[go: up one dir, main page]
More Web Proxy on the site http://driver.im/Saltar ao contido

Fenda dixital

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.

A fenda dixital é calquera distribución desigual no acceso, uso ou impacto das tecnoloxías da información e a comunicación entre grupos sociais.[1] Estes grupos poden definirse con base a criterios de xénero, xeográficos ou xeopolíticos, culturais... Debido ó alto custo das TIC, a súa adopción e utilización é moi desigual en todo o mundo.[2]

O termo fenda dixital describe unha fenda de acceso e uso da tecnoloxía da información e da comunicación. Tradicionalmente considerábase unha cuestión principalmente de acceso.[3] Dende 2013, cunha penetración a nivel global de teléfonos móbiles de máis do 95%,[4] a desigualdade relativa exponse entre aqueles que teñen máis e menos ancho de banda[5] e máis ou menos habilidades asociadas.[6]

América Latina converteuse nunha das rexións máis proactivas do mundo en relación coa inclusión da tecnoloxía nos seus sistemas educativos. Estas políticas públicas apuntan a mellorar a inclusión social, a democratización do coñecemento e a redución da fenda dixital.[7][8]

O concepto de fenda dixital aparece no chamado informe “The Missing Link ”,[9] que se publicou en 1982 pola comisión Maitland. Nas conclusións do informe destacábase a carencia de infraestruturas de telecomunicacións nos países en vías de desenvolvemento, poñendo coma exemplo o teléfono.

O termo procede do inglés "dixital divide", utilizado durante a Administración Clinton[10] (aínda que a súa autoría non se pode asegurar con total precisión). Mentres que nalgunhas referenzas, cítase a Simon Moores coma o acuñador do termo outros autores, como Hoffman, Novak e Schlosser refírense a Lloyd Morrisett[11] como o primeiro en empregalo para referirse á fractura que se podía producir nos Estados Unidos entre “conectados” e “non conectados”, se non se superaban, mediante investimentos públicos, as graves diferenzas entre territorios, razas e etnias, clases e xéneros. en infraestruturas e axudas á educación. En todo caso, durante aquela administración publicáronse unha serie de informes baixo o título Falling through the Net,[12] nos que se deixaba constancia do estado que este fenómeno tiña na sociedade estadounidense a finais dos anos noventa.[13]

A partir desta orixe algúns autores, en castelán, prefiren o termo "fractura digital"[14] ou "estratificación digital", por ser moito máis expresivo sobre o que realmente significa.[15] Na tradución a outras linguas romances, coma o francés, tamén se optou polo termo de "fracture". Non obstante, a meirande parte dos autores hispanos decántase polo de "fenda", máis suave e politicamente correcto. Algunhas outras expresións que foron usadas para referirse á fenda dixital son "divisoria dixital",[16] "brecha inforcomunicacional"[17] e "abismo dixital".[18]

Outros autores estenden o alcance da fenda dixital para explicala tamén en función do que se denominou analfabetismo dixital, que consiste na escasa habilidade ou competencia dun gran sector da poboación, especialmente entre aqueles nados antes da década de 1960, para manexar as ferramentas tecnolóxicas de computación e cuxo acceso aos servizos de Internet é polo tanto moi escaso.

Segundo os estudos realizados por Eurostat, a fenda dixital fai referencia á “distinción entre aqueles que teñen acceso a Internet e poden facer uso dos novos servizos ofrecidos pola World Wide Web, e aqueles que están excluídos destes servizos”. Trátase dunha separación entre as persoas segundo a súa capacidade para utilizar as Novas Tecnoloxías da Información e a Comunicación (TIC) de forma eficaz e aquelas que non teñen acceso ás mesmas, ou téndoo, non saben utilizalas.[19]

Distínguense dous aspectos diferenciais, os que son habitualmente denominados como fenda dixital de primeira e segunda orde (ou primeira e segunda fenda dixital). No primeiro caso, faise referencia ás desigualdades no acceso, en tanto a segunda fenda está vinculada ó coñecemento e aos usos en relación coas Tics (Gómez e Ospina 2002; Proenza, F. 2012; Finkelievich e Prince, 2007, Rivoir 2010). Aínda que a variable xeracional impacta notablemente na fenda dixital, múltiples causas explican estas desigualdades. Variables como xénero, localización territorial, nivel de ingresos, etnia, entre outras, contribúen de maneira relevante á existencia e profundización de ambalas dúas fendas.

