[go: up one dir, main page]
More Web Proxy on the site http://driver.im/Saltar ao contido

Escala i corda

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Trinquet, terreo de xogo da pelota valenciana.

A Escala i corda (en galego escaleira e corda), tamén coñecida coma "per dalt corda" (polo alto da corda), é a modalidade de máis prestixio da pelota valenciana e a única, xunto co Raspall que conta con pelotaris profesionais.

Está documentada a existencia de trinquets no País Valenciano dende o século XV, mais o nacemento da modalidade de Escala i corda non se pode datar até preto do 1910, cando o revolucionario pelotari Nel de Murla eliminou as ratlles (raias) do xogo de Llargues para dividir a cancha en dúas metades mediante unha corda de 1,80 m de alzada.

Regulamento

[editar | editar a fonte]
O Pelotari León lánzase por terra para tornar a pelota logo dun rebote na parede do "rest".

O obxectivo da Escala i corda é pasar a pelota golpeándoa coa man por riba da corda. Cando o outro equipo non o consegue, quen fixo a tirada gaña o quinze.

As partidas son a 60 puntos, que se contan de 5 en 5. Cada xogo consiste en catro quinzes (15, 30, val e joc). O empate a 15 denomínase quinzens, o empate a 30 denomínase a dos, se un equipo iguala a val réstalle un quinze e pasan a estar a dos. Quen consegue o val gana o joc e suma 5 puntos. Gana quen primeiro chega a 60.

O quinze comeza cando o feridor tira a pelota ao dauer, quen a debe volver de bo (por riba da corda) ao equipo do rest. Así irán volvéndose a pelota mutuamente golpeándoa no aire (sen que dea ningún bote) ou ao primeiro bote en terra até que un dos dous equipos sexa incapaz de pasala e perda o quinze, ou se cometa falta.

Situacións de falta:

  • Cando a pelota pega dous botes, será quinze de quen a lanzou.
  • Cando a pelota pase por baixo da corda ou a toca, será falta de quen a lanzou, ou sexa, quinze a prol do contrario.
  • Cando un xogador raspa a pelota no segundo bote ou a toca dúas veces seguidas. Será falta súa, quinze a prol do contrario.
  • Cando na ferida (saque) a pelota non bote no dau (dado).

Hai tamén un xeito de facer quinze directo, o máis cobizado polos xogadores por ser o máis doado: consiste en tirar a pelota á galeria (galería) ou á llotgeta de dalt do trinquet sen que volva á cancha de xogo, entón será quinze de quen a lanzou.

Dado que os xogadores profesionais poden tirar a pelota tan arriba e tan lonxe os organizadores da partida ou competición han de aclarar as regras, facendo mención específica a se as galerías están prohibidas ou permitidas [1] Arquivado 09 de maio de 2008 en Wayback Machine.. Unha partida terá as galerias prohibidas' cando toda a pelota que chegue á galería ou á llotgeta de dalt e non caia será quinze perdido, deste xeito penalízase aos xogadores que non procuren ganar os quinzes dun xeito espectacular. En troques, as galerías permitidas é o xeito normal nas partidas entre afeccionados (porque non é doado acadar) e en competicións de man a man (coma o Trofeu Individual Bancaixa), para compensar o esforzo.

Ademais a pelota considérase parada e polo tanto efectúase un saque dende a posición onde se parou cando sucede algunha das seguintes condicións:

  • Se a pelota toca a escaleira e queda parada polo público sentado nela na parte do rest.
  • Se a pelota toca a escaleira dende a corda ao número 6 na parte do rest.
  • Se na parte do dau hai público e a pelota toca a escaleira entre a corda e o número 3.

Os xogadores

[editar | editar a fonte]
Trinquet

A pesar de que tamén se xogan partidas mà a mà (un contra un), a Escala i corda é un deporte de equipos. Poden ser tríos ou parellas, e enfrontarse en calquera combinación: trío contra trío, parella contra parella ou, tamén, trío contra parella, isto último anima as quinielas se a parella é de maior calidade que os compoñentes do trío que, en cambio, ocupan máis espazo.

Sexa como sexa, uns vestirán de vermello e outros de azul, sendo o vermello a cor dos supostamente favoritos ou máis fortes.

Os pelotaris reciben nomes dependendo da posición no trinquet no que xogan. Así, temos o dauer, o mitger e o punter, co engado dun xogador adicional, o feridor (xogador que fai o saque; O punter tamén pode facer esta función).

  • O rest, tamén denominado dauer, reboter ou "escalater", é o xogador máis próximo ás paredes frontais, por tanto, é quen se encargará de devolver as pelotas de rexeitamento e a maioría de pelotas que vaian á escaleira. Ademais, a comezos de cada quinze sitúase no dau para responder á sacada (a ferida) do feridor do equipo contrario. Tamén adoita ser quen se encarga de facer a caiguda d'escala (caída da escaleira).
  • O mitger colócase no medio do rest e do punter e ten como arma principal a volea, é dicir, golpear a pelota antes de que pegue o primeiro bote, acelerando así o ritmo da partida e sen que o outro equipo teña tempo de colocarse de novo. Tamén debe rematar os quinzes enviando a pelota ás galerias, á llotgeta, á careta de l'escala, ...
  • O punter é o xogador máis próximo á corda, de forma que será quen tocará menos pelotas (pola excesiva velocidade que leva) e quen menos forza necesitará por pasala á outra banda, pero á vez será quen a recibirá con máis forza. Adoita ser quen leva máis proteccións.
  • O feridor pode ser o punter ou un xogador que só fai esta función. É quen comeza cada quinze. Bota a pelota nunha laxa debuxada baixo a corda de media cancha tirándoa para que rebote á parede esquerda a unha certa altura, e caia dentro do dau (dado). Chámaselle ferir, porque canto máis baixiña lle chegue ao dauer, ou máis pegada á parede, máis mal lle fará (máis difícil será volver a pelota).
Pelota de Vaqueta

Polo xeral as partidas de escala i corda dispútanse coa pelota de vaqueta. Iso é debido a que é a pelota que mellores condicións reúne para a práctica deste deporte aínda que nalgunha partida non oficial entre afeccionados tamén se utiliza a pelota de badana polo seu menor custo.

Imaxe da final do trofeo individual de escala i corda do ano 2005

Ao entrar ao trinquet, os seareiros poden escoller onde sentar. Os máis prudentes poderán ver a partida desde as galerias e os máis valentes poderán sentar nas llotgetes.

Unha cantidade mínima pero selecta poderá sentar tamén baixo a corda (1,80 m de alzada) que divide a cancha en dúas metades. Pero a maioría do público sentará na metade das escaleiras correspondente ao rest. Debido á súa situación o público convértese nun elemento máis do xogo tido en conta polos pelotaris.

Competicións

[editar | editar a fonte]

Profesionais

[editar | editar a fonte]
  • Campionat Nacional d'Escala i Corda
  • Circuit Bancaixa
  • Copa Diputació
  • Trofeu Ciutat de Llíria
  • Trofeu Individual Bancaixa
  • Trofeu Universitat de València
  • Trofeu Vidal

Afeccionados

[editar | editar a fonte]
  • Lliga de promoció Caixa Popular