[go: up one dir, main page]
More Web Proxy on the site http://driver.im/Saltar ao contido

Pelota valenciana

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Partido de llargues no Carrer de Benimagrell, Sant Joan d'Alacant.
"Joc de pilota", de Josep Bru i Albinyana. Cadro costumista de 1881.

A pelota valenciana, (en valenciano, pilota valenciana), é un deporte tradicional xogado na Comunidade Valenciana, variante do xogo de pelota, que pode practicarse en varias modalidades na cal se enfrontan un o máis contrincantes formando dous equipos que compiten arrebolando unha pelota, golpeándoa coa man núa, ou con lixeiras proteccións.

O nome de pelota valenciana utilízase para distinguilo doutras variantes como a vasca, xogada normalmente contra un muro ou frontón.

Non se sabe de certo a orixe da pelota valenciana, aínda que o relacionan co jeu de paume medieval francés, do cal derivarían tamén outros xogos de pelota, como a pelota vasca ou a irlandesa, e as modalidades a raias de todas partes de Europa (kaatsen, longue paume, pallone, ...), así coma outros deportes con ferramenta, coma o tenis.

A modalidade máis antiga son as Llargues, da cal derivan variantes como a perxa ou a pilota grossa, que, á súa vez, dá lugar ás galotxetes e a galotxa, a cal é o paso previo á escala i corda, a modalidade máis prestixiosa hoxe en día. Por outra banda está o raspall, a outra modalidade profesional. Caso á parte é o do frontón e os frares, as únicas modalidades de xogo indirecto, é dicir que a pelota debe golpear contra unha parede.

Hai constancia da práctica da pelota nas rúas de Valencia xa no século XIV, e no século XVI houbo até 13 trinquets. O xogo, porén, foi abandonado polas clases altas, quedando só como deporte para as clases baixas, as cales mantivérono nas aldeas. Foi un longo abandono e que case fixo esquecelo coa chegada do fútbol e os coches ás rúas.

O pulo dos medios de comunicación, especialmente as retransmisións de Punt 2, e o carisma dun pelotari mítico, Paco Cabanes, o Genovés, facilitaron unha certa reavivación apoiada pola Federació de Pilota valenciana, a cal organiza campionatos para afeccionados e a participación da Selección valenciana nos Campionatos Internacionais de Pelota. Por outra banda, a práctica profesional da pelota dignificouse coa aparición da empresa Val Net.

Instalacións

[editar | editar a fonte]
Trinquet para xogar a Escala i corda visto dende a galeria do dau.

A pelota valenciana pode disputarse en diferentes lugares.

  • Trinquet: sen lugar a dúbidas é a cancha máis característica deste deporte. É un recinto pechado de forma rectangular de entre corenta e sesenta metros de longo e entre nove e once de ancho. As dúas paredes máis longas, denominadas muralles, teñen unha altura parecida ao ancho do recinto. Unha das dúas murallas conta cun elemento singular, a escala. Esta escaleira consta de catro chanzos dos cales o primeiro é máis alto que o resto, contando cunha altura dun metro aproximadamente e un ancho de entre dous metros e medio e tres. Estes chanzos son aproveitados polo público para sentar e presenciar a partida.
  • Carrer de la pilota: tradicionalmente disputáronse partidas na rúa, contando cada pobo cunha rúa especialmente adecuada para iso. Esta rúa debía de ser plana e contaba cunhas dimensións un pouco menores que as dun trinquet. Co aumento da circulación dificultouse esta práctica polo que se construíron diversas rúas artificiais denominadas carrer de pilota nas que se imitan até nos máis pequenos detalles as naturais incluíndo por tanto xanelas, balcóns ou portas. Existen rúas artificiais entre outras nas localidades de Montserrat, Torrent, Beniparrell, L'Eliana, Meliana, Foios, Albuixech, Xirivella, Calp ou Benidorm. No carrer xógase á Galotxa, Llargues e Raspall.
  • Frontón: de características similares ao frontón vasco ou ao de frontenis pero cunha lonxitude menor (regulamentariamente entre 20 e 30 metros de longo), está gañando popularidade nos últimos tempos debido á dificultade de disputar partidas no carrer ou nos trinquets.
  • Galotxeta: este recinto de vinte metros de longo por tres e medio de ancho utilízase para xogar a modalidade de Galotxetes na localidade de Monòver. Conta cunha corda central destensada e catro caixóns nas esquinas do recinto.