A fenda dixital non só refírese ao acceso as TIC, senón que tamén o acceso a ela, neste sentido implica:

  • Infraestrutura: Debe existir unha infraestrutura de telecomunicacións e redes
  • Accesibilidade: Debe existir a posibilidade de acceder os servizos que ofrece a tecnoloxía.
  • Formación: Posuír habilidades e coñecementos para facer uso da tecnoloxía.

Aspectos teóricos

[editar | editar a fonte]

Algúns dos primeiros autores que abordaron o problema da fenda dixital dende unha aproximación sistemática e socialmente profunda foron Herbert Schiller[20] e William Wresch.[21] De maneira xeral, estes autores expoñían a necesidade de incluír tódolos sectores da poboación no acceso á información dispoñible a través das novas tecnoloxías da información e a comunicación, así como das posibles vantaxes derivadas de tal acceso. Para Pippa Norris, trátase dun fenómeno que implica tres aspectos principais: a fenda global (que se presenta entre distintos países), a fenda social (que ocorre no interior dunha nación) e a fenda democrática (que se refire á que existe entre quen participan e quen non participan dos asuntos públicos en liña).[22]

Outra corrente de investigadores centráronse en aspectos cuantitativos da fenda dixital, destacando as diferenzas estadísticas no acceso ás tecnoloxías da información e da comunicación, segundo un extenso abanico de variables socio-demográficas entre as que destacan o sexo, a idade, o nivel de ingresos, a escolaridade, a raza e o lugar de residencia.[23]

Un dos aspectos máis recentes que foi analizado sobre a fenda dixital, ten que ver non samente co acceso a Internet, senón coa calidade de dito acceso e a dispoñibilidade de conexións de banda ancha que permitan acceder ó contido multimedia en tempos e custos adecuados ó contexto dos usuarios.[24]

De forma específica, o investigador neerlandés Jan A.G.M. van Dijck identifica catro dimensións no acceso: a motivación para acceder; o acceso material; as competencias para o acceso; e o acceso para usos avanzados (ou máis sofisticados). Expón que a fenda dixital está en constante evolución, dado o rexurxir de novos usos tecnolóxicos, que son apropiados máis rapidamente por aqueles que teñen o acceso de forma máis permanente e de mellor calidade, determinado polo ancho de banda.[25]

A fenda dixital segundo Serrano e Martínez (2003) citado pola OEI (2014) defínese como: "A separación que existe entre as persoas (comunidades, estados, países ...) que utilizan as Tecnoloxías da Información e a comunicación (TIC) coma unha parte rutinaria da súa vida diaria e aquelas que non teñen acceso ás mesmas e que, aínda que as teñan non saben coma utilizalas".[26] De acordo con Eurostat, a fenda dixital fai referencia á "distinción entre aqueles que teñen acceso a Internet e poden facer uso dos novos servizos ofrecidos pola World Wide Web, e aqueles que están excluídos destes servizos".[27]

Editatón de xénero e fenda dixital realizada en IIPE UNESCO (2015).

Contexto da sociedade da información

[editar | editar a fonte]

Con ocasión do Cumio Mundial sobre a Sociedade da Información (CMSI) os principais grupos da sociedade civil deron vida á campaña CRIS (Communication Rights in the Information Society; en galego, Dereitos de Comunicación na Sociedade da Información),[28] co obxectivo de infundir a axenda do Cumio con cuestións relacionadas cos medios de goberno e dereitos á comunicación.

Na CRIS salientouse a función das novas tecnoloxías coma ferramentas de comunicación de valores comúns entre grupos, individuos e organizacións sociais, criticando unha xustificación instrumental das tecnoloxías vistas principalmente coma un fin, máis que coma un medio para impulsar un cambio social, unha visión instrumental que non considera nin as barreiras culturais e lingüísticas, nin as relacións de dependencia e subordinación técnica, económica e política entre do Norte e do Sur do Mundo.

