[go: up one dir, main page]
More Web Proxy on the site http://driver.im/Saltar ao contido

10 Downing Street

10 Downing Street
O exPrimeiro Ministro Tony Blair co vicepresidente dos Estados Unidos Dick Cheney ás portas do 10 de Dowining Street.
Coordenadas51°30′12″N 0°07′40″O / 51.503333333333, -0.12777777777778
editar datos en Wikidata ]

O Número 10 de Downing Street é a residencia oficial e oficina de traballo do Primeiro Lord do Tesouro e do Primeiro Ministro do Reino Unido. A sede do Goberno da Súa Maxestade, está situada en Downing Street na Cidade de Westminster en Londres, Inglaterra. O centro do Goberno do Reino Unido, é a casa e lugar de traballo do Primeiro Ministro, con oficinas para secretarias, asistentes e conselleiros. Tamén contén salas de conferencias e comedores onde o Primeiro Ministro se reúne con outros líderes e dignatarios estranxeiros. O edificio está preto do Palacio de Westminster, que alberga o Parlamento do Reino Unido, e do Palacio de Buckingham, residencia da Raíña Isabel II.

Sir Robert Walpole.

Nas súas orixes, o número 10 eran tres casas. En 1732 o rei Xurxo II deulle estas tres casas a sir Robert Wapole como agradecemento ós servizos prestados á nación. Walpole aceptounas pero coa condición de que serían un agasallo á oficina do Primeiro Lord do Tesouro máis que un agasallo para el mesmo. Walpole contratou con William Kent para unir as dúas casas nun mesmo edificio, que é o que hoxe en día se coñece como o 10 de Downing Street. A reorganización non foi un éxito inmediato. A pesar do seu gran tamaño e situación, son poucos os Primeiros Ministros que viviron nela. O número 10 foi pechado moitas veces para o seu derrubamento debido ó seu custo de mantemento e o desleixado e decadente estado. Non obstante, o número 10 sobreviviu e quedou ligado a moitos dos grandes estadistas e eventos da historia británica e, gradualmente, a xente empezou a apreciar o seu valor histórico. No 1985, a Primeira Ministra Margaret Thatcher dixo que o Número 10 se convertera "nunha das máis prezadas xoias do patrimonio nacional".[1]

Historia do edificio

[editar | editar a fonte]

O número 10 orixinal antes de 1733 e o edificio de Downing Street

[editar | editar a fonte]

O número 10 de Downing Street, a residencia do Primeiro Lord do Tesouro e do Primeiro Ministro do Reino Unido, eran orixinariamente tres casas: unha mansión con vistas a St. James's Park chamada "a casa de atrás", unha casa modesta sita detrás no número 10 e unha pequena cabana ó lado do número 10. A casa modesta, da que o edificio actual toma o seu nome, foi unha das numerosas casas construídas por sir George Downing entre 1682 e 1684.

Retrato de sir George Downing que colga no recibidor do 10 de Downing Street.

Downing, un espía que traballou para Oliver Cromwell e posteriormente para o rei Carlos II, investiu astutamente en propiedades e adquiriu unha considerable riqueza.[2][3][4] En 1654 adquiriu o contrato dunha parcela de terra ó sur de St. James's Park, estremeira coa casa de atrás, a pouca distancia do Parlamento. Downing planeou construír unha ringleira de casas deseñadas "para persoas de boa calidade para vivir nelas".[5] A rúa onde construíu esas casas leva agora o seu nome, e a maior parte converteuse no que hoxe en día é o Número 10 de Downing Street.

