[go: up one dir, main page]
More Web Proxy on the site http://driver.im/Saltar ao contido

Perdix

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.

Non confundir con Pérdix.

Perdix é un xénero de aves da orde dos galiformes, familia dos fasiánidos e subfamilia dos perdicinos, que inclúe tres especies de perdices.

Estas aves están relacionadas filoxeneticamente coas pitas do monte, os paspallases e os faisáns, pero non con especies subtropicais que adoito reciben o nome de perdices, debido ao seu tamaño e morfoloxía similares.[2]

Hai representantes do xénero Perdix na maior parte da Europa e a Asia temperadas.[2]

Un membro do xénero, a charrela, foi introducida nos Estados Unidos e o Canadá con propósito cinexético.[2]

Taxonomía

[editar | editar a fonte]

Descrición

[editar | editar a fonte]

O xénero foi descrito en 1760 polo zoólogo francés Mathurin Jacques Brisson,[3] na súa obra Ornithologie, ou, Méthode contenant la division des oiseaux en ordres, sections, genres, especes & leurs variétés. A laquelle on a joint une description exacte de chaque espece, avec les citations des auteurs qui en ont traité, les noms qu'ils leur ont donnés, ceux que leur ont donnés les différentes nations, & les noms vulgaires. París: Bauche.

Etimoloxía

[editar | editar a fonte]

O nome do xénero, Perdix, Brisson tomouno do latín perdix, voz derivada do grego antigo πέρδιξ pérdix, que era o nome da ave en que se transformou Pérdix, o sobriño de Dédalo.[4][5]

Especies e subespecies

[editar | editar a fonte]
Lámina de Perdix dauurica, por Joseph Wolf, en Proceedings of the Zoological Society of London, 1863.

Na actualidade recoñecense no xénero tres especies,[3] coas subespecies que se indican:

  • Xénero Perdix Brisson, 1760
    • Perdix dauurica (Pallas, 1811) – perdiz daúrica.[6]
      • Perdix dauurica dauurica (Pallas, 1811)
      • Perdix dauurica suschkini Poliakov, 1915
    • Perdix hodgsoniae (Hodgson, 1857) – perdiz tibetana.[7]
      • Perdix hodgsoniae caraganae Meinertzhagen & A. Meinertzhagen, 1926
      • Perdix hodgsoniae hodgsoniae (Hodgson, 1857)
      • Perdix hodgsoniae sifanica Prjevalsky, 1876
    • Perdix perdix (Linnaeus, 1758) – charrela ou perdiz charrela.[8]
      • Perdix perdix armoricana Hartert, 1917
      • Perdix perdix canescens Buturlin, 1906
      • Perdix perdix hispaniensis Reichenow, 1892
      • Perdix perdix italica Hartert, 1917
      • Perdix perdix lucida (Altum, 1894)
      • Perdix perdix perdix (Linnaeus, 1758)
      • Perdix perdix robusta Homeyer & Tancre, 1883
      • Perdix perdix sphagnetorum (Altum, 1894)

Características

[editar | editar a fonte]
Lámina de Perdix hodgsoniae, por John Gould, en The birds of Asia (1850-1883).

Son aves non migratorias que habitan en campos abertos e en estepas, aínda que hoxe en día están máis asociadas ás terras agrícolas. Trátanse de perdices de tamaño mediano, con picos e patas de cor apagado (en contraste co vermello das do xénero Alectoris), coa plumaxe das partes superiores de cor parda con raias, e colas algo avermelladas; as tres especies presentan unha chamativa gran mancha parda escura, case negra ás veces, na plumaxe da rexión abdominal. Ningún dos dous sexos teñen esporóns nas patas, e o único dimorfismo sexual que presentan é que a cor plumaxe e das femias tende a ser máis apagada que a dos machos. O niño é unha lixeira escavación no solo ou na cuberta vexetal. Aliméntanse dunha gran variedade de sementes e algúns insectos compltan a súa dieta.[9]

As perdices charrelas e as daúricas están moi estreitamente relacionadas e teñen unha aparencia similar, e forman unha superespecie. A perdiz tibetana ten un rechamante patrón de cara en branco e negro, a peituga negra e 16 plumas na cola, en lugar das 18 das outras especies. Ningunha das especies está ameazada a nivel global, pero as dúas perdices máis xeneralizadas (a charrela e a daúrica) son cazadas en exceso nalgunhas partes da súa área de distribución. Ademais, a charrela foi gravemente afectada polos cambios agrícolas, e a súa área reduciuse considerabelmente.[9]

En Galicia

[editar | editar a fonte]

Das tres especies só unha está presente en Galicia, a charrela, onde é pouco común (estando ademais en regresión), pero que aínda se pode encontrar, a altitudes a partir dos 1 200 msnm nos Ancares e o Courel.[10]

  1. Perdix Brisson 1760 na EOL.
  2. 2,0 2,1 2,2 Bao, X. K.; Liu, N. F.; Qu, J. Y. et al. (2010): "The phylogenetic position and speciation dynamics of the genus Perdix (Phasianidae, Galliformes)". Molecular Phylogenetics and Evolution 56: 840–847.
  3. 3,0 3,1 Perdix Brisson, 1760 no ITIS.
  4. perdiz en Etimologías de Chile.
  5. Holmes, Richard (2013). Falling Upwards: How We Took to the Air. HarperCollins. p. 1760. Consultado o 15 de xaneiro de 2019. 
  6. Perdix dauurica (Pallas, 1811) no ITIS.
  7. Perdix hodgsoniae (Hodgson, 1857) no ITIS.
  8. Perdix perdix (Linnaeus, 1758) no ITIS.
  9. 9,0 9,1 McGowan, P. J. K. 1994.
  10. Penas Patiño et al. 1991, p. 100.

Véxase tamén

[editar | editar a fonte]

Bibliografía

[editar | editar a fonte]

Outros artigos

[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas

[editar | editar a fonte]