A inclusión dixital, sostén este sector da sociedade civil, hai que pensala como un asunto colectivo, non individual, onde os beneficios sociais hai que velos en relación aos que se xeran para as comunidades, organizacións, familias e grupos que sacan proveito das tecnoloxías, aínda que non teñan acceso a estas. A eficacia das políticas de inclusión dixital dependerán das posibilidades de integración do coñecemento nos propios obxectivos dos seus beneficiarios, considerando que non existe un só modelo, senón moitas posibles sociedades da información e da comunicación adaptadas segundo as diferentes necesidades e obxectivos individuais e comúns dun planeta para nada homoxéneo.

Segundo a Organización Mundial do Comercio (OMC), as novas oportunidades tecnolóxicas (e do libre comercio a escala global) serán o motor dunha "terceira revolución industrial". Grazas as TIC, poderanse anular as fendas de pobreza e falta de recursos existentes, confrontándose no campo da economía, das transformacións políticas e sociais, da identidade, na cultura e no poder, modelando novas relacións a escala global.

A través do comercio electrónico e dos e-servizos, da redución dos custos de conexión, mellorando a eficiencia dos gobernos e servizos públicos e favorecendo o rol do sector privado, crearase unha "contorna favorable" para lograr a redución das desigualdades entre fóra e dentro dos Estados, sempre segundo a OMC.

Algúns autores críticos[29][30] sinalaron que, se nas grandes axendas internacionais enfatízanse os grandes beneficios que as Novas Tecnoloxías poden ter para os países do Sur, o que até agora se identifica coa Sociedade da Información móstrase coma unha invención das necesidades da globalización, vista como un fenómeno neoliberal; un desenvolvemento que non ten en conta as necesidades dun Sur, que se atopa na parte equivocada da fenda dixital. Segundo esta visión, son os países do Norte os principais propietarios e beneficiarios da World Wide Web, así coma da industria do hardware, do software e da produción dos contidos, o 70% en inglés. O Sur permanece excluído, e con iso aumentan as diferenzas sociais rexionais, e imponse un modelo de desenvolvemento "dende o Norte", ao seu xeito.

Tales voces críticas sosteñen que, de novo, se propoñen vellas lóxicas que nunca promoveron cambios significativos e que, ao contrario, deron lugar a novas relacións de dependencia e acentuaron as desigualdades existentes: o hardware, por exemplo, está pensado en Occidente, o que supón para o Sur novas formas de traballo, moitas veces feminina e infantil, nas industrias de ensamblaxe, reforzando a destrución dos lazos sociais e da economía de explotación e aumentando exponencialmente a polución tecnolóxica.

Dende outros contextos, expúxose equiparar a existencia das fendas dixitais con aspectos pedagóxicos da formación en tódolos ámbitos. A cada fenda dixital deberíalle corresponder unha similar dende a didáctica. A este concepto en construción denominóuselle directamente "fenda didáctica"[31]

Dimensións

[editar | editar a fonte]

Fenda dixital de xénero

[editar | editar a fonte]
Muller trraballanco coa máquina electrónica de procesamento de datos IBM 704, utilizada para facer cálculos na investigación aeronáutica (21 de marzo de 1957).

A fenda dixital de xénero é unha das variables máis relevantes relacionados co atraso das mulleres na incorporación ó mundo das novas tecnoloxías e o uso de Internet. As diferenzas de acceso entre homes e mulleres se dan en tódalas sociedades actuais, tanto en contextos de economías avanzadas coma de economías en desenvolvemento.[32] Igualmente, Arenas Ramiro destaca que "As desigualdades existentes entre homes e mulleres no terreo das novas tecnoloxías e internet, teñen diferentes manifestacións, que van dende o acceso, pasando pola intensidade do uso, até o tipo de uso que se lles dá, sen esquecer, loxicamente, os factores económicos e socioculturais que as rodean".[33]