Modalidades

[editar | editar a fonte]

Existen diversas modalidades de pelota valenciana aínda que se poden dividir en dous grandes bloques: estilo directo (estil directe) e estilo indirecto (estil indirecte):

Estilo directo

[editar | editar a fonte]

No estil directe os equipos atópanse fronte a fronte e débese enviar a pelota dunha metade do campo á outra.

Por orde alfabética, as modalidades recoñecidas pola Federació de Pilota valenciana son:

Escala i corda.
  • Escala i corda: sen dúbida a modalidade raíña, polo que conta co meirande número de xogadores profesionais. Dispútase no 'trinquet ao que se engade unha corda no medio da cancha a unha altura aproximada de dous metros. Enfróntanse dous equipos dun, dos ou tres xogadores. É un xogo ao aire, permitíndose só un bote da pelota antes de devolvela ao campo rival inda que os botes nas escaleiras non son contados. O xogo consiste en devolver a pelota ao rival por riba da corda, cometéndose falta cando a pelota non chega ao outro campo, faino por baixo ou impacta nalgunha parte do corpo distinta da man. Para conseguir un xogo séguese unha notación semellante á do tenis, 15, 30, val e joc.
  • Galotxa: semellante á escala i corda mais xogándose na rúa (carrer) (natural ou artificial).
  • Galotxetes: esta modalidade xógase na galotxeta, unha diminuta cancha, entre un ou dous xogadores por equipo. Dispútase ao aire, conseguíndose un tanto cada vez que se insire a pelota nun dos caixons (buracos nos cantóns da galotxeta) do rival ou non conseguen pasar a corda. Só atoparemos está modalidade no Vinalopó Mitjà.
  • Joc internacional: denomínase así á modalidade que se xoga nos mundiais e europeos, sendo semellante ao llargues pero con diversas variantes, xa que en cada país xógase de forma distinta, co fin de xogar a unha modalidade común.
  • Llargues: semella que é a modalidade máis antiga. Xógase no carrer, e ten como característica (que as outras modalidades perderon) a existencia das ratlles, unhas liñas situadas na cancha. Dispútase entre equipos de tres, catro ou cinco pelotaris. Para conseguir un tanto hai que lograr que a pelota bote máis aló da liña de falta ou que supere unha liña posterior coñecida coma do quinze situada a unha distancia aproximada de 70 m. Ten variantes coma a Palma e a Perxa. Por ser a máis próxima á orixe común serviu de base para regulamentar o xogo internacional (joc internacional) dos Campionatos Internacionais de Pelota.
  • Pilota blanca: modalidade practicada na Horta Nord, hoxe en día reivindicada polas Fallas de Valencia.
  • Pilota grossa: modalidade só xogada en Abdet, precursora das Galotxetes. Consiste en xogar ás Llargues nun trinquet.
  • Raspall: é a outra modalidade, ademais da Escala i corda, que conta con xogadores profesionais. Xógase no trinquet ou no carrer, e o nome vén de que o pelotari pode raspar o chan coa man para tornar a pelota, xa que inclúe dous golpes específicos: raspar (golpear a pelota a ras do chan de modo que esta rode) e enganxar (golpear a pelota a ras del chan de forma que esta se eleve). Nesta modalidade a pelota adoita ir rodando polo chan. Para acadar un punto hai que lograr que a pelota supere a liña de tanto que ten o rival detrás del ou tocar o fondo do trinquet. É a modalidade máis dura fisicamente.

