[go: up one dir, main page]
More Web Proxy on the site http://driver.im/Saltar ao contido

Dama do Lago

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
(Redirección desde «Dona do Lago»)
A Dama do Lago rapta a Lanzarote. Gravado d´Os idilios do rei, de Lord Tennyson, 1898

A Dona do lago ou a Dama do lago é un personaxe das lendas artúricas con varios papeis: dálle a espada Excalibur ao rei Artur, guía o rei ferido cara a Avalon despois da batalla de Camlann, encanta a Merlín e ademais educa a Lanzarote do Lago. Na mitoloxía celta, a dona do Lago ou a fada Viviane era a señora que rexía Ávalon -a illa da antiga sabedoría-. Era neta de Diana a cazadora, filla do rei de Northumberland ou de Dionás. Os distintos autores e copistas déronlle á dona do Lago diversos nomes: Niniana, Viviana, Nimue, Ninie ou Viviane.

Traxectoria

[editar | editar a fonte]

O personaxe pasou a ter un lugar de relevancia na literatura artúrica, a cal axudou á súa difusión na cultura occidental. Aparece en moitas das obras medievais sobre o rei Artur. A primeira vez que aparece nunha obra literaria é a finais do século XII en Lancelot, o Cabaleiro da Carreta, de Chrétien de Troyes, aínda que non se identificaba polo seu nome aínda, exercendo o seu papel de madriña ou nai adoptiva do cabaleiro da mesa redonda Sir Lanzarote do Lago. Nesta obra, a Dona do Lago entrega un anel máxico a Lanzarote, o cal o protexerá de calquera encantamento. Esta alusión ao carácter máxico do personaxe toma forma cando no ciclo Lanzarote-Grial se menciona a ela expresamente como fada. N´A morte de Artur, de Sir Thomas Malory, a Dama do Lago é quen fai entrega a Artur da lendaria espada Excalibur.

A sedución de Merlín, pintura do prerrafaelita Edward Burne-Jones, 1874

A Dama do Lago é responsábel da desaparición de Merlín, ao pechalo por toda a eternidade nunha cova, aproveitando a influencia que ten sobre o mago namorado. Segundo o Lanzarote en prosa, Merlín ensinou os seus segredos máxicos a Viviane, pola promesa que esta lle fixo de que, en pago, ela lle entregaría o seu amor. No entanto, Viviane aproveita o coñecemento destes segredos para pechar a Merlín. O mago xa vira o seu propio destino, pero non foi quen de o evitar, o cal supón que Viviane posuía un poder extraordinariamente forte para manipular e encantar, incluso a un gran feiticeiro.

Nalgunhas versións da historia artúrica, a Dama deu a Arturo a elixir entre unha copa, unha lanza, un prato e unha espada, como símbolo da unión de Camelot con Ávalon. Tras elixir Artur a Excalibur, foi creada unha funda onde se gardaba a espada que tiña o poder de non deixar derramar nin unha soa gota de sangue ao portador da espada.

Cando Artur morreu, a espada foi devolta a Ávalon, de onde nunca máis volveu a saír. A dama do Lago educou a Morgana (xa que ao principio Morgana ía ser entregada a un convento, mais Viviana negouse) na antiga relixión, e elixiuna como sucesora cando ela morrese. Entregoulla a Artur nun ritual (os lumes de Beltane) onde ningún dos dous se coñecían, e concibiron un fillo chamado Mordred.

Outras historias contan que a Dama do Lago era a máxima sacerdotisa de Ávalon, chamada tamén Viviane, irmá de Igrainne (nai de Arturo e Morgana), irmá de Morgause (tía de Arturo e Morgana, e mai adoptiva de Mordred), irmá de Ninie (amante de Merlín, e filla de Merlín de Bretaña). A Dama do lago quería que a nova relixión (o cristianismo) e a vella relixión (a da deusa e o hastado) convivisen xuntas, cousa que os sacerdotes cristiáns non querían; así que Ávalon, os ritos de Beltane, a deusa e o caldeiro, o hastado e a vella relixión desapareceron nas néboas, deixando só o recordo.

Véxase tamén

[editar | editar a fonte]

Bibliografía

[editar | editar a fonte]
  • Alvar, Carlos. Breve dicionario artúrico. Alianza Editorial, Madrid, 1997. ISBN 84-206-3636-3.
  • Malory, Sir Thomas. A morte de Artur. Baseada no texto de William Caxton. Tradución de F. Torres Oliver, prólogo de C. García Gual; traducido ao español a partir da edición inglesa preparada por Janet Cowen. Ediciones Siruela. Biblioteca medieval, 2 vol., Madrid, 1999. ISBN 84-7844-485-8.