As mulleres aproveitan cada vez máis as tecnoloxías da información e comunicación (TIC) en tódalas esferas da vida. Pero o mesmo tempo se produce unha fenda de xénero manifesta no so no menor numero de mulleres usuarias das TIC, senón tamén na persistencia das desigualdades estruturais específicas de xénero que constitúen barreiras para seu acceso e uso. Ó principio da aparición das TIC, se partía da idea de que non existía a fenda dixital, senón que o atraso dalgúns sectores, colectivos e países, era un estadio que se superaría co paso do tempo e co crecemento económico (bastaría con ofrecer ordenadores para que a xente os utilizase). Porén, hoxe constátase que hai diversos tipos de fenda dixital e que esta persiste e adquire novas formas; ademais da fenda de acceso, hai unha fenda de uso, unha fenda de contidos e unha fenda de habilidades tecnolóxicas.[34]

Fenda dixital xeográfica

[editar | editar a fonte]

A fenda dixital xeográfica, segundo a OEI, abrangue grupos sociais que se atopan tanto en zonas urbanas coma en zonas rurais.[35] Con todo, a infraestrutura dispoñible para asistir a ámbolos dous grupos é moi diferente. En particular, o illamento xeográfico das zonas rurais expón un acceso total e diferente ó urbano, pois nas áreas rurais escasamente contan polo menos en México coas escolas de nivel básico que poden contar cunha antena, iso se a situación xeográfica o permite, non sendo así nas zonas urbanas onde inda que non hai Wi-Fi gratuíto, existen cibercafés, parques, bibliotecas, etc. que poden dar o servizo, así coma moitos fogares que xa teñen internet.

Segundo este enfoque, o “pobre dixital” é unha persoa que carece, sexa por falta de acceso –consideración de oferta— ou pola falta de coñecemento de como se utiliza ou pola falta de ingresos –consideracións de demanda—, da información e da comunicación que se accede a través das tecnoloxías dixitais. Poden ser considerados pobres dixitais quen non utilizan as TIC, sexa por falta de oferta ou de capacidades de utilización. A isto, pódeselle sumar a carencia de información acerca das vantaxes de utilizar o TIC. Identificar as principais causas da fenda dixital utilizando este esquema conceptual, permite definir, alineamientos de política pública a implementar que permitan achicar as fendas dixitais –ou devandito en termos de Barrantes, reducir a pobreza dixital- de maneira máis eficiente.[36]

Estas diferenzas maniféstanse así mesmo entre homes e mulleres, idades, status social, paralelamente ás "fendas" de sempre: o acceso á sanidade, á educación e mais a mortalidade infantil, a fame e a pobreza.[37]

Cifras globais

Segundo Internet World Stats, en 2019 hai 4.536 millóns de internautas conectados, con porcentaxes de cobertura do total da poboación que oscilan entre o 89% en Estados Unidos e o 88% en Europa, ata o 40% no continente africano. No medio, a cobertura en América Latina e o Caribe alcanza o 69%.[38]

Usuarios de Internet no mundo
2005 2010 2017 2019 2021
Poboación mundial 6.500 millóns 6.900 millóns 7.400 millóns 7.750 millóns 7.831[39]
Usuarios totais 16 % 30 % 48 % 53,6 % 63%
Países en desenvolvemento 8 % 21 % 41,3 % 47 % 57%
Países desenvolvidos 51 % 67 % 81 % 86,6 % 90%
Fonte: ITU (​​Facts and Figures 2021​, 2019, 2017, 2010)[40]

Os datos de 2021 da Unión Internacional de Telecomunicacións mostran que no conxunto do planeta a porcentaxe de usuarios conectados é do 63%,[41] dos que a maioría son dos países desenvolvidos, un 90% deles usan internet, fronte a só un 27% de usuarios conectados nos países menos desenvolvidos (PMD).[42] A distribución rexional tamén é desigual: en Europa están conectados o 87% da poboación; no continente americano, o 81%; na Comunidade de Estados Independentes (as antigas repúblicas ex-soviéticas), o 82%; nos países árabes, o 66%; no resto dos países asiáticos e no Pacífico, o 61% e, en África, o 33%.[42]

