[go: up one dir, main page]
More Web Proxy on the site http://driver.im/Saltar ao contido

Salgueiro chorón

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
(Redirección desde «Salix babylonica»)

O salgueiro chorón, ou simplemente chorón (Salix babylonica), é unha árbore caducifolia do xénero Salix, pertencente á familia das salicáceas, moi apreciada como especie ornamental.

Nome científico

[editar | editar a fonte]

Carl von Linné deulle en 1753 o nome de Salix babylonica por un salmo da Biblia, no que se fala de que durante o exilio dos xudeus en Babilonia, penduraban as súas pregarias dos salgueiros. O nome galego da especie, chorón, vén dado pola conformación das súas pólas pendurantes.

Descrición

[editar | editar a fonte]

É unha árbore de talle medio que alcanza de 10 a 15 metros de altura, aínda que excepcionalmente pode superar os 20. As pólas son moi flexíbeis, e as súas extremidades diríxense con forza cara ao chan, como caendo, de aí o seu aspecto "tristeiro", que lles gañou a designación de choróns, que tamén aparece noutras linguas: francés pleureur, inglés weeping willow, español llorón etc.

As follas son alternas, simples, lanceoladas, con dentado fino, estreitas e longas, acadando de 10 a 15 cm de comprimento, e sostidas por un curto pecíolo.

As flores, como noutros salgueiros, están agrupadas en amentos de arredor de 2 cm de longo, recibindo o nome popular de gatiños.

É unha planta dioica, na que as flores masculinas e femininas corresponden a árbores diferentes. En Europa non se coñecen máis que exemplares femias.

Distribución

[editar | editar a fonte]

Esta especie é orixinaria de China. Tróuxose para Europa a finais do século XVII, desde o Xapón.

Popularizado por cultivo, a especie foi naturalizada en todos os continentes, especialmente en Europa, Estados Unidos, África e Australia. Pode reproducirse a partir de simples escallos.

Como todos os salgueiros, o chorón prefire solos húmidos e lixeiros.

En Galicia abunda en parques e xardíns preto dos regos.

Utilización

[editar | editar a fonte]

É unha árbore ornamental moi decorativa. Tivo grande éxito na Europa do período prerromántico e romántico. Plántase como árbore de ribeira, xa que as súas raíces poden acadar grandes distancias para atopar auga. En Galiza é unha das especies ornamentais máis comúns; moi plantada en parques urbanos á beira dos regos e ríos.

Etnografía

[editar | editar a fonte]

Desta fontiña à beira froleada

sentado à sombra dun choron estou,

doído o peito, a alma esconsolada,

triste morrendo pouco a pouco vou[1].

Variedades

[editar | editar a fonte]

Hai diferentes especies de choróns:

  • S. babylonica (con variedades de xardín, en especial a variedade "Crispa" , de follas espirais e porte estreito e lanzal; a variedade "Tortuosa k,;jb k jbkj;jk", ten follas e pólas tortas),
  • S. alba "pendula" : diferénciase da S. babylonica pola cor das ramas, que neste salgueiro é branca, mentres na S. babylonica é amarela.
  1. Cantiga recolleita por Marcial Valladares Núñez (1884): Diccionario gallego-castellano, Santiago, Imp. Seminario Conciliar

Véxase tamén

[editar | editar a fonte]

Outros artigos

[editar | editar a fonte]