[go: up one dir, main page]
More Web Proxy on the site http://driver.im/Saltar ao contido

Tartaraña cincenta

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
(Redirección desde «Circus pygargus»)
Tartaraña cincenta
Estado de conservación
Pouco preocupante (LC)
Pouco preocupante[1]
Clasificación científica
Reino: Animalia
Filo: Chordata
Clase: Aves
Orde: Falconiformes
(ou Accipitriformes, q.v.)
Familia: Accipitridae
Xénero: Circus
Especie: C. pygargus
Nome binomial
Circus pygargus
(Linnaeus, 1758)
Distribución de C. pygargus      Cría     Inverno
Distribución de C. pygargus      Cría     Inverno

Distribución de C. pygargus      Cría     Inverno

A tartaraña cincenta[2] (Circus pygargus) é unha ave de rapina migratoria, da mesma familia que a gatafornela e a tartaraña das xunqueiras.

Descrición

[editar | editar a fonte]

Son aves de grande superficie de á en comparanza cun corpo lixeiro, o que é a causa do seu característico voo flotante que recorda ás veces ó das gaivotas . Teñen un aspecto máis alongado e delgado cá gatafornela (Circus cyaneus) á que se asemellan moito. Cando están pousadas as puntas das ás tocan case a punta da cola. As tartarañas cincentas amosan claramente o dimorfismo sexual típico das falconiformes. As femias son meirandes cós machos: miden uns 46 cm. de lonxitude fronte os 36 destes. Destas medidas entre 16 a 18 cm. corresponden á cola. Teñen unha envergadura de ás que vai dos 97 ós 115 cm. e pesan entre 225 e 340 gramos, cunha media de 345 g. as femias e de 265 g. os machos. Os machos teñen unha coloración gris azulada semellante á cor das pombas, e as puntas das ás negras. A diferenza doutras especies semellantes teñen bandas negras características nas plumas secundarias, tanto por riba como por baixo das ás. As femias adultas non son doadas de diferenciar das da gatafornela. Son castañas escuras na parte superior, coas cobertoiras superiores da cola brancas. A parte inferior do corpo é na súa parte meirande castaña amarelada, cun barrado lonxitudinal no ventre e as cobertoiras das ás punteadas. Os exemplares novos son durante o seu primeiro outono de vida castaños moi escuros por riba e ocres avermellados por debaixo. E característico da especie a presenza de exemplares melánicos. Neste caso os machos son moito máis escuros, coa cabeza negra, o lombo negro acastañado e a parte inferior gris. As femias afectadas de melanismo son da cor do chocolate, agás por algunhas partes grises das ás. Dánse casos tamén de melanismo parcial.

Femia adulta.

O seu xeito de voar é particularmente grácil, cun poderoso e elegante xeito de bate-las ás, que dá impresión de facilidade.

Distribución, hábitat e migracións

[editar | editar a fonte]

A tartaraña cincenta pode atoparse aínda na parte meirande do Paleártico occidental. En Europa só falta totalmente en Noruega, espallándose a súa área de cría ata os Urais. Crían tamén en Marrocos e outras rexións do norte de África. Malia a súa ampla área de distribución non é unha ave común, agás se cadra en Francia (4.000 exemplares), España (3.000), Rusia (35.000), Belarús e Polonia, onde se concentran as poboacións europeas meirandes. As zonas de reprodución son variables e amosan unha tendencia a criaren esporadicamente fora das áreas habituais. A redución do seu ámbito de presenza é, porén, clara e relaciónase coa redución das súas poboacións.

Viven en rexións de clima temperado, pero tamén en zonas boreais e mediterráneas. Para criar precisan grandes áreas abertas con vexetación alta dabondo para ofrecerlles protección pero non alta de máis. Por ben que se teñen atopado os seus niños en altitudes de ata 1500 metros, é, esencialmente, unha especie de terras baixas, que prefire para face-los niños as vales de ríos grandes, e as chairas preto de lagos ou do mar. Pode criar en zonas húmidas, aínda que, en xeral, estas adoitan ser máis pequenas e secas que as habitadas pola tartaraña das xunqueiras (Circus aeroginosus). Aparecen tamén zonas de dunas, páramos e nas estepas. Poden adaptarse a terras con mato e plantacións con coníferas xoves. A perda dos seus biótopos habituais fai que en nalgunhas zonas se teñan adaptado a criar en terras de labranza, onde son vulnerables ás colleitas de cedo. Dentro das superficies agrícolas escollen principalmente cultivos de herba ou de cereal. Na Europa occidental ata o 70 % das tartarañas cincentas crían en hábitats artificiais. Adoitan preferir lugares nos que haxa puntos de vixía coma paus da cerrumes, árbores pequenas ou rochas. Para cazar procuran zonas con vexetación rara ou baixa, que fai máis fácil a visibilidade das presas. Evitan as áreas de moita densidade de poboación.