O informe SITEAL 2014 para América Latina, baseado na Unión Internacional de Telecomunicacións da ITU, revela datos de penetración da banda ancha fixa (2010-2013) cun crecemento do 5,28% ao 7,35%. O informe destaca que este incremento está en pleno desenvolvemento na rexión xunto co crecemento exponencial da banda ancha móbil nos dous últimos anos, que pasou de 9 accesos por cada 100 habitantes en 2011 a máis de 28 no segundo semestre de 2013.[26] Cabe destacar o crecemento da telefonía móbil na rexión, que pasou do 5,26% en 2011 ao 117,72% en 2014.[26]

Estratexias para diminuír a fenda dixital

[editar | editar a fonte]

Expúxose a necesidade de estimular non só o acceso, senón tamén o uso e o empoderamiento das novas tecnoloxías, xa que estas poden efectivamente incidir en procesos de desenvolvemento, combatendo as demais fendas que subxacen á dixital.[43]

Con todo, algúns traballos concluíron en que moitas destas iniciativas responden a visións optimistas sobre o impacto das tecnoloxías da información e a comunicación no desenvolvemento, e conciben que o problema da fenda dixital resolverase mediante a introdución de computadores persoais con acceso a Internet.[44] Aspectos coma a capacitación dos usuarios e a creación de contidos culturalmente adecuados a cada contexto, son frecuentemente deixados de lado. De forma similar, as comunidades receptoras nestes procesos de equipamento tecnolóxico, poucas veces son tomadas en conta, o que afecta a sustentabilidade a longo prazo de proxectos desta natureza.

Neste sentido, algúns autores expoñen que as TIC deberían proporcionar un espazo de encontro dunha nova esfera pública, onde a sociedade civil poida definirse e comprenderse na súa diversidade e onde as estruturas políticas estean suxeitas ó debate público e sexan avaliadas polas súas accións, garantindo a participación das categorías máis excluídas a través de perspectivas de xénero, rexionais e sociais.[45]

Exclusión dixital

[editar | editar a fonte]

A exclusión dixital vén provocada en moitos casos pola falta non só de acceso, senón de accesibilidade, polas barreiras no acceso universal, isto é, para tódalas idades e (dis)capacidades. Tamén prodúcese en situacións de peche e prisión.[46] A Declaración Universal de Dereitos Emerxentes (DUDHE) aprobada en 2007 deixou definido o dereito á tecnoloxía en relación co dereito á comunicación no seu artigo 5.8., recoñecendo «o dereito de tódalas persoas e de toda comunidade a comunicarse cos seus semellantes por calquera medio da súa elección. Para ese efecto, toda persoa ten dereito ó acceso e o uso das tecnoloxías da información e da comunicación, en particular internet». A exclusión dixital implica así unha situación de violación de dereitos humanos.

Consecuencias da fenda dixital

[editar | editar a fonte]

Unha das consecuencias da fenda dixital é o atraso, así como a dificultade que enfrontan as persoas para saír de condicións de pobreza por ter problemas na toma de información pola falta de acceso a novos coñecementos o que leva a esta parte da sociedade á ignorancia e falta de comunicación social pola limitación de información que ademais os limita a actividades primarias. Cabe resaltar que a implementación da dixitalización debe facerse con moita responsabilidade, e educar no seu uso á poboación.

Por rexións

[editar | editar a fonte]

En España

[editar | editar a fonte]

España ocupa o posto #34 no World Economic Forum Networked Readiness Index (índice que mide como os países aproveitan as oportunidades ofrecidas polo TIC), lonxe de países da súa contorna como Finlandia, Suíza, Alemaña, Francia ou EE. UU.[47] Nestes países a porcentaxe de fogares con acceso a algún tipo de conexión de banda ancha sitúase apenas entre o 50-60%, cunha penetración bastante afastada das outras grandes economías da UE.[27]

A falta de conexión a Internet ou a facilidade de acceso ten consecuencias graves dende o punto de vista da exclusión social. En primeiro lugar, a fenda dixital xera un tipo de exclusión xeográfica, tendo coma as zonas máis afectadas as rurais e as zonas suburbanas que se enfrontan a posibles fallos do mercado e á falta de investimento en TIC e nas súas infraestruturas. En segundo lugar, atopamos un tipo de exclusión catalogado como xeracional: as persoas maiores teñen un nivel de penetración e unha taxa de uso moi inferior aos demais grupos de idades. Finalmente, e contando con que a economía dixital supón xa un 5,7% do PIB do país, as persoas con baixos recursos económicos non poden acceder á información e as ferramentas que ofrece a contorna dixital, sufrindo así mesmo unha descapitalización que ten un alto prezo en termos educativos e de acceso e mantemento no mercado.[48] En termos económicos, a brecha dixital ten un custo social de 1300 millóns de euros en España.[49]