Estilo indirecto

[editar | editar a fonte]

No estil indirecte os dous equipos comparten cancha e enfróntanse lanzando a pelota contra un elemento (muro), nomeado frontó. Logo de que a pelota rebote tócalle ao equipo contrario.

Modalidades de estilo indirecto:

  • Frontón: esta modalidade diferénciase do frontón vasco nas dimensións da cancha e nas características da pelota. Cada xogador golpea a bola de xeito alterno debendo impactar esta no frontis por riba dunha raia situada a unha altura de medio metro e botando dentro dos límites estabelecidos na cancha.
  • Frare: esta modalidade conta cun regulamento semellante ó do frontón, diferenciándose en que se disputa nunha cancha lixeiramente diferente: con dimensións un pouco menores e con dous biseis, coñecidos como frares nos recunchos do frontis que permiten que a pelota faga efectos estraños cando impacte neles.

De todas estas modalidades a máis estendida é a de escala i corda que, xunto coa do raspall, é a única que conta con xogadores profesionais. Populares tamén son a galotxa nas provincias de Castelló e Valencia; e en toda a provincia de Alacant a modalidade a llargues. O xogo en frontón está gañando adeptos debido á gran cantidade de instalacións dispoñíbeis e aos diversos desafíos que enfrontaron nos últimos anos a pelotaris valencianos e vascos. Por último as galotxetes e o frare atópanse cada unha delas restrinxidas practicamente a unha poboación.

Historia das modalidades

[editar | editar a fonte]

Os llargues son a modalidade máis antiga da pelota valenciana, xogada arredor do País Valenciano (ou substituída por outra variante en tempos recentes), non obstante, tódolos documentos que falan da pelota coinciden en que eran xogados no carrer e polo sistema das ratlles (raias), metades do campo separadas e móbiles ao longo da partida.

Dos llargues escindiuse a modalidade do raspall, a cal non emprega as ratlles mais tampouco ten separación patente da cancha de xogo.

A corda no medio do carrer ou trinquet é unha invención atribuída ao José Vicente Rise Calatayud (o Nel de Murla) nos arredores do 1910. Deste xeito evitábanse as discusións sobre a colocación exacta de cada ratlla e favorecíase un xogo máis vistoso, ao pasar a pelota sobre a corda. Aínda que modalidades coa corda no medio e con ratlles xa había, como mínimo, dende o século XVIII, como a Pilota grossa xogada no Trinquet da Abdet.

Unha variante dos llargues é a Perxa, na que o saque faise pasando a pelota sobre unha corda e caendo nun espazo limitado (o dau), para despois xogar ás ratlles, o que daría paso á galotxa, coa corda de saque e a do medio campo. E á vez, a galotxa sería o paso previo á escala i corda, da que só resta a corda no medio do trinquet.

Caso á parte é o frontó, do cal se teñen as primeiras noticias a finais do século XIX de mans de pelotaris vascos. A orixe dos frares (un xeito de frontó) de 3 paredes inda é descoñecida.

Material de xogo

[editar | editar a fonte]
De esquerda a dereita, unha pelota de vaqueta, de badana, de tec e de galotxetes. Abaixo, unha luva.

Existen diversos tipos de pelota segundo a modalidade:

