Paul Celan
Paul Celan con 18 anos | |
Biografía | |
---|---|
Nacemento | (de) Paul Antschel 23 de outubro de 1920 Cernauti Ucraína |
Morte | 20 de abril de 1970 París Francia |
Causa da morte | suicidio, afogamento |
Lugar de sepultura | Cimetière parisien de Thiais (en) |
País de nacionalidade | Francesa |
Educación | Chernivtsi University (en) |
Actividade | |
Lugar de traballo | París |
Ocupación | Poeta |
Empregador | Cartea rusă (en) |
Xénero artístico | Poesía |
Obra | |
Obras destacables
| |
Familia | |
Cónxuxe | Gisèle Celan-Lestrange, Ingeborg Bachmann |
Parella | Ingeborg Bachmann |
Parentes | Selma Meerbaum-Eisinger, curmá entregue |
Cronoloxía | |
1947 | exilio (Francia) |
Premios | |
| |
Descrito pola fonte | UbuWeb |
Sitio web | celan-projekt.de |
Paul Antschel, coñecido como Paul Celan, nado en Cernauti[1] (Reino de Romanía) o 23 de outubro de 1920 e finado en París o 20 de abril de 1970, foi un poeta alemán de orixe xudía romanesa e fala alemá, considerado pola crítica o máis grande lírico en alemán da segunda posguerra.
Traxectoria
[editar | editar a fonte]O seu nome artístico é o anagrama de Ancel, variante de Antschel, o seu apelido real. Celan era xudeu asquenací. Naceu en Czernowitz (ou Cernovitsi, ou Cernauti), na rexión de Bucovina, que daquela formaba parte de Romanía. A cidade, que dependera do Imperio Austrohúngaro ata a primeira guerra mundial, foi anexionada pola Unión Soviética en 1940 e encóntrase hoxe en Ucraína baixo o nome de Chernivtsi.
O seu pai, Leo, era un xudeu sionista moi nacionalista e ortodoxo que avogou por educar o seu fillo en hebreo. Súa nai, Fritzi, era unha ávida lectora de literatura en alemán e fixo desta a lingua da casa. Logo do seu Bar Mitzvah en 1933, Paul abandonou o Sionismo e maila educación formal en hebreo, militou activamente nas organizacións socialistas xudías e apoiou a causa da República na guerra civil española. Súa tía Mina, que vivía coa súa familia en Czernowitz, emigrou a Palestina en 1934.
En 1938 marchou a estudar medicina en Tours, Francia, pero retornou a Chernivtsi para estudar literatura e linguas románicas. En 1941 as tropas nazis ocuparon a rexión e reagruparon os xudeus en guetos. Deste modo, en 1942, mentres Paul estudaba na universidade da súa cidade, os seus pais foron deportados a campos de exterminio. Seu pai pereceu de tifo e a súa nai foi asasinada, mentres que el foi recluído nun campo de traballo en Moldova. Ao ser liberado en 1944 marchou a Bucarest, onde traballou nunha editorial. Abandonou Romanía en 1947 para pasar unha breve tempada en Viena, onde publicou o seu primeiro libro, Der Sand aus den Urnen.
En 1948 trasladouse a Francia, obtivo a nacionalidade e impartiu clases de alemán na Escola Normal Superior de París. Casou coa pintora Gisèle Celan-Lestrange, nacida no seo dunha vella familia aristocrática, conservadora e moi relixiosa. Tivo con ela dous fillos, o primeiro falecido aos poucos anos. Paralelamente mantivo unha relación coa poeta Ingeborg Bachmann. Viviu entre París, Alemaña, Suíza e Israel. En Xenebra traballou como tradutor de textos político-administrativos.
Na xestación e devir da súa obra tiveron un gran peso as súas relacións con Ingeborg Bachmann e tamén os seus primeiros conatos de suicidio. Estes debéronse a que o poeta empezou a padecer fortes depresións desde 1962 e ata estivo a piques de estrangular á súa muller. Aceptou facerse internar en clínicas privadas e sostivo un amplo e agarimoso epistolario coa súa muller e o seu fillo Eric. Finalmente, suicidouse tirándose ao río Sena desde a ponte Mirabeau de París en 1970.