Migracións

[editar | editar a fonte]

Son aves migratorias de longa distancia. Os exemplares que viven na parte mais oriental da súa área de cría, desprázanse para pasa-lo inverno ó subcontinente indio; o resto voan á África subsahariana. En Europa, os primeiros emigrantes comezan a marchar a primeiros de agosto e máis das aves marcharon xa a mediados de outubro. Son migradores de fronte ampla, que cruzan o Mediterráneo por diversos puntos. As aves máis occidentais non viaxan máis ó sur do golfo de Guinea, pero algúns exemplares do leste chegan ata Suráfrica. En África comen sobre todo insectos e paxaros, e é posible que sigan os enxames de lagostas [3].

Ovos.
Polos de tartaraña cincenta.

Os exemplares europeos volven maioritariamente en abril, pero hai evidencias de que as aves de primeiro ano pasan o seu primeiro verán nos cuarteis de inverno.

Alimentación

[editar | editar a fonte]

A súa dieta consiste principalmente en pequenos animais de vida terrestre, en máis dos casos pequenos roedores, pero tamén anfibios, réptiles e insectos grandes. Comen tamén paxaros pequenos que, coma algúns insectos, son a miúdo capturados no aire. No verán rouban tamén os polos dos niños doutras aves. Como é lóxico nunha ave de distribución ampla, a importancia de cada especie na súa nutrición é variable: mentres nas estepas capturan sobre todo esquíos terrestres, no sur de Europa a presenza de réptiles e insectos na súa dieta é meirande. As flutuacións das poboacións dalgúns roedores afecta grandemente nalgunhas zonas as taxas de reprodución.[4].

As presas son capturadas voando a baixa altura e velocidade constante, uns 30 quilómetros por hora, por rutas fixas en áreas abertas de todo tipo. Son voadores máis habelenciosos ca outras tartarañas o que lle permite cazar presas máis áxiles. Se lles é posible seguen as beiras da vexetación para coller por sorpresa diante o seu obxectivo. Os paxaros en voo e as presas terrestres en carreira poden ser seguidos en distancias curtas.

Macho adulto.

Son máis ou menos gregarias segundo a época do ano. Unha parella pode asociarse con outras para formar colonias reprodutoras laxas, que poden estar compostas de ata 30 niños dentro da mesma área de cría. Esta conduta parece ter fins defensivas fronte os predadores [5]. O territorio defendido por unha parella e de son uns 300 ou 400 metros ó redor do niño e no caso das colonias a resposta fronte a ameazas como outras aves de rapina meirandes, córvidos e raposos pode ser comunitaria

Reprodución

[editar | editar a fonte]

As parellas fórmanse no territorio de cría. En volvendo da viaxe migratoria comezan os voos de exhibición acompañados de chíos, consistentes en danzas aéreas con subidas e picados coas ás repregadas e figuras acrobáticas que varían individualmente. Aínda que ámbolos dous sexos fan voos de exhibición, estes son máis frecuentes e espectaculares no caso dos machos, que soben a miúdo verticalmente polo aire para deixárense caer en picado cara á parella.

Representación esquemática da tartaraña cincenta

Cría pola primeira vez cando teñen dous ou tres anos, aínda que ás veces algunhas femias dun ano tentan facer o niño. O costume de volver cada ano ó mesmo territorio de cría fai probable que as parellas se repitan en anos sucesivos. As femias constrúen o niño no chan, agochado entre a vexetación alta. Son construcións sinxelas, feitas de herba. Poñen de 3 a 5 ovos, que incuban entre 27 e 30 días. Os polos pasan entre 35 e 40 días no niño e son independentes unhas dúas semanas despois. Durante a estación de cría os machos cazan para a femia e os polos, incrementándose a frecuencia dos fornecementos de entre 5 ou 6 diarios durante a incubación a de 7 a 10 na época de crecemento dos polos. A entrega de comida faise no aire: a femia voa por debaixo do macho e este deixa caer o alimento. O territorio de caza do macho pode chegar ata a 12 km. do niño, mentres que as femias non se afastan a máis dun quilómetro e cazan so cando os polos xa saíron do ovo. Os machos poden ser en ocasións polígamos, polo que teñen que alimentar simultánea ou consecutivamente máis dunha femia ou dunha niñada.