Houbo outra reclamación por estas terras. A familia Hampden tiña un contrato de arrendamento coa Coroa ó que se negaron a renunciar. Downing loitou contra eles nos tribunais, pero fallou no seu intento. En consecuencia, tivo que agardar trinta anos a que o contrato dos Hampden expirase antes de construír as súas casas. Cando chegou o momento, Downing recibiu permiso para construír máis cara ao oeste para aproveitar os recentes desenvolvementos inmobiliarios.[6]

En menos de dous anos, entre 1682 e 1864, Downing construíu unha rúa sen saída con casas de dous andares, cortes e vistas a St. James's Park. Non está claro cantas casas construíu, algúns historiadores din que quince, outros din que vinte. Posiblemente, orixinalmente houbo 15, ás que se engadiron algunhas máis posteriormente. As direccións tamén mudaron en moitas ocasións; o número 10 foi de feito o número 5 durante un tempo, e non se converteu en "10" ata 1787.[7]

Downing empregou o renomeado arquitecto Christopher Wren para deseñar as casas pero o resultado non foi impresionante. Aínda que grandes, as casas levantáronse moi rapidamente e a baixo custo, e construíronse sobre solo brando e con poucos cimentos. O Primeiro Ministro Winston Churchill dixo que o número 10 era "fráxil e lixeiro, construído polo empresario e contratista cal nome leva a rúa".[8]

Probablemente Downing nunca viviría nas casas que tanto tivo que agardar para construír. En 1675 retirouse a Cambridge onde morreu poucos meses despois de rematar a súa rúa.

"A casa de atrás" antes de 1733

[editar | editar a fonte]

"A casa de atrás", a máis grande das tres partes orixinais que constituíron a residencia do Primeiro Lord e do Primeiro Ministro, era unha mansión construída ó redor de 1530 a carón do Palacio de Whitehall, por entón a principal residencia real. Foi un dos numerosos edificios que conformaban os "apousentos da cabina"; chamados así debido a que estaban adxacentes a unha estrutura octogonal usada como posto de combate. A principios do século XVII, converteuse nunha sala de concertos e nun teatro pero mantivo o seu antigo nome. Despois da Revolución Gloriosa de 1688, algunhas das primeiras reunións do gabinete celebráronse alí en segredo.[9]

O Palacio de Whitehall, na parte máis á dereita está "a casa de atrás".

Durante a época Tudor, a casa de atrás era a casa do Guardés do Palacio de Whitehall, responsable do mantemento do palacio incluíndo as cabinas. Durante moitos anos, foron ocupadas por Thomas Knevett (ou Knyvet), famoso por capturar a Guy Fawkes en 1605, desbaratando o seu plan para asasinar a Xacobe I de Inglaterra. No ano anterior, Knevett mudou á casa do lado, aproximadamente onde o número 10 se atopa hoxe en día.[10][11]

Dende entón, membros da realeza e do goberno viviron na casa de atrás. En 1604 o fillo de Xacobe I de Inglaterra, o Príncipe Carlos (futuro Carlos I), viviu alí durante un curto período. A seguinte inquilina foi a pequena princesa de oito anos Isabel Estuardo. Antes de mudarse, construíronse as cociñas e unhas habitacións para os criados, e a propiedade ampliouse para incluír a pequena pista de tenis onde Henrique VIII ó seu deporte preferido. Isabel viviu alí ata 1613 cando casou con Federico V, Elector Palatino, e mudou a Hannover. Isabel foi a avoa de Xurxo, o Elector de Hannover, quen se converteu en Rei de Inglaterra en 1714, e a bisavoa do Rei Xurxo II de Inglaterra, quen ofreceu a casa a Walpore en 1732. Polo tanto, durante un período de cen anos esta casa significou a unión das casas reais dos Estuardo e os Hannover.[12]

Oliver Cromwell viviu na casa de atrás entre 1650 e 1654; a súa viúva o fixo durante un ano en 1659. George Monck, Primeiro Duque de Albermarle, o xeneral que fixo posible a restauración da monarquía, viviu nela dende 1660 ata a súa morte en 1671. Monck foi o Primeiro Lord da Gran Comisión do Tesouro entre 1667 e 1672 que transformou as contas reais e permitiu á Corona ter máis control sobre o gasto. Estas medidas tamén permitiron a creación da autoridade legal do Primeiro Lord do Tesouro. O home ó que se lle debe todo este desenvolvemento foi o secretario de Monck, Sir George Downing, a mesma persoa que posteriormente construiría Downing Street. Monck é p primeiro ministro asociado co tesouro que viviu no que se convertería na casa do Primeiro Lord do Tesouro e Primeiro Ministro.[13]

