[go: up one dir, main page]
More Web Proxy on the site http://driver.im/Saltar ao contido

Indicatóridos

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
(Redirección desde «Indicatoridae»)

Os indicatóridos (Indicatoridae) son unha familia de aves case paserinas da orde Piciformes, xeralmente coñecidos como paxaros indicadores e, nalgúns idiomas, guías do mel. Viven no Vello Mundo tropical, co maior número das especies en África e dúas en Asia. Estas aves son coñecidas porque dúas das especies interaccionan cos humanos guiándoos a onde hai colmeas de abellas para que os homes recollan o mel e despois elas comen as larvas das abellas e a cera que quedan na colmea destruída. Na súa reprodución algúns funcionan como parasitos, xa que poñen ovos en niños alleos ao estilo dos cucos.

Descrición

[editar | editar a fonte]

A maioría dos indicatóridos son de cores apagadas, aínda que algúns teñen cores amarelos brillantes. Todos teñen plumas externas das colas claras, que son brancas en todas as especies africanas.

Están entre os poucos paxaros que se alimentan regularmente de ceracera de abella na maioría das especies—, e presumiblemente as secrecións céreas de insectos Coccoidea no caso das aves do xénero Prodotiscus e en menor medida Melignomon e as especies menores do xénero Indicator. Tamén se alimentan de larvas da avelaíña Galleria mellonella, larvas de abellas, e de insectos voadores e trepadores, arañas, e froitos ocasionais. Moitas especies únense a bandadas de especies mixtas para a alimentación.

Comportamento

[editar | editar a fonte]

Paxaros guías

[editar | editar a fonte]

Os indicadores son famosos polo hábito observado nunha ou dúas das súas especies de guiar os humanos ás colmeas de abellas. Unha vez que os homes abren a colmea e recollen o mel, a ave aliméntase das larvas de abella e cera dos restos rotos da colmea. Este comportamento foi moi ben estudado no Indicator indicator; algunhas autoridades (seguindo a Friedmann, 1955) consideran que tamén ten este hábito a especie Indicator variegatus, mentres que outros non están de acordo con isto (Short e Horne, 2002). Estes indicadores silvestres demostraron que teñen a capacidade de comprender a chamada humana para que os axude a localizar o mel.[1] Malia a cerenza popular, non hai probas de que estas aves guíen tamén cara ao mel ao ratel, aínda que hai vídeos que aparentemente mostran polo menos algún tipo de relación.[2][3]

Porén, a maioría dos membros desta familia non guían os humanos ao mel.

Reprodución

[editar | editar a fonte]
Protodiscus regulus xuvenil (cría parasita) alimentado por un Cisticola aberrans (pai hóspede).

O comportamento reprodutor de oito das especies dos xéneros Indicator e Prodotiscus coñécese ben. Son todos parasitos de crianza, xa que poñen os ovos nun niño doutra especie, depositando os ovos nunha serie duns cinco durante un período de sete días. A maioría prefire facer isto en especies que aniñan en buratos, como os Lybiidae e Picidae, pero os do xénero Prodotiscus parasitan especies como Zosteropidae e Sylvidae. As crías do paxaro indicador ao eclosionaren tiran fóra do niño os pitiños dos seus hóspedes teñen peteiros ganchudos cos que perforan os ovos do hóspede ou matan con eles as crías.[4]

Os indicadores africanos deixan os ovos en niños subterráneos doutras especies de paxaros comedores de abellas. A femia do indicador asegúrase que as súas crías eclosionarán antes incubando os ovos internamente un día máis do normal antes de poñelo no niño alleo, e despois as crías eliminan os hóspedes e son criadas polos pais hóspedes.[5]

Os Indicatoridae conteñen dezasete especies en catro xéneros:

Familia: Indicatoridae

  • Xénero: Indicator
    • I. maculatus
    • I. variegatus
    • I. indicator
    • I. archipelagicus
    • I. minor
      • I. (minor) conirostris
    • I. willcocksi
    • I. exilis
    • I. pumilio
    • I. meliphilus
    • I. xanthonotus
  • Xénero: Melichneutes
    • M. robustus
  • Xénero: Melignomon
    • M. eisentrauti
    • M. zenkeri
  • Xénero: Prodotiscus
    • P. insignis
    • P. zambesiae
    • P. regulus
  1. Spottiswoode, Claire N.; Begg, Keith S.; Begg, Colleen M. (July 22, 2016). "Reciprocal signaling in honeyguide-human mutualism". Science 353 (6297): 387–389. doi:10.1126/science.aaf4885. 
  2. Dean, W. R. J.; Siegfried, W. Roy; MacDonald, I. A. W. (1 March 1990). "The Fallacy, Fact, and Fate of Guiding Behavior in the Greater Honeyguide". Conservation Biology 4 (1): 99–101. doi:10.1111/j.1523-1739.1990.tb00272.x. Consultado o 11 March 2013. 
  3. Yong, Ed (September 19, 2011). "Lies, damned lies, and honey badgers". Kalmbach. Arquivado dende o orixinal o 28 de marzo de 2013. Consultado o 11 March 2013. 
  4. Short, Lester L. (1991). Forshaw, Joseph, ed. Encyclopaedia of Animals: Birds. London: Merehurst Press. p. 155. ISBN 1-85391-186-0. 
  5. Davies, Ella "Underground chick-killers filmed" Arquivado 31 de decembro de 2017 en Wayback Machine., BBC Nature

Véxase tamén

[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas

[editar | editar a fonte]