Evolución das poboacións

[editar | editar a fonte]

A poboación do Paleártico occidental é estimada entre 35.000 e 50.000 parellas. A poboación global non se coñece, calculándose en entre 150.000 e 200.000 individuos (Birdlife International, 2004). A incerteza dos datos é causada polo descoñecemento do estado da especie en Rusia e as antigas repúblicas soviéticas onde se concentra máis da poboación a nivel mundial. A súa evolución durante o século XX foi contraditoria, cun aumento das poboacións e da área de distribución ata os anos 1940, cando a persecución humana reduciu as de moitas outras aves de rapina, e un descenso posterior moi rápido, causado polo uso masivo de pesticidas no agro, a modificación das técnicas agrícolas, con colleitas en épocas que impiden as tartarañas criar e producen a destrución dos seus niños polas máquinas colleitadoras. Só algúns países, coma Suecia ou Alemaña se libraron da tendencia negativa nos anos 1990,[6] o que amosa a posibilidade de reverter a situación se lles facilitan hábitats e posibilidades de alimentación axeitados.

Conservación e protección

[editar | editar a fonte]

En Europa occidental o feito de faceren maioritariamente os niños en cultivos de cereais fainas unha especie especialmente vulnerable, que depende directamente da protección dos seus niños. Os niños localizados nos campos poden ser salvados ben recolocándoos ou ben creando un espazo protexido ó redor deles no que non se recolle a colleita [7]. En Francia e a Península Ibérica unha media do 60% dos niños sálvanse por este sistema.[8] A especie está incluída entre as especies de protección especial en Europa.

  1. BirdLife International (2013). "Circus pygargus". Lista Vermella de especies ameazadas. Versión 2013.2 (en inglés). Unión Internacional para a Conservación da Natureza. Consultado o 26 November 2013. 
  2. Penas Patiño, Xosé M.; Pedreira López, Carlos (2004). Guía das aves de Galicia. Ilustrado por Calros Silvar. Baía Edicións. ISBN 84-96128-69-5. 
  3. "Migración da tartaraña cincenta en grauwekiekendief.nl". Arquivado dende o orixinal o 29 de setembro de 2007. Consultado o 12 de outubro de 2007. 
  4. Salamolard M., Butet A., Leroux A., Bretagnolle V. (2000) Responses of an avian predator to variations in prey density at a temperate latitude. Ecology (Ecology) ISSN 0012-9658 Abstract: [1]
  5. Arroyo, Beatriz; Mougeot, Francois; Brtagnolle, Vincent(2001) Colonial breeding and nest defence in Montagu's harrier (Circus pygargus) Behavioural ecology and sociobiology (Behav. ecol. sociobiol.) ISSN 0340-5443
  6. "Belting, C. & R. M. Krüger: Populationsentwicklung und Schutzstrategien für die Wiesenweihe Circus pygargus in Bayern.". Arquivado dende o orixinal o 28 de setembro de 2007. Consultado o 12 de outubro de 2007. 
  7. "Protección dos niños en grauwekiekendief.nl". Arquivado dende o orixinal o 29 de setembro de 2007. Consultado o 12 de outubro de 2007. 
  8. "Beatriz Arroyo, Jesús T. García and Vincent Bretagnolle (2002) Conservation of the Montagu's harrier (Circus pygargus) in agricultural areas. Animal Conservation Vol. 5 Issue 4 Page 283 November 2002". Arquivado dende o orixinal o 18 de setembro de 2019. Consultado o 12 de october de 2007. 

Véxase tamén

[editar | editar a fonte]

Outros artigos

[editar | editar a fonte]

Bibliografía

[editar | editar a fonte]
  • Cramp, S. e Simmons, K.E.L. (eds) (1980) The Birds of the Western Palearctic, Vol. II, Oxford University Press. ISBN 0-19-857505-X
  • Gensbøl, Benny (1989). Collins guide to the Birds of Prey of Britain and Europe North Africa and the Middle East, William Collins Sons and Co Ltd. ISBN 0-00-219176-8

Ligazóns externas

[editar | editar a fonte]