En 1671, George Villiers, Segundo Duque de Buckingham, tomou posesión cando se converteu nun destacado membro do Ministerio Cabal. Tras un considerable gasto do goberno, Villiers reconstruíu a casa. O resultado foi a espazosa mansión, que se atopaba paralela ó Palacio de Whitehall. Dende os seus xardíns había unha vista completa de St. James's Park, onde pastaban os cervos e a nobreza paseaba por camiños bordeados con árbores e esculturas.[14]

Despois de retirarse Villiers en 1676, Lady Charlotte Fitzroy, unha filla ilexítima de doce anos de Carlos II, mudouse á casa cando casou co Conde de Lichfield, Magister Equitum. En preparación para o novo inquilino, a Coroa autorizou a realización de grandes traballos de reconstrución, unha vez máis. Estes traballos incluían a ampliación do xardín e o engadido dun novo andar, outorgándolle á casa tres andares principais, máis un ático e unhas bodegas. A mansión resultante, coñecida como Lichfield House, pode verse hoxe en día na parte de atrás do 10 de Downing Street.[15]

A razón probable pola que a mansión necesitou unha ampla reparación pouco tempo despois da renovación de Villiers, é que a casa asentouse, causando danos estruturais. A zona de Westminster foi un pantano coñecido na época medieval como Thorney Island (A illa de espiñas). Ó igual que Downing Street, a casa de atrás aséntase sobre uns cimentos superficiais, un erro de deseño causou problemas ata 1960, cando o moderno número 10 se reconstruíu sobre uns cimentos asentados en profundos piares.[16]

Lady Lichfield e a súa familia seguiron a Xacobe II de Inglaterra ó exilio tras a Revolución Gloriosa. En 1690, os novos monarcas, Guillerme III e a raíña María II, ofreceron Lichfield House a Hendrick van Nassau-Ouwerkerk, un xeneral holandés e primo do rei, que axudou a asegurar a coroa para o entón Príncipe de Orange. Nassau, que anglicanizou o seu apelido a "Overkirk", viviu na casa de atrás -agora chamada Overkirk House- ata o seu pasamento en 1708.[15]

A casa retornou a mans da Coroa cando Lady Overkirk morreu en 1720. O Tesouro emitiu unha orde "para reparar na mellor e máis substancial forma" cun custo de 2.522 libras, unha gran suma de diñeiro naquela época. As obras incluían "a reparación do pasadizo que dá a Downing Street e unha nova porta; a construción dunha nova casa", e outras reparación e ampliacións.

Unha vez rematadas as reparacións, Johan Casper von Bothmar, Conde de Bothmar, enviado dende Hannover e conselleiro de Xurxo I e Xurxo II, instalouse na casa. Aínda que Bothmar se queixou bastante acerca "da ruinosa condición das premisas",[17] viviu alí ata a súa morte en 1732.

  1. JONES, nunha carta de Margaret Thatcher usada como prólogo para o libro.
  2. Bolitho 1957, p. 16-21.
  3. Jones 1985, p. 24-32.
  4. Feely 1982, p. 17-31.
  5. Minney 1963, p. 28.
  6. Feely 1982, p. 28-31.
  7. Jones 1985, p. 41.
  8. Bolitho 1957, p. 20.
  9. Minney 1963, p. 23.
  10. Jones 1985, p. 16-18.
  11. Minney 1963, p. 23-24.
  12. Minney 1963, p. 24.
  13. Minney 1963, p. 24-25.
  14. Jones 1985, p. 20-21.
  15. 15,0 15,1 Jones 1985, p. 21.
  16. Minney 1963, p. 25.
  17. Minney 1963, p. 33.

Véxase tamén

[editar | editar a fonte]

Bibliografía

[editar | editar a fonte]
  • Bolitho, Héctor (1957). No. 10 Downing Street: 1660–1900. Hutchinson. 
  • Feely, Terence (1982). No. 10: The Private Lives of Six Prime Ministers. Sidgewick and Jackson. 
  • Jones, Christopher (1985). No. 10 Downing Street: The Story of a House. The Leisure Circle. 
  • Minney, R.J. (1963). No. 10 Downing Street: A House in History. Boston: Little, Brown and Company. 

Ligazóns externas

[editar | editar a fonte]