Pier Maria Baldi
Biografía | |
---|---|
Nacemento | 1630 Florencia, Italia |
Morte | 9 de novembro de 1686 (55/56 anos) Florencia, Italia |
Actividade | |
Ocupación | pintor, arquitecto |
Pier Maria Baldi, tamén coñecido coma Piero Maria Baldi,[1] nado en Florencia en 1630 e finado na mesma cidade o 9 de novembro de 1686, foi un arquitecto e pintor barroco italiano, acompañante de Cosimoe III de Medici, na viaxe que realizou polos Países Baixos, Francia e a Península Ibérica, incluída Galiza, entre 1668 e 1669, da cal deixou un rico conxunto de debuxos con vistas panorámicas das cidades e lugares polos que pasou.
Traxectoria
[editar | editar a fonte]Seguidor e quizais discípulo de Baldassare Franceschini, chamado il Volterrano, gozou da protección dos Médici. En 1667 o gran duque Fernando II de Médici escribiu a Gian Lorenzo Bernini recomendando a Baldi, a quen presentaba coma mozo florentino «assai ben avanzato nel disegno en el colorito», para que o axudase nos estudos de pintura e arquitectura que se propuña realizar en Roma.[2] Un ano despois viaxou pola Península Ibérica e Francia no séquito de Cosimo III de Medici, herdeiro do Gran Ducado de Toscana. Baldi debuxou á augada sepia vistas panorámicas de cada unha das poboacións en que parou a comitiva para acompañar o relato da viaxe, redactado por Lorenzo Magalotti. Conservados en dous volumes gardados na Biblioteca Mediceo-Laurenciana de Florencia, os rápidos esbozos de Baldi, nos cales se evidencia a súa formación como arquitecto, superan en realismo e capacidade descritiva a narración oficial da viaxe realizada por Magalotti.[3]
No que respecta a Galiza, unha edición facsímile corada áchase no Arquivo Municipal da Coruña.[4] Antonio Bonet Correa salienta o carácter excepcional que teñen as vistas das cidades galegas, sendo as acuarelas de Baldi os únicos testemuños debuxados ou pintados que se conservan da Idade Moderna.[5] A propia vista da Coruña inspirou o mural de Urbano Lugrís realizado na década de 1950 e declarado Ben de Interese Cultural en 2017.[6] Alén disto, Baldi foi un dos primeiros autores que representou o escudo de Galiza coa cruz de Santiago acolada, fórmula que perdurou até o século XX.[7]
Son estes debuxos o máis salientábel da súa obra, na realidade escasa e mal coñecida. En 1680 foi nomeado capataz das obras granducais en Pisa e Livorno, mais do seu traballo como arquitecto tan só se coñece a construción dunha fonte monumental deseñada por el na praza de Santa Croce de Florencia, remodelada no século XIX. Da súa pintura, perdido o retrato do cardeal Leopoldo de Médici do cal hai rexistro documental, resta a pintura dun altar coa Virxe do Rosario e santo Domingo na igrexa suprimida de Santo Domingo al Maglio e un fresco co bautismo de santo Agustín no claustro de Santo Spirito.[2]
Galería de imaxes
[editar | editar a fonte]-
Povolo
-
Val de Barcia (Carral)
Notas
[editar | editar a fonte]- ↑ "Baldi, Piero Maria". Enciclopedia Galega Universal 3. Ir Indo. 1999-2002. p. 18. ISBN 84-7680-288-9.
- ↑ 2,0 2,1 Chiarelli 1963.
- ↑ Sánchez Rivero & Mariutti de Sánchez Rivero 1933.
- ↑ Os ilustrados galegos. Reforma e tradición na Galicia do Antigo Réxime. Deputación da Coruña. 1996. pp. 26–27. ISBN 84-89652-20-1.
- ↑ Bonet Correa, Antonio (1984). La arquitectura en Galicia durante el siglo XVII (en castelán). Madrid: CSIC. p. 36. ISBN 8400026462.
- ↑ Lugrís, paredes soñadas (PDF) (en castelán). Afundación. 2017. p. 5. ISBN 978-84-617-9473-7.
- ↑ Pardo de Guevara, Eduardo (2007). "O escudo de Galicia. Orixe, significacións e evolución" (PDF). En Barreiro Fernández, Xosé Ramón; Villares, Ramón. Os Símbolos de Galicia (PDF). Santiago de Compostela: Consello da Cultura Galega; A Coruña: Real Academia Galega. pp. 33–78, en 61. ISBN 978-84-96530-46-1.
- ↑ Gómez Iparraguirre, Mera Álvarez & Vigo Trasancos 2004, p. 610.
Véxase tamén
[editar | editar a fonte]Wikimedia Commons ten máis contidos multimedia na categoría: Pier Maria Baldi |
Bibliografía
[editar | editar a fonte]- Chiarelli, Renzo (1963). "Baldi, Pier Maria". Dizionario biografico degli italiani (en italiano) 5. Trecanni.
- Gómez Iparraguirre, Jorge; Mera Álvarez, Irene; Vigo Trasancos, Alfredo (2004). "Galicia en las acuarelas de Pier María Baldi (1669)" (PDF). El viaje a Compostela de Cosme III de Médicis (en castelán). Santiago de Compostela: Consellaría de Cultura, Comunicación Social e Turismo. S.A. de Xestión do Plan Xacobeo. ISBN 84-453-3892-7. Arquivado dende o orixinal o 22.2.2020.
- Neira Cruz, Xosé Antón (2006). A cidade da Coruña que visitou Cosme III de Médicis. Fundación Caixa Galicia.
- Sánchez Rivero, Ángel (1927). Viaje de Cosme III por España (1668-1669) (PDF) (en castelán). Concello de Madrid.
- Sánchez Rivero, Ángel; Mariutti de Sánchez Rivero, Ángela (1933). Viaje de Cosme de Médicis por España y Portugal (1668-1669) (en castelán). Madrid.
Ligazóns externas
[editar | editar a fonte]- "Galicia en 1669". Amigos do Arqueolóxico. 24 de marzo de 2012. Arquivado dende o orixinal o 12 de novembro de 2012. Consultado o 21 de febreiro de 2020.