Grancima
As grancimas (ou granzimas) son encimas do tipo das serina proteases, que se encontran almacenadas en gránulos citoplasmáticos e son liberadas polas células T citotóxicas e as células asasinas naturais. O seu nome vén do inglés "granule enzyme" ("encima dos gránulos"). A misión deste encima é inducir a apoptose de células que foron infectadas por virus, o que destruirá tamén os virus.[1][2]
As células T citotóxicas e as células asasinas naturais liberan unha proteína chamada perforina, que ataca a membrana das células diana.[3] Inicialmente os investigadores pensaban que a perforina era a única que podía crear estes poros na membrana plasmática a través dos cales podían entrar as grancimas, que inducirían a apoptose. En realidade, o papel da perforina está peor comprendido ca o da propia grancima, é discutido,[4] e novas evidencias indican que a grancima B pode entrar tamén na célula formando un complexo multimérico coa perforina, e granulisina utilizando para penetrar o receptor de manosa 6-fosfato (ou outro receptor que se encontra en células tumorais), e faino encerrado nunha vesicula. A perforina despois permite que a grancima B pase atravesando a superficie da vesícula ao citosol da célula, causando a apoptose por varias vías.[4][5]
As grancimas inducen a apoptose ao clivar as caspases (especialmente a caspase-3), que á súa vez activa a DNase activada por caspase, o cal degrada o ADN, inducindo cascadas apoptóticas.[6] Ademais, a grancima B (GrB) cliva a proteína Bid, que recruta as proteínas Bax e Bak para cambiar a permeabilidade das membranas das mitocondrias, causando a liberación do citocromo c (que é un dos compoñentes que se necesitan para activar a caspase-9 por medio do apoptosoma), Smac/Diablo e Omi/HtrA2 (que suprimen o inhibidor de proteínas da apoptose, IAPs), entre outras proteínas. Ademais, a grancima B cliva moitas outras moléculas responsables da apoptose sen a axuda da caspase, como se comprobou en experimentos con células T citotóxicas de ratos knockout incubados con outras células.
A secreción de grancima pode detectarse e medirse usando as técnicas da western blot ou ELISA. As células secretoras de grancima poden identificarse e cuantificarse por citometría de fluxo ou ELISPOT. Alternativamente, a actividade de grancima pode estimarse en virtude da súa actividade de protease.
As grancimas, ademais da súa actividade citotóxica intracelular, parece ser que teñen tamén actividades extracelulares, xa que se encontran niveis elevados de grancimas en estado soluble no plasma en pacientes con diversas enfermidades.[7]
Xenes
[editar | editar a fonte]Notas
[editar | editar a fonte]- ↑ Bots M, Medema JP (2006). "Granzymes at a glance". J. Cell. Sci. 119 (Pt 24): 5011–4. PMID 17158907. doi:10.1242/jcs.03239.
- ↑ Chowdhury D, Lieberman J. Death by a thousand cuts: granzyme pathways of programmed cell death. Annu Rev Immunol. 2008;26:389-420. doi: 10.1146/annurev.immunol.26.021607.090404. PMID 18304003. [1]
- ↑ Granzyme A mediated Apoptosis Pathway
- ↑ 4,0 4,1 Joseph A. Trapani and Mark J. Smyth. Functional significance of the perforin granzyme cell death pathway. (Review) [2]
- ↑ What is granzyme?
- ↑ Goping IS, Barry M, Liston P, Sawchuk T, Constantinescu G, Michalak KM, Shostak I, Roberts DL, Hunter AM, Korneluk R, Bleackley RC. Granzyme B-induced apoptosis requires both direct caspase activation and relief of caspase inhibition. Immunity. 2003 Mar;18(3):355-65. PMID 12648453. [3]
- ↑ Buzza MS, Bird PI (2006). "Extracellular granzymes: current perspectives". Biol. Chem. 387 (7): 827–37. PMID 16913832. doi:10.1515/BC.2006.106.