Así mesmo, a fenda dixital vese incrementada polos prezos ofrecidos polas operadoras. No caso de España, a Comisión Europea advertíu de que os prezos do ADSL están por encima da media da UE. De feito, España sitúase entre os países OCDE coa banda ancha máis cara.[50]

  1. Cortés Vera, Jesús (2009-08). "¿Qué es la brecha digital?: una introducción al nuevo rostro de la desigualdad" (en castelán) 23 (48): 233–239. ISSN 0187-358X. Consultado o 2021-11-29. [Ligazón morta]
  2. Caves, R. W. (2004). Encyclopedia of the City. Routledge. p 179.
  3. Compaine, Benjamin M. (2001). The Digital Divide: Facing a Crisis Or Creating a Myth? (en inglés). MIT Press. ISBN 978-0-262-53193-1. Consultado o 26 de decembro de 2019. 
  4. "6.8 billion mobile-cellular subscriptions" (PDF). ICT Facts and Figures (en inglés): 1. 2013. 
  5. Hilbert, Martin (2014). "Technological information inequality as an incessantly moving target: The redistribution of information and communication capacities between 1986 and 2010" (en inglés) 65 (4): 821–835. ISSN 2330-1643. doi:10.1002/asi.23020. Arquivado dende o orixinal o 26 de decembro de 2019. Consultado o 26 de diciembre de 2019. 
  6. Graham, Mark (1 de xaneiro de 2014). "The Knowledge Based Economy and Digital Divisions of Labour" (en inglés) (ID 2363880). Social Science Research Network. Consultado o 26 de decembro de 2019. 
  7. "Lugo, T. (2015) Las Políticas TIC en América Latina: prioridad de las agendas educativas. Red Latinoamericana de Portales Educativos". Arquivado dende o orixinal o 19 de marzo de 2015. Consultado o 23 de marzo de 2015. 
  8. (CEPAL, 2012)
  9. Moreno, Borja (1984). "The Missing Link" (PDF). itu.int (en inglés). Maitland report. Consultado o 22 de agosto de 2022. 
  10. Arenas Ramiro (2011), p. 108
  11. Hoffman, Donna L.; Novak, Thomas P.; Schlosser, Ann E. (2001). "The evolution of the digital divide: Examining the relationship of race to internet access and usage over time". En Compaine, Benjamin M. The Digital Divide: Facing a Crisis or Creating a Myth?. Seire: MIT Press Sourcebooks (en inglés). Cambridge, Massachusetts: The MIT Press. pp. 47-98. ISBN 978-0262531931. 
  12. "Falling Through the Net: Defining the Digital Divide". ntia.doc.gov (en inglés). 28 de agosto de 1999. Archived from the original on 09 de febreiro de 2010. Consultado o 22 de agosto de 2022. 
  13. Hoffman, D.L, Novak, T.P. y Schlosser, A. E. (2001) The evolution of the digital divide: Examining the relationship of race to internet access and usage over time. En Compaine, B. Digital Divide. Cambridge, Massachusetts: The MIT Press
  14. Baigorri, A. (2000), 'La fractura Digital', I Congreso Mundial de Alfabetización Tecnológica, Cáceres; Mattelart, A. (2001). Historia de la Sociedad de la Información. Barcelona: Paidós, p. 163
  15. Carracedo Verde, J.D. (2003). "Jerarquías y desigualdades en el diseño de las Sociedades de la Información: Explorando la estratificación digital", p.1
  16. Castells (2001), p. 275
  17. Ford (2002), p. 115
  18. Crovi (2002), pp. 19, 20, 22 e ss.
  19. "Brecha Digital: Uso y acceso a las TIC." (en castelán). 5 de mayo de 2016. Consultado o 5 de mayo de 2020. [Ligazón morta]
  20. Schiller, H. I. (1996). Information inequety. NovaYork: Routledge. ISBN 0415907659
  21. Wresh, W. (1996). Disconnected. Haves and have-nots in the information age. New Brunswick, Nova Jersey: Rutgers University Press. ISBN 9780813523699