  • Pilota de badana: esta pelota ten unha cuberta de pel de tenreira e está rechea de borra (pelo de mamífero con pelo de tipo la, coma da ovella ou o año). Úsase polo seu escaso prezo en partidas no carrer (de Llargues e Galotxa) xa que na rúa é sinxelo perder a pelota ou que caia nun balcón ou nunha azotea. Ademais as rúas están cheas de irregularidades que causan efectos estraños no bote da pelota e sorpresas que son amortiguadas polo propia pelota. Tamén pola súa lixeireza, dureza e velocidade é boa para o adestramento de mozos e en partidas de afeccionados. Ten un peso máximo de 39 g e un diámetro máximo de 38 mm.
  • Pilota de galotxetes: na modalidade de Vinalopó Mitjà xógase cunhas pelotas propias e únicas. Son pelotas cheas de roupa e recubertas con esparadrapos, dun peso aproximado de 60 g e duns 7 cm de diámetro.
  • Pilota de vaqueta: está formada por oito triángulos de pel de pescozo de vaca cosidos entre si e rechea de borra para lograr o peso oficial que ten a modalidade de adultos, entre 40 e 42 g e un diámetro de 42 mm (138 mm de circunferencia). Son fabricadas de xeito artesanal e por tanto son moi apreciadas, tendo un prezo moi elevado de coma mínimo 30 euros. Utilízase nas modalidades de escala i corda, raspall e galotxa.
  • Pilota de Tec: está composta dun núcleo de madeira recuberto de borra e forrada con pel de cabuxa. Utilízase para o frontó valenciano e ten un peso de entre 36 e 50 g e unhas dimensións de entre 40 e 50 mm de diámetro.
  • Pilota grossa: no Trinquet de l'Abdet xógase con pilota grossa, cun peso de 125 g, un diámetro de 7 cm e unha circunferencia de 25 cm. Está feita cun núcleo de madeira, chea con trapos e pel de cabuxa.

Vestimenta

[editar | editar a fonte]

Na pelota valenciana os xogadores non portan ningún uniforme, senón que visten de vermello ou de azul, sendo o vermello a cor do equipo teoricamente máis forte. Esta diferenciación parece feita para a xente que queira apostar.

Até non hai moitos anos na escala i corda era costume vestir de branco, é dicir, pantalóns longos e camisola branca, cunha faixa da cor correspondente. Hoxe en día, coa presenza da televisión, son as camisolas de cor vermello ou azul as que diferencian o equipo de xogadores. Así mesmo, non é estraño velas con reclamos publicitarios estampados.

No respall, os pantalóns son curtos, xa que os longos estorban nos frecuentes movementos de axeonllarse pera raspar a pelota no chan.

Utilízanse para protexer as mans á hora de golpear a pelota. Son de pel de año e no cobren os dedos. Están formadas por un triángulo de pel destinado a cubrir a palma da man contando cunha suxeición á altura dos cotobelos. Para suxeitalos átanse á man cun par de cordas enlazadas. Debido á súa lixeireza non ofrecen suficiente protección polo que normalmente engádenselle naipes, pranchas de aceiro ou esponxas debaixo delas cubríndoos posteriormente con esparadrapo. Xeralmente esta protección utilízase tamén nos dedos.

Os dedais (didalets), utilízanse para xogar ao raspall. Están fabricados con pel ou intestino de porco. Para colocalos engádese unha chisca de algodón para axustar a forma do dedal á do dedo.

O espectadores do xogo poden apostar a calquera dos dous equipos, e o trinquet e o marxador embólsanse ambos unha comisión das apostas.

Compoñente social

[editar | editar a fonte]

As partidas de pelota, os trinquets e todo aquilo relacionado coa pelota sempre utilizou o valenciano coma lingua predominante, incluso nos anos da ditadura de Francisco Franco, polo que foi un refuxio para a lingua que serviu para manter o seu uso. Por iso algúns valencianos considérano o seu deporte nacional. A lingua valenciana incorporou diferentes expresións da pelota, destacando sen lugar a dúbidas va de bo (en galego: algo que vai xa en serio), frase que se utiliza para indicar que se dá por rematado o quecemento e comeza a partida propiamente dita.

Proxección internacional

[editar | editar a fonte]

Joc internacional

[editar | editar a fonte]

Se ben é certo que moitas modalidades da pilota valenciana son autóctonas e únicas, tamén é certo que forma parte dun conxunto de deportes cunha orixe común. Foi recentemente, co reencontro destes xogos de pelota que xurdiu a iniciativa de enfrontar aos mellores deportistas no chamado Joc internacional, unha modalidade moi semellante aos llargues que pon en común os diferentes xogos de pelota practicados arredor de Europa e América.

Esta modalidade, inventada pola Federació de Pilota valenciana (integrada na Confederación Internacional de Xogo de Pelota), é a escusa para xogar anualmente (dende o 1993) os Campionats Internacionals de Pilota.

Pelota vasca

[editar | editar a fonte]
Artigo principal: Pelota vasca.

Antigamente, as modalidades de pelota vasca preferidas no País Vasco eran o "bote luzea", o "mahi jokoa" e o "laxoa". As dúas primeiras xa desapareceron, mentres que a última inda se practica no val de Baztan e no País Vasco francés. As descricións que se conservan eran de todo idénticas ás Llargues valencianas, mais cunha pelota de maior peso e volume.

A mediados do século XIX o pelotari "Chiquito de Eibar" popularizou o estilo indirecto, chamado "ble", é dicir, xogar á pelota contra a parede, do cal o actual frontón vasco é a súa evolución autóctona.

Unha mostra da compatibilidade entre o joc "a la larga" e os Llargues é que había xogadores profesionais que se gañaban un bo soldo coas apostas polas partidas contra os mellores afeccionados de cada vila que visitaban. É o caso do aragonés Lagasa e o valenciano Amigó, que fixeron unha morea de desafíos vitoriosos en terras navarras (setembro de 1680 en Pamplona).

En outubro de 2006, por primeira vez, un equipo xuvenil navarro xogou a Llargues contra un de Valencia no Dia de la Pilota celebrado en Valencia. Mais, actualmente, o contacto entre os dous deportes veñen limitados ao frontón, monopolístico para os vascos e minoritario para os valencianos. Ás veces organízanse partidas de exhibición, coma o Open Ciutat de Valencià, cun regulamento particular (a lonxitude da cancha, por exemplo), e unha pelota dun peso e diámetros intermedios entre os habituais para cada modalidade.

Xogos Olímpicos de Barcelona

[editar | editar a fonte]
Véxase tamén: Xogos Olímpicos de 1992.

A pelota valenciana foi un dos deportes de exhibición das Olimpíadas de Barcelona en 1992.

Pelotaris

[editar | editar a fonte]

Xogadores de pelota valenciana que marcaron época:

En activo

[editar | editar a fonte]

Retirados

[editar | editar a fonte]
 

Competicións

[editar | editar a fonte]

Profesionais

[editar | editar a fonte]

Escala i Corda:

  • Trofeu Individual Bancaixa
  • Circuit Bancaixa
  • Copa Diputació
  • Trofeu Vidal

Raspall:

  • Campionat per Equips de Raspall
  • Campionat Individual de Raspall

Afeccionados

[editar | editar a fonte]

Frontó:

  • Campionat Autonòmic de Frontó Individual
  • Campionat Autonòmic de Frontó per Parelles

Galotxa:

  • Campionat Autonòmic Interpobles
  • Supercopa de Galotxa
  • Trofeu el Corte Inglés
  • Trofeu Generalitat de Galotxa

Llargues:

  • Lliga a Llargues d'Alacant
  • Lliga a Palma

Perxa:

  • Lliga a Perxa

Raspall:

  • Campionat Autonòmic de Raspall al carrer
  • Campionat Autonòmic de Raspall en trinquet

A pelota valenciana na arte

[editar | editar a fonte]
Miradoiro do Bellveret de Xàtiva. Obra de Manuel Boix.

No 1992, o artista valenciano Manuel Boix expuxo uns gravados en auguaforte e esculturas con motivos da pelota valenciana baixo o título de El punt dins el moviment.

Véxase tamén

[editar | editar a fonte]

Bibliografía

[editar | editar a fonte]
  • Llopis i Bauset, Frederic (1999): El Joc de Pilota Valenciana. Carena Editors, València. ISBN 84-87398-26-X (en catalán)
  • Soldado, Alberto (1998): Joc de Pilota. Historia de un Deporte Valenciano. PubliTrade Grupo de Comunicación, València. ISBN 84-923378-1-8 (en castelán)

Ligazóns externas

[editar | editar a fonte]