Poesía
[editar | editar a fonte]Toda a súa obra sostén un diálogo intelectual moi fondo coa obra do filósofo Martin Heidegger e de Theodor Adorno, autor este da famosa frase non é posíbel escribir poesía despois de Auschwitz. Ambos ignorárono. Rilke e Eliot xa abordaran moito tempo atrás ese problema metafísico da destrución, desterro e exilio da palabra poética, detectado por Mallarmé cara a 1885. Celan reinstala ese problema literario nos campos de concentración e exterminio e, asemade, esa peregrinación ao fondo do inferno contemporáneo ten unhas raíces puramente biográficas (a desaparición dos seus pais en campos de exterminio), cuxa prolongación inmediata son as aventuras amorosas do mozo Celan con Ingeborg Bachmann e Gisèle Lestrange, sen esquecer unha actriz romanesa.
Traduciu do francés, do ruso e do inglés ao alemán e ao hebreo. As súas obras máis importantes neste campo foron as versións en alemán das obras de Arthur Rimbaud, Osip Mandelshtam e Emil Cioran. O seu primeiro poemario, Mohn und Gedächtnis (1952) inclúe o seu poema máis celebrado, "Todesfugue", publicado por primeira volta en 1948, unha descrición do campo de exterminio nazi de Auschwitz-Birkenau que calca a estrutura musical da fuga. Son tamén cimas importantes da súa lírica os libros Atemwende (1967) e Fadensonnen (1968).
En total, a súa obra poética, composta entre 1938 e 1970, abrangue uns 800 poemas. A súa estética, influída polo surrealismo, rica en imaxes bíblicas e de difícil tradución, especialmente na súa última época, expresa o sentimento existencial do absurdo da vida moderna e a imposibilidade da comunicación, e enfróntase con angustia ao paradoxo de expresar a agonía xudía na lingua do exterminador. Ao final da súa vida, os seus versos vólvense cada vez máis crípticos, quebrados e monosilábicos, comparándose en certo senso á música de Anton Webern. Para algúns, Celan intentaba desestruturar a lingua alemá.
Dono dunha lingua poética excepcional polo virtuosismo e flexibilidade da súa palabra, a súa obra foi publicada moi marxinalmente e mesmo a editorial Gallimard rexeitou a súa publicación. Asume tradicións literarias moi diversas xunto a datos teolóxicos (en particular a mística xudía, á que accede grazas a Scholem), filosóficos, científicos, históricos e persoais, transformando a súa obra en algo complexo e arcano para o lector frívolo. George Steiner foi o primeiro en afirmar que Celan era o poeta en lingua alemá máis importante da segunda metade do século XX.
Obras
[editar | editar a fonte]- Der Sand aus den Urnen, (1948).
- Mohnn und Gedächtnis (1952).
- Von Schwelle zu Schwelle (1955).
- Sprachgitter (1959).
- Der Meridian (discurso pronunciado ao recibir o premio Georg Büchner en 1960, impreso en 1961).
- Die Niemandsrose (1963).
- Atemwende (1967).
- Fadensonnen (1958).
- Lichtzwang (1970).
- Schneepart (póstuma, 1971).
- Zeitgehöft, (póstumo, 1976).
- Die Gedichte, (2003).
Obras traducidas ao galego
[editar | editar a fonte]- Por Michaela Kuchenreuther e Manuel Luís Stiller: Schibboleth, Salmo e outros poemas, na revista A Trabe de Ouro, nº 28, 1996.
- Por Catuxa López Pato: A rosa de ninguén. Galaxia, 2005.
Notas
[editar | editar a fonte]Véxase tamén
[editar | editar a fonte]Ligazóns externas
[editar | editar a fonte]- Poemas traducidos ao español de Paul Celan
- Paul Celan: La lengua no pertenece Jacques Derrida
- Vidas Contadas en RNE (en castelán).