  22. Norris, P. (2001). Digital divide. Civil engagement, information poverty and the Internet world wide. Cambridge, Massachusetts: Cambridge University Press. ISBN 9780521002233
  23. Arquette, Toby J. (2001). "Assesing the Digital Divide: Epirical analysis of a meta-analytic framework for assesing the current state of information and communication system development". Simposium da International Association of Mass Communication Research e a International Communication Association Symposium sobre Fenda Digital, 15-17 de novembro, Austin, Texas.
  24. Serrano & Martínez (2002), p. 16
  25. Pinto Arboleda (xaneiro-xuño 2014), p. 101
  26. 26,0 26,1 26,2 Lugo & López e Toranzo (2014)
  27. 27,0 27,1 "European Commission, Eurostat: Information society statistics at regional level". 
  28. "Communication Rights in the Information Society (CRIS) | Association for Progressive Communications" (en inglés). Consultado o 23 de marzo de 2018. 
  29. Crovi (2004)
  30. Islas & Gutiérrez (2005)
  31. Galindo (2011)
  32. Castaño Collado, Cecilia (agosto de 2008). "La segunda brecha digital y las mujeres". mujeresenred.net (en castelán). Consultado o 24 de agosto de 2022. 
  33. Arenas Ramiro (2011), p. 109
  34. Castaño (2008), p. 15-55
  35. OEI (2013). "Brechas digitales y TIC en Latinoamérica. Los Centros Estatales y Comunitarios1" (PDF). Consultado o 1 de abril de 2018. [Ligazón morta]
  36. "La brecha digital en América Latina | SITEAL". Consultado o 27 de decembro de 2019. 
  37. "Measuring digital development: Facts and figures 2019". itu.int (en inglés). Consultado o 16 de xaneiro de 2020. 
  38. "WORLD INTERNET USAGE AND POPULATION STATISTICS. 2022 Year Estimates". internetworldstats.com (en inglés). Arquivado dende o orixinal o 03 de setembro de 2019. Consultado o 24 de agosto de 2022. 
  39. "Quick Facts (2021)". census.gov (en inglés). Consultado o 24 de agosto de 2021. 
  40. "Facts and Figures 2021, 2019, 2017, 2015, 2010". itu.int (en inglés). Consultado o 24 de agosto de 2022. 
  41. ITU 2021, p. 1
  42. 42,0 42,1 ITU 2021, p. 2
  43. Experience, World Leaders in Research-Based User. "Digital Divide: The 3 Stages" (en inglés). Consultado o 9 de xaneiro de 2020. 
  44. Santos, M.J., De Gortari, R., Angulo, Y., Rueda, E. y Pérez Salazar, G. (2006). Acceso Tecnológico: Una reinterpretación de la biblioteca pública mexicana. México: Conaculta.
  45. Trejo Delarbre, R. (2006). Viviendo en el aleph. La sociedad de la información y sus laberintos. Barcelona: Gedisa.
  46. de Andrés, Susana; García-Matilla, Agustín; Merchán, José María (2021-11-30). "Educomunicación, tics y prisión: Testimonios de personas privadas de libertad en torno a la exclusión digital" (en castelán) (23): 275–290. ISSN 2172-9077. doi:10.14201/fjc202123275290. Consultado o 2021-12-04. 
  47. "The Global Information Technology Report 2013" (PDF). 
  48. "El País, El Gobierno pretende que en 2015 media España tenga Internet a 100 megas (15/02/2013)". 
  49. elEconomista.es. "La exclusión digital de los parados cuesta a España 1.300 millones al año - elEconomista.es" (en castelán). Consultado o 2021-06-17. 
  50. Press, Europa (2013-07-12). "España, entre los países más caros de la OCDE en banda ancha". Consultado o 2021-06-17. 

Véxase tamén

[editar | editar a fonte]

Bibliografía

[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas

[editar | editar a fonte]