor (consultar fragmento en liña) Arquivado 23 de outubro de 2013 en Wayback Machine..
- ↑ Del tango Qué me van a hablar de amor, de Héctor Stamponi e Homero Expósito (1946)
- ↑ "Esta noche me emborracho" (1928), letra e música de Enrique Santos Discépolo
- ↑ "Cuesta abajo" (1934), letra de Alfredo Le Pera e música de Carlos Gardel
- ↑ "El Ciruja, tango de Marino e De la Cruz". Arquivado dende o orixinal o 28 de outubro de 2007. Consultado o 03 de novembro de 2007.
- ↑ "Tango reo, de Pedro Pagliettini e Cacho Negri". Arquivado dende o orixinal o 12 de novembro de 2007. Consultado o 03 de novembro de 2007.
- ↑ 16,0 16,1 16,2 "El lunfardo en el rock y la cumbia villera, por Ricardo Terrio, Revista Intertexto Nº 5, decembro 2004". Arquivado dende o orixinal o 05 de novembro de 2007. Consultado o 03 de novembro de 2007.
- ↑ "Yira yira (letra), Enrique Santos Discépolo, Todo Tango". Arquivado dende o orixinal o 24 de decembro de 2007. Consultado o 03 de novembro de 2007.
- ↑ "La milonga y yo (letra), Leopoldo Díaz Vélez e Tito Ribero, Tita Merello". Arquivado dende o orixinal o 26 de outubro de 2007. Consultado o 03 de novembro de 2007.
- ↑ "Candombe candombe negro (letra), Enrique Francini e Homero Expósito, Letras de tango". Arquivado dende o orixinal o 03 de novembro de 2007. Consultado o 03 de novembro de 2007.
- ↑ "Viejo Juan Tango (letra), Juan Navarro". Arquivado dende o orixinal o 18 de febreiro de 2009. Consultado o 18 de febreiro de 2009.
- ↑ "Cambalache (letra), Discépolo, Portal del Tango". Arquivado dende o orixinal o 27 de outubro de 2007. Consultado o 03 de novembro de 2007.
- ↑ "Balada para un loco (letra), Astor Piazzolla e Horacio Ferrer, Portal del Tango". Arquivado dende o orixinal o 14 de outubro de 2007. Consultado o 03 de novembro de 2007.
- ↑ "Balada para un loco (letra), Discépolo". Arquivado dende o orixinal o 03 de maio de 2008. Consultado o 03 de novembro de 2007.
- ↑ "El Ciruja (letra), tango de Alfredo Marino e Ernesto de la Cruz". Arquivado dende o orixinal o 28 de outubro de 2007. Consultado o 03 de novembro de 2007.
- ↑ "Araca corazón (letra), tango de Alberto Vacarezza e Enrique Delfino". Arquivado dende o orixinal o 07 de novembro de 2007. Consultado o 03 de novembro de 2007.
- ↑ "El sueño del pibe (letra), tango de Reinaldo Yiso e Juan Puey". Arquivado dende o orixinal o 12 de novembro de 2007. Consultado o 03 de novembro de 2007.
- ↑ "¿Por qué mes das dique? (letra), tango de Alberto Alonso e Rodolfo Sciammarella". Arquivado dende o orixinal o 12 de novembro de 2007. Consultado o 03 de novembro de 2007.
- ↑ "Corrientes y Esmeralda (letra), tango de Celedonio Flores". Arquivado dende o orixinal o 07 de novembro de 2007. Consultado o 03 de novembro de 2007.
- ↑ "Sobre el pucho (letra), tango de Sebastián Piana e José González Castillo". Arquivado dende o orixinal o 12 de novembro de 2007. Consultado o 03 de novembro de 2007.
Véxase tamén
[editar | editar a fonte]Wikimedia Commons ten máis contidos multimedia na categoría: Tango |
Bibliografía
[editar | editar a fonte]- Bottomer, Paul (1999). Tango (en castelán). Madrid: Susaeta. ISBN 8430587799. OL 23060630M.
- Cadícamo, Enrique D. (1969). Café de camareras (en castelán). Buenos Aires: Acleon. LCCN 71441172. OCLC 184382. OL 5768558M.
- Pau, Antonio (2001). Música y poesía del tango (en castelán). Madrid: Trotta. ISBN 8481644595. OL 21631242M.
- Sabato, Ernesto (1963). Tango: discusión y clave (en castelán). Buenos Aires: Losada. OL 19726478M.
Ligazóns externas
[editar | editar a fonte]- Esto.es/Tango Arquivado 23 de outubro de 2007 en Wayback Machine. (un portal con historia, personaxes, pasos de baile, videos, exposicións...).
- RinconDelTango.com (información, arte e cultura do